Unidade hoxe, para defender a universidade pública de mañá

Presentación do manifesto, este mércores en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Os claustrais en representación do Persoal de Administración e Servizos (PAS) das universidades galegas presentaron este mércores en Compostela o Manifesto pola subsistencia dun Sistema Universitario Galego público, no que denuncian a "precariedade financeira" á que a Xunta somete ás tres universidades que sofren, ademais, unha falta de autonomía que as incapacita "para cumprir as funcións de formación e investigación que lle son propias e que resultan imprescindibles para o desenvolvemento social e económico do noso país".

Fixeron un chamamento á sociedade a defender a universidade pública, "non só na conxuntura do aquí e agora, senón pensando unha universidade para Galicia a medio e longo prazo"

Os representantes do PAS fixeron un chamamento á sociedade a defender a universidade pública, "non só na conxuntura do aquí e agora, senón pensando unha universidade para Galicia a medio e longo prazo". Máis en concreto, e fronte á negociación do novo Plan de Financiamento, reclámanlle aos órganos de goberno da universidades, aos reitores e ao persoal das universidades galegas en xeral "unha reflexión sobre a universidade que necesita o país, que asumamos a responsabilidade de pensar e defender a universidade pública galega a medio e longo prazo, romper as dinámicas conxunturais que levan ás universidades a pensar unicamente no acuciante presente inmediato e a competir pola miseria".

Instaron, así mesmo, aos tres reitores a "reclamar o financiamento que lles permita sobrevivir, comezando polo reintegro do aforro por recortes salariais nos últimos tres anos" e a "acadar unha posición de unidade", marcándose como obxectivo prioritario "harmonizar a posición unitaria das mesmas, que evite a competencia e o conflito entre elas e reforce unha posición ética do Sistema Universitario Galego, fronte as políticas da Xunta de Galicia que perseguen claramente cambiar o modelo de Universidade Pública, de prestixio, por outra de tipo asistencial, promovendo a creación de máis universidades privadas".

O obxectivo da Xunta é ligar unha maior porcentaxe de fondos á consecución de obxectivos

En canto ao financiamento, o manifesto lembra que o Plan 2010-2015, "ademais de supoñer un recorte drástico", de máis do 20%, supuxo un cambio de modelo cara unha concepción "aínda máis mercantilista", pois reduciu drasticamente o financiamento estrutural e incrementou até un 30% no 2015 o financiamento por obxectivos. "Un financiamento por obxectivos tramposo, pois ten teito orzamentario", destacan. Dado que a cantidade destas achegas por indicadores é fixa, non se promove a calidade nin a mellora, senón que só se fomenta a competición entre as tres universidades. Pode darse o caso de que unha universidade mellore os seus indicadores e perda financiamento, se as outras avanzaron máis, ou que suceda á inversa: que empeore e gañe financiamento, se as outras o fixeron peor. 

De cara ao seguinte Plan, que estará en vigor ata 2020 e que se está negociando nestes momentos, o obxectivo da Xunta é ligar unha maior porcentaxe de fondos á consecución de obxectivos. Este financiamento por variables, din, fomenta a competición no canto da cooperación, a pesar que decote se insta as tres universidades a traballar en conxunto. Porén, o plan de financiamento penaliza economicamente na práctica esta cooperación.

Ademais, sinalan, no financiamento destinado a convocatorias de investigación "a Xunta convoca de forma e maneira que, cada ano queda unha altísima porcentaxe sen executar, co que termina sendo na práctica, un recorte máis sobre o financiamento que anuncia". Critican, igualmente, que parte do discurso da Xunta cando se lle reclama unha mellora no financiamento sexa que as universidades deben buscar financiamento fóra, por exemplo en convocatorias de fomento da investigación. Porén, din, estes fondos son finalistas e serven para pagar unha investigación determinada, e non poden ser empregados para pagar por exemplo os gastos xerais dunha facultade ou dun departamento. 

O manifesto tamén lembra a falta de autonomía financeira das universidades, a súa cada vez menor capacidade de decidir e planificar a medio prazo. "Isto compleméntase con presións directas, instrucións sobre contratación de persoal que impide as universidades planificar e decidir as contratacións segundo os servizos que presta", sinalan. "Unha intromisión evidente na autonomía universitaria que, con frecuencia, é claramente vulneración", engaden.

O manifesto tamén lembra a falta de autonomía financeira das universidades, a súa cada vez menor capacidade de decidir e planificar a medio prazo

Os problemas de financiamento, unidos á aplicación nos últimos anos da taxa máxima de reposición de postos de traballo, incrementou o proceso de avellentamento do persoal das universidades. O manifesto lembra que no 2010 do profesorado das universidades galegas, o 15,7% eran menores de 40 anos, o 36,8 % entre 41 e 50 anos e 47,6 % máis de 50 anos. E alerta de que coa taxa de reposición actual no ano 2020 "teriamos aproximadamente 80% do PDI por riba dos 50 anos, dos cales a metade estarían por riba do 60 anos" e habería ademais "unha redución nos cadros de persoal estruturais de máis do 10%". 

Rolda de prensa dos representantes do PAS nos claustros das tres universidades CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.