Proxecto Xenoma: o ADN de 400.000 galegas e galegos servirá para avanzar na Medicina personalizada

Ángel Carracedo, Julio García Comesaña e María Brión presentaron este venres o Proxecto Xenoma Galicia CC-BY-SA Consellería de Sanidade

400.000 galegas e galegos participarán no Proxecto Xenoma Galicia para "coñecer máis sobre as bases xenéticas das enfermidades" e avanzar na creación de modelos cos que se procura anticipar a aparición das doenzas 

"Isto ten que entenderse como un proxecto de país, a medio e longo prazo. Imos precisar o apoio de todos e a xenerosidade das galegas e galegos", asegurou o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo, na presentación do Proxecto Xenoma Galicia este venres na Consellería de Sanidade, onde destacou o apoio ao proxecto por parte da Xunta e de todos os partidos representados no Parlamento. 

Unha iniciativa pioneira no Estado que vai permitir coñecer máis sobre as bases xenéticas das enfermidades recollendo datos das historias clínicas dos pacientes, mostras biolóxicas e datos xenénticos que se analizarán no seu conxunto para "progresar na Medicina personalizada" e desenvolver "novas estratexias de saúde". Este proxecto estará coordinado pola doutora María Brión Martínez, que traballa na área de xenética de enfermidades cardiovasculares, con gran experiencia en xenómica de poboacións e próxima á práctica clínica da xenética.

Explicación do Proxecto Xenoma Galicia CC-BY-SA Praza.gal

"Isto afecta transversalmente a toda a Medicina", aseverou Carracedo. "A idea é que recollamos mostras de saliva de 400.000 galegas e galegos a través dun mostreo aleatorio de toda a poboación. E a maiores, dentro deses 400.000, a un de cada catro se lle convidará a participar na 'Cohorte Galicia' para o que se recollerán tamén mostras de sangue coa idea de participar en novos estudos e crear un biobanco galego dispoñible para toda a comunidade científica", detallou María Brión. 

As persoas que partipen entrarán nun cribado para a detección de cancro de mama e ovario hereditario, Síndrome de Lynch e Hipercolesterolemia familiar

Na opinión de Carracedo, non haberá problema e conseguir esas mostras biolóxicas porque "a solidariedade e o compromiso son características do noso pobo". O científico incidiu en que as novas xeracións agradecerán a posta en marcha deste proxecto, pois axudará a toda a ciencia que se fai no noso país xa que os datos estarán accesibles para as e os investigadores que os precisen

Segundo debullou a coordinadora, o Proxecto Xenoma Galicia proporcionará ás persoas que participen como voluntarias un cribado de tres enfermidades para as que existen procesos validados pola comunidade científica para tomar estratexias preventivas, é dicir, que é posible anticiparse ao seu desenvolvemento ou manexar o seu avance. Estas enfermidades son o cancro de mama e ovario hereditario, a Síndrome de Lynch e a Hipercolesterolemia familiar

Alfonso Rueda e Julio García Comesaña visitan a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica do CHUS, que dirixe Ángel Carracedo CC-BY-SA David Cabezón/Xunta

"Vainos permitir adiantarnos ás enfermidades mellor nun futuro próximo", di Ángel Carracedo

O proxecto permitirá identificar as variantes xenéticas das persoas que, con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, participen neste programa. "Avanzaremos no coñecemento das bases xenéticas das enfermidades e situaremos a Galicia no primeiro nivel da investigación xenómica mundial", destacou María Brión.

Xenoma Galicia contará co acompañamento e asesoramento de catro comités: un institucional, un de tipo funcional, ademais de cadanseu comité científico de carácter interno e externo. "Eliximos aos mellores expertos para formar dos comités", apuntou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao tempo que puxo en valor a "firme aposta da Xunta pola Medicina 5P: personalizada, predictiva, preventiva, participativa e poboacional".

"Trátase dun proxecto moi ambicioso", avanzou o conselleiro, que se caracterizará por afondar en modelos sanitarios predictivos e cos que se procura anticipar a aparición das doenzas ou das lesións de calquera tipo, garantindo diagnósticos e tratamentos máis precoces e eficaces para toda a poboación.

Carracedo salientou que este proxecto vai "beneficiar directamente á cidadanía" porque "nos vai permitir adiantarnos ás enfermidades mellor nun futuro próximo". Comprender mellor as enfermidades a partir das investigacións coas mostras que se van colleitar grazas a colaboración de galegas e galegos é outro dos obxectivos clave desta iniciativa que mira moito cara ás novas xeracións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.