Os impostos da Xunta xestiónanse obrigatoriamente con Windows

Visita da ex conselleira de Facenda a unha oficina da Axencia Tributaria © Xunta

Un principio xeral da contratación pública é que debe velar, en todo caso, pola "salvagarda da libre competencia e a selección da oferta economicamente máis vantaxosa" para as arcas da institución de que se trate. Así, nos pregos de condicións de cada contrato as administación definen de maneira máis ou menos xenérica as características do produto ou servizo que mercan para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas. Deste xeito, por exemplo, ao mercar un vehículo os gobernos definen a súa cilindrada, pero non a súa marca. Estas liñas xerais adoitan esvaer, cando menos na Administración autonómica galega, cando o que se está a mercar son ordenadores, máis concretamente o seu sistema operativo, isto é, o programa sobre o que funcionan todos os demais. Neste caso, a multinacional americana Microsoft e o seu produto estrela, Windows, adoita ser a única opción posible. Isto é o que vén acontecendo reiteradamente e o que volve acontecer, agora na Axencia Tributaria de Galicia por importe de ata 191.633,75 euros.

O Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financiera e Contable (CIXTEC), dependente da Consellería de Facenda, vén de iniciar os trámites para mercar un mínimo de 152 ordenadores persoais nun contrato que inclúe a "reinstalación de 125 equipos xa existentes e a súa reubicación en oficinas de presentación da Axencia Tributaria", a antiga Dirección Xeral de Tributos. Como en calquera contrato público, a entidade detalla "as características mínimas dos equipos", uns "requisitos mínimos obrigatorios" sen os cales as ofertas "non serán tomadas en consideración".

A Xunta non deixa opción a que as empresas formulen ofertas máis económicas baseadas en software libre

Así, nos computadores "tipo A", 125 ordenadores de sobremesa co seu correspondente monitor, a Xunta esixe requisitos relativos ao procesador, á memoria, ao disco duro ou aos periféricos sen especificar marcas comerciais. Isto non sucede no que atinxe ao sistema operativo, para o que pide unha "licenza OEM Windows", o que implica que cada ordenador debe traer preinstalado o sistema operativo de Microsoft sen posibilidade de que, por exemplo, as empresas poidan ofrecer outras solucións baseadas en software libre, máis económica e adaptadas á xestión contable.

Os 152 ordenadores que merca Facenda teñen que ter preinstalado o sistema operativo de Microsoft

Esta mesma esixencia é a que estipula Facenda para comprar 4 ordenadores de alto rendemento con cadanseus dous monitores e dous lotes de ordenadores portátiles, un de 18 e outro de 5 equipos que presentan diferentes características técnicas pero coinciden en ter que ter o Windows preinstalado. Con esta decisión Facenda e a Xunta en xeral continúan a súa tendencia de priorizar, mesmo con carácter exclusivo, a compra do sistema operativo de Microsoft na adquisición de ordenadores novos.

Isto contrasta, asemade, co compromiso reiterado do Goberno de "migrar progresivamente" cara a solucións de software libre. Nesta liña, o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, gabábase en setembro de 2013 de reducir progresivamente o pagamento de licenzas de Microsoft e explicaba, a preguntas deste diario, que a Xunta está a "dar todos os pasos para implementar" o seu plan de migración a programas non privativos. "Todo o que atopamos en 2009 como un sistema pechado foise diminuíndo", afirmaba daquela, comprometéndose ademais a que "os programas informáticos que poñamos a funcionar ex novo, todos poidan discurrir en sistemas libres ou abertos". "Pasamos aproximadamente do 47% de ordenadores libres a máis do 95% de ordenadores libres", aseguraba.

Visita da ex conselleira de Facenda a unha oficina da Axencia Tributaria © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.