A Coruña reformulará a 'Smart City' para apostar polo seu uso social e participativo

O ex alcalde Carlos Negreira, con representantes da UTE que desenvolveu Smart Coruña (Indra, R, Ilux e Altia) © Concello da Coruña

O anterior Goberno municipal coruñés, con Carlos Negreira á fronte, fixo da Smart City unha das iniciativas estrela da súa xestión, e unha das máis caras. Cun orzamento de 11,5 millóns de euros (un 70% procedentes de fondos europeos), o proxecto botou a andar en 2012, concedendo o seu deseño e explotación a unha UTE de empresas formada por Indra, Altia, Ilux e R. Tratábase de construír unha plataforma tecnolóxica que, de forma transversal, servise de base ás distintas actividades e servizos desenvolvidos pola administración e a iniciativa privada na cidade. A Smart Coruña integraría tamén, en principio, a plataforma Smart Port, outro contrato adxudicado a Altia e Emetel valorado en 4,7 millóns de euros (e tamén cun importante financiamento europeo).

Cun orzamento de 11,5 millóns de euros (un 70% procedentes de fondos europeos), o proxecto botou a andar en 2012, concedendo o seu deseño e explotación a unha UTE de empresas formada por Indra, Altia, Ilux e R

Plans semellantes de smart cities ou cidades intelixentes foron postos en marcha nos últimos anos en moitas urbes de todo o Estado, comezando por Rivas Vaciamadrid, Málaga, Santander ou Barcelona. Tamén en Vigo ou Santiago, onde o proxecto -iniciado nos últimos meses da lexislatura- estaba pendente de recibir unha achega económica de fondos europeos. Estas iniciativas buscan mellorar a eficiencia dos servizos municipais, dende a regulación da iluminación, a rega dos parques, a xestión dos aparcamentos ou das billeteiras e calquera acción na que os mecanismos telemáticos estean implicados, aproveitando o avance das tecnoloxías, tamén a propia información e participación da cidadanía. 

Porén, en moitas ocasións os proxectos de smart cities foron sinalados polo seu moi elevado custe, en ocasións posto en dúbida, chegando nalgunhas cidades a críticas por ter beneficiado unhas determinadas empresas. Noutras ocasións as denuncias aos gobernos municipais centráronse na acusación de vender "fume tecnolóxico". Na Coruña, por exemplo, o pasado ano o grupo socialista sinalaba que "até agora a Smart City non foi máis ca un xoguete custoso en mans dun alcalde pretencioso". Na campaña electoral tanto Marea Atlántica coma o BNG criticaron tamén a Negreira polo custe e a xestión da Smart City.

Agora é o PP o que utiliza a Smart City como ariete contra o goberno da Marea Atlántica, acusando o Concello de poñer en risco os 8,5 millóns de euros achegados pola Unión Europea por "paralizar" o desenvolvemento do proxecto

Agora é o PP o que utiliza a Smart City como ariete contra o goberno da Marea Atlántica, acusando o Concello de poñer en risco os 8,5 millóns de euros achegados pola Unión Europea por "paralizar" o desenvolvemento do proxecto. O Goberno municipal respondeu de inmediato a estas acusacións, sinalando que "pretende desenvolver ao máximo o proxecto Smart City" pero "reformulando" os "postulados iniciais desde plan para centrarse no seu uso social e fomentar a participación cidadá en torno a el". “Dotaremos de contido á Smart City, porque moita xente non sabe nin o que é”, salientou esta mañá Xulio Ferreiro. "Non existe risco de que os 8,5 millóns de euros pertencentes a fondos da Unión Europea e comprometidos co plan tecnolóxico se poidan perder por causa de actuacións deste Goberno", engaden dende o Concello, explicando que a Marea Atlántica "nunca apostou por tirar por terra a Smart City, aínda que si por facela comprensible, accesible e transparente para a veciñanza".

 

A "reformulación" da Smart City 

"A Smart City foi ata agora, e sobre todo, un gran negocio millonario para as operadoras de telefonía, os xestores de plataformas, ao mesmo que para a industria da vixilancia", dise no programa electoral da Marea Atlántica

"A Smart City foi ata agora, e sobre todo, un gran negocio millonario para as operadoras de telefonía, os xestores de plataformas, ao mesmo que para a industria da vixilancia", dise no programa electoral da Marea Atlántica, que engade que "a Smart, xestionada por Emalcsa, leva adxudicados contratos por dez millóns de euros, sen que a cidadanía coruñesa percibise o beneficio social de tan elevado investimento público". "A Smart foi en realidade un instrumento publicitario, e excesivamente publicitado, en ambos casos con elevados custos, e un escaso rendemento de interese público", conclúe. No programa da Marea apóstase en primeiro lugar por realizar unha auditoría e a fiscalización total da plataforma e pola "revisión das posibilidades de dita plataforma co obxecto de dotala dunha finalidade social eficaz e avaliable socialmente".

Os 11,5 millóns de euros que o Concello gastou neste proxecto repartíronse entre un investimento inicial de 3,2 millóns destinados á creación da oficina técnica e a plataforma tecnolóxica, e os 8,2 millóns que foron para a posta en marcha dos denominados pilotos verticais, un conxunto de aplicacións informáticas construídas en boa medida pola integración de datos de fontes diferentes para xerar servizos de maior valor engadido e ofrecer novas ferramentas á cidadanía.

As críticas da Marea eran compartidas na pasada lexislatura polo PSdeG-PSOE. O vicesecretario xeral dos socialistas coruñeses, Pedro Armas, denunciaba que a Smart City é "un concepto do ámbito empresarial, un concepto de marketing, non de economía produtiva, e que a tecnoloxía non é importante por si mesma, senón polo uso que se fai dela", engadindo que "a cidade non é intelixente se non atrae a instalación de empresas e non xera emprego cualificado". O responsable do PSdeG-PSOE concluía que "cidade intelixente é aquela na que se xestionan os recursos de acordo coas prioridades sociais, adaptándose obviamente aos tempos, equipándose coa tecnoloxía necesaria, non coa tecnoloxía que pretenden colocar no mercado empresas que encandilan os dirixentes locais".

O novo goberno deberá agora analizar o desenvolvemento e aplicación destas e outras ferramentas, poñendo por diante -segundo destacaron este mércores- o seu "uso social" e as posibilidades de participación dos veciños e veciñas

Ao longo de 2014 e 2015 foron poñéndose en marcha -algunhas como piloto ou como proxecto- distintas aplicacións e ferramentas ligadas á Coruña Smart City. Por exemplo, unha aplicación informática de párking intelixente, que ofrecerá información en tempo real sobre as prazas de aparcamento que hai libres nos estacionamentos subterráneos, e que custou ao redor de 185 mil euros. Ou outros servizos de información de eventos culturais ou de xestión intelixente da rega en dez parques e xardíns da cidade. Outras aplicacións que estaban previstas tiñan que ver coa análise da calidade das augas, coa eficiencia enerxética, a optimización e xestión do tráfico ou coa posibilidade de que a cidadanía poida realizar xestións municipais directamente a través da web. O novo goberno deberá agora analizar o desenvolvemento e aplicación destas e outras ferramentas, poñendo por diante -segundo destacaron este mércores- o seu "uso social" e as posibilidades de participación dos veciños e veciñas que pode abrir.

O ex alcalde Carlos Negreira, con representantes da UTE que desenvolveu Smart Coruña (Indra, R, Ilux e Altia) © Concello da Coruña
Unha das imaxes promocionais da 'Coruña Smart City' © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.