5.000 solpores galegos en Instagram

Bicos ao solpor © Pintiga

Solpor (s.m.) Hora en que o Sol se pon, e feito de ocultarse este no horizonte. Regresamos da excursión ao solpor. Así recolle o dicionario da RAG a definición desta palabra coa que os galegos chamamos ao ocaso, á posta do Sol. Solpor é un termo que só se emprega en galego, polo que resulta doado rastrexar a súa utilización nas redes sociais, identificando de inmediato os seus usuarios como galegos e galegas. Todo isto vén ao caso porque o hashtag #solpor vén de superar as cinco mil fotografías en Instagram, a popular rede social para compartir imaxes.

Son 5.048 en concreto, unha cifra moi elevada se temos en conta que a etiqueta acolle unicamente (en principio) fotos de postas de sol tiradas por usuarios e usuarias galegas. Aínda que hai que ter en conta que se algo non falta en Instagram son imaxes de atardeceres (e de gatiños). A etiqueta #sunset suma case 65 millóns de fotografías, #atardecer chega aos 1'6 millóns e #pordosol aos 1'1 millóns.

En todo caso, cinco mil solpores galegos son unha cantidade impresionante de postas de sol, unha etiqueta especialmente popular no verán, nas longas tardes pasadas na praia ou nunha terraza, por exemplo. O mar é o outro gran protagonista nas fotografías, pois unha das características de Galicia é a súa situación xeográfica como terra de poñente, que ve desaparecer o sol cada tarde sobre o océano. Algo semellante ao que ocorre noutros finisterrae europeos e tamén, por exemplo, en California. Non estraña, neste senso, a popularidade crecente doutra etiqueta no Instagram: #galifornia, con máis de 104 mil publicacións.

Solpor en Cabo Home (kisanpi)

Solpor na costa galega (oscarvifer)

Solpor na Torre de Hércules (alvaro_fg)

Bicos ao solpor (pintiga)

Solpor na Praza de Cervantes, en Compostela (morseeja)

Mojitos no solpor (marcosgatogris)

 

 

O hashtag #solpor vai polas 5042 entradas © Instagram

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.