Chuza! denuncia a 'Taxa Google' ante os eurodeputados galegos

Portada de Chuza! Dominio Público Praza Pública

A reforma da Lei de Propiedade Intelectual, o pasado ano, introduciu a obriga para as páxinas web do pagamento dun canon por enlazar contidos protexidos por dereitos de propiedade intelectual. É o denominado Canon AEDE (por ter sido impulsado pola Asociación Española de Editores, un lobby que agrupa á maior parte das empresas editoras de xornais impresos de España) ou Taxa Google, por buscar sobre todo que Google News e outros agregadores de novas compensen os xornais da asociación por enlazar os seus contidos. A reacción inmediata de Google foi pechar o seu servizo de noticias en España, o que provocou un importante descenso nas cifras e audiencia das edicións dixitais dos grandes xornais.

O texto solicita a súa intervención para facer fronte aos prexuízos que a norma lle provoca a Chuza.org, á súa comunidade de usarios e usuarias e á rede galega en xeral

Asociacións de internautas, blogueiros, agregadores de novas e distintas comunidades de usuarios levan meses protestando contra o canon. Agora faino oficialmente a Asociación Cultural Chuza, que vén de remitirlle unha carta aos eurodeputados e eurodeputadas galegas Francisco Millán Mon (PP), José Blanco (PSOE), Lidia Senra (AGE), Javier Couso (EU) e Ana Miranda (futura eurodeputada polo BNG). O texto solicita a súa intervención para facer fronte aos prexuízos que a norma lle provoca a Chuza.org, á súa comunidade de usarios e usuarias e á rede galega en xeral.

"Coa entrada en vigor da ultima revisión da LPI, a actividade da nosa web queda suxeita a taxación arbitraria por parte dun organismo privado. Como Asociación Cultural sen ánimo de lucro non podemos permitirnos taxación de ningún tipo, xa que todos os nosos esforzos tanto humanos como económicos están enfocados a actividades sen rendemento económico", sinala. Destacan que a lei "está creando un grave perxuízo, especialmente a unha comunidade minorizada, como é o caso da galega, que depende de webs como a nosa para visibilizar contidos e atraer público". E lembran que "non estamos a vulnerar a propiedade intelectual no sentido de que non estamos empregando contidos alleos co fin de lucrarnos e ademáis mesmo estamos dando valor a contidos e productos galegos, facilitando o seu acceso e promovendoos sen contrapartida algunha".

"Pedimoslle que desde a súa posición no Parlamento Europeo defenda os intereses da rede galega e pida a abolición da lei actual ou a exención do pago da taxa para entidades sen ánimo de lucro como a nosa en toda a Unión Europea", conclúen.

Este mesmo luns Ana Miranda (BNG) presentou, a través do eurodeputado Josu Juaristi, unha pregunta dirixida ao presidente do Consello europeo na que denuncia os prexuízos provocados pola nova norma ás comunidades virtuais en linguas minorizadas e na que lembra que España violou a Directiva 98/34/CE por non ter informado á Comisión da modificación da lei.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.