Por que estaba tan quente a auga do mar esta fin de semana?

Vista dunha praia das Rías Baixas CC-BY-SA Praza Pública

Se nos últimos días fuches á praia en Galicia, e moi especialmente se o fixeches na costa atlántica, é moi posible que levases unha sorpresa agradable: por unha vez, iso de "esta boísima!" tiña un aquel de verdade. Non foi cousa túa. Efectivamente, a auga do mar tiña unha temperatura máis alta do habitual, mesmo roldando os 20 graos. Pero, por que a notaches tan quentiña? Os meteorólogos que compoñen o cadro de 4gotas.com teñen, tamén para isto, unha explicación.

O vento e a radiación solar son dous dos factores fundamentais para explicar o acontecido nos últimos días. No entanto, para entendelo mellor cómpre achegarse a dous conceptos: o afloramento e o apilamento, coñecidos no mundo científico polos seus nomes en inglés: upwelling e downwelling.

O upwelling é o proceso mediante o cal a auga fría, cargada de nutrientes, sobe dende o fondo mariño, arrefriando a auga da superficie. Isto acontece moi frecuentemente nas costas oeste dos océanos, como a peruana, a californiana, a marroquí, a portuguesa ou a galega. No caso de Galicia o afloramento dáse cando o vento zoa do norte durante varios días consecutivos; este vento provoca unha corrente no mar que vira 45 graos cara á dereita e provoca unha corrente que vai do nordés ao sudeste. Graficamente, sucede isto:

Cando isto acontece a auga da superficie marcha das rías e o seu lugar ocúpao a auga do fondo, que está moito máis fría. No litoral da provincia da Coruña este proceso sucede cos ventos do nordés -que adoita cadrar cos ventos do norte nas Rías Baixas- e é moi frecuente no verán, canto o anticiclón dos Azores se achega á Península e nos deixa varios días de sol e nordés. Isto implica que o peixe e o marisco teñan alimento en abundancia, pero que ao bañarnos vaiamos deixando de sentir diferentes partes do noso corpo por mor do frío. Non se pode ter todo.

O vento amorea a auga contra a costa e o sol quéntaa

E, que ten que pasar para que se dea o downwelling? Cando no litoral atlántico hai ventos do sudoeste a corrente mariña pasa a ser de oeste a leste. Así,  auga amoréase contra a costa, no canto de escapar, e exponse prolongadamente ao sol, que a vai quentando. Se falamos do Cantábrico -a costa norte da Coruña e a Mariña lucense, no caso galego, isto sucede cos ventos do norte e do noroeste, que tamén están asociados ao anticiclón dos Azores. Por iso é habitual que nas praias da Mariña, por exemplo, a auga do mar adoite ter unha temperatura en superficie de entre 5 e 7 graos por riba das Rías Baixas.

Ao non haber vento do norte non se renovou a capa superficial do mar

Con esta bagaxe que vimos de adquirir xa podemos chegar á explicación final: que aconteceu estes días? Durante a pasada semana Galicia estivo baixo a influencia de ventos do oeste-sudoeste. Estes ventos provocaron néboas, pero tamén amorearon a auga contra a costa. As néboas marcharon e a radiación solar aumentou, especialmente dende o venres, día 26. E, ao contrario doutras ocasións, o vento non chegou a vir do norte. Ao non haber vento do norte a capa superficial do mar non se renovou e o sol quentouna a cachón ata adquirir estes inusuais valores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.