"Vivimos unha época moi especial, na que Internet ía chegando aos poucos"

Unha das instalacións da Facultade de Informática que acolleron o traballo do GPUL Dominio Público GPUL

En 1998 un grupo de persoas apaixonadas polo software libre botou a andar na Facultade de Informática da UDC o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL). Estes universitarios e universitarias experimentaban coas tecnoloxías libres, empregando como centro de operacións o despacho 0.05 da facultade. 17 anos despois a serie web documental GPUL: historia de un LUG cualquier relata en varios capítulos a historia e actividade deste grupo. Os dous primeiros capítulos xa se poden ver na web do GPUL e os seguintes irán publicándose nas vindeiras semanas.

"Vivimos unha época moi especial, na que Internet ía chegando aos poucos e cun irrisorio largo de banda aos nosos fogares. Viámonos moito máis as caras, e tamén as listas de correo tiñan unha actividade salvaxe"

"Coma os frikis membros de tantos outros LUGs (Linux Users Groups) que naceron naquela época, vivimos unha época moi especial, na que Internet ía chegando aos poucos e cun irrisorio largo de banda aos nosos fogares. Entón, viámonos moito máis as caras, e tamén as listas de correo tiñan unha actividade salvaxe.  Había discusións técnicas, axuda mutua, novas ideas, experimentos máis ou menos exitosos", destacan.

Este despacho 0.05 do andar -1 da Facultade de Informática da UDC acolleu os oito primeiros anos de historia do grupo, ata que en 2006 o GPUL se trasladou á súa actual localización, de maior tamaño. Nese momento, destacan os responsables da entidade e deste documental, "antes de abandonar o noso despacho de toda a vida" decidiron "contar alí mesmo como foran aqueles primeiros tempos, a través da voz dos seus protagonistas". Varias decenas de horas de gravacións caseiras co obxectivo de darlle forma a un documental para o décimo aniversario da asociación (2008). A cousa foise adiando e non foi ata a chegada de Brân González Patiño, que dende hai un tempo se ven ocupando dos contidos audiovisuais do GPUL, que as imaxes finalmente deron lugar a este documental.

"Pretendemos contar unha historia local, pero que á vez resulte universal, de tal maneira que persoas que non nos coñecen pero viviron experiencias semellantes se sintan rapidamente identificadas"

"Dotouno" -destacan- do ritmo axeitado e a necesaria perspectiva distante, para que non quedara só nun elemento de nostalxia para nós". "Pretendemos contar unha historia local, pero que á vez resulte universal, de tal maneira que persoas que non nos coñecen pero viviron experiencias semellantes se sintan rapidamente identificadas", din.

O resultado final permite ollar en poucos minutos unha parte moi relevante da historia do software libre e da programación aberta en Galicia, contando coa voz de profesores e alumnos da facultade, profesionais, expertos e desenvolvedores e recollendo unha parte da experiencia acumulada neste grupo, que nos últimos anos levou a cabo unha importante actividade, organizando ademais numerosos eventos nos que moitas persoas participaron e compartiron o seu coñecemento.

Un momento do documental Dominio Público GPUL da Facultade de Informática da UDC
Unha das instalacións da Facultade de Informática que acolleron o traballo do GPUL Dominio Público GPUL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.