Galicia, eclipsada

Ata o 2026 non se poderá ver dende Galicia un eclipse tan importante CC-BY-SA T.Voekler

Este venres haberá unha eclipse de sol que terá en Galicia un dos seus mellores puntos de observación, chegando a ocultarse en máis dun 75%, a maior porcentaxe de toda España. Por exemplo, en Madrid o sol ocultarase nun 66% e en Barcelona nun 63%, lonxe do norte de Europa, onde capitais coma Oslo (90%) ou París (80%) poderán ver o fenómeno con máis claridade. A eclipse comezará en Galicia ás 9:05 horas, chegará ao seu máximo ás 10:09 e rematará ás 11:18, como se pode ver na información achegada polo Observatorio Astronómico Nacional (OAN). Será, ademais, a última grande eclipse solar que se poderá ver na Península ata o 12 de agosto de 2026 cando haberá unha eclipse total.

A eclipse comezará en Galicia ás 9:05 horas, chegará ao seu máximo ás 10:09 e rematará ás 11:18

A eclipse deste venres será a máis importante que se vexa en Galicia dende a espectacular eclipse anelar do 3 de outubro de 2005. Entón, aínda que a Lúa se situou xusto fronte ao Sol, non o tapou completamente deixando un aro de luz solar arredor do satélite. Iso debeuse a que a Lúa estaba preto do apoxeo –máxima distancia a nós, tendo en conta que a distancia entre a Lúa e a Terra oscila entre 356.375 e 406.720 quilómetros–. A última eclipse total de Sol vista en Galicia foi a de 1912.

A web Misión Eclipse ofrece unha gran cantidade de información sobre o fenómeno e tamén permitirá seguir a súa evolución en directo. Tamén realizarán un seguimento en directo as web do Real Instituto y Observatorio de la Armada e de Canal Ciencia. Asi mesmo, o divulgador científico X. Dosi Veiga preparou para a eclipse anular de Sol de 2005 un exhaustivo manual cheo de información interesante que se pode consultar ou descargar.

Os ceos estará completamente despexado no sur das provincias de Pontevedra e Ourense, con máis nubosidade no resto de Galicia e algunha probabilidade de chuvia no norte de Lugo

Será, ademais, un día festivo para moitas persoas, pola ponte do 19 de marzo, o que pode animar a seguir a evolución deste fenómeno. En canto ao tempo, os ceos estará completamente despexado no sur das provincias de Pontevedra e Ourense, con máis nubosidade no resto de Galicia e algunha probabilidade de chuvia no norte de Lugo.

 

Recomendacións de seguridade

Recoméndase nunca ollar directamente o sol neses momentos, pero de igual xeito tamén se desaconsellan outras solucións, coma empregar radiografías, carretes antigos de fotos ou cedés

Distintas entidades realizaron estes días recomendación para evitar os graves danos que pode provocar na visión o mirar directamente o eclipse. A principal é nunca ollar directamente o sol neses momentos, pero de igual xeito tamén se desaconsellan outras solucións, coma empregar radiografías, carretes antigos de fotos ou cedés. Menos recomendable aínda é empregar telescopios ou prismáticos non adaptados, que poden provocar un dano nos ollos aínda maior, ao concentrar a luz e poden chegar a queimar fisicamente a retina. A intensidade da luz do Sol -non só a visible, tamén a emitida noutras frecuencias, como a infravermella ou a ultravioleta- é suficiente para producir danos irreparables nos nosos ollos.

Entre as alternativas seguras están algúns modelos de gafas especiais, gafas de eclipse, que se poden adquirir en ópticas ou a través de Internet, pero que en calquera caso non se deben empregar de forma prolongada. Unha alternativa, se non se dispón das gafas especiais ao efecto, pode ser usar os cristais que se adoitan utilizar en soldadura “pero neste caso débense manexar con máximo factor de protección e non mirar de xeito continuado”, advirte José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, que subliña que “en todo caso, os máis cativos deben estar vixiados en todo momento".

Pódese idear algún artefacto que permita ver a imaxe do sol proxectada sobre algún tipo de superficie lisa

Ou, de forma máis sinxela e barata, pódese idear algún artefacto que permita ver a imaxe do sol proxectada sobre algún tipo de superficie lisa. Este método baséase no efecto Pinhole (ollo de agulla), semellante ao que se produce nunha cámara escura. O buraco pódese facer nese momento ou tamén se pode empregar algún instrumento que teñamos pola casa, coma unha escumadeira. A Agrupación Astronómica de Navarra publicou un documento con instrucións detalladas para construír un tubo de observación solar. Sarah Roberts explica en AstroEdu un método para elaborar un aparello semellante con materiais que todo o mundo ten nas súas casas. No sitio web do Planetario de Pamplona hai unha sección específica con propostas de actividades.

 

Actividades de observacións en Galicia

Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Lugo acollen eventos de observación

  • Vigo: A Fundación Ceo, Ciencia y Cultura, a Agrupación Astronómica Rías Baixas e a Asociación Astronómica de Vigo organizan unha observación conxunta na praia de O Vao, en Coruxo. O evento comezará ás 9 horas no paseo que percorre a praia, onde se colocarán telescopios, prismáticos con filtros solares e gafas especiais para poder contemplar o sol. As persoas que se acheguen estarán acompañadas en todo momento por expertos que lles poderán ir dando explicacións.
  • A Coruña: Haberá unha observación pública da eclipse nas inmediacións da Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarita, organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a propia Casa das Ciencias.
  • Santiago: O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organiza nos xardíns das súas instalacións, no Campus Sur, un evento de observación, entre as 9:05 e as 11:18 horas. O Observatorio tamén convoca eventos de observación en Sanxenxo e Padrón.
  • Lugo: A Federación Galega de Astronomía e o Concello de Lugo organizan unha observación da eclipse solar, con periscopios e prismáticos adaptados, no adarve da Muralla, na zona da Mosqueira. Posteriormente farase unha ruta de sendeirismo para darlle a benvida á primavera, que comezará ao redor das 11.30 dende a Ponte Romana de Lugo.
  • Pontevedra: A Asociación Astronómica Sirio instalará telescopios para ver o eclipse na praza da Ferraría. Tamén montarán unha pantalla para as persoas que non queiran ou non poidan ver o eclipse directamente, xa que retransmitirá a imaxe que se pode ver dende o telescopio. Ademais repartirán gafas entre as persoas que o desexen para poder ver o eclipse. Pola tarde, ofrecerá unha conferencia na Casa das Campás, semellante á que tivo lugar este mércores en Redondela.
  • Ferrol: A sección de Astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol instala tres telescopios solares na praza do barrio de Canido para seguir a eclipse.
Ata o 2026 non se poderá ver dende Galicia un eclipse tan importante CC-BY-SA T.Voekler
Área do planeta no que se poderá ver o eclipse © timeanddate.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.