"Twitter é un bo termómetro pero un mal espello da realidade"

Xabier Rolán, autor da tese © Universidade de Vigo

Xabier Rolán, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (Uvigo), defendeu hai un ano a súa tese de doutoramento, Comunicación política e intoxicación en redes sociais. Análise de caso das eleccións municipais 2015 en Galicia en Twitter, na que analizaba o uso que os distintos partidos e candidaturas fixeran desta rede social nos comicios locais dese ano. A investigación, que foi recoñecida pola Universidade co premio extraordinario de doutoramento, pescudou posibles usos intoxicadores (bots, trolls...) por parte das forzas políticas, o tamén coñecido nos Estados Unidos como astroturfing. Este termo procede de Astroturf, que é unha coñecida marca comercial de céspede comercial, e que se funcionaría polo tanto en oposición ás grassroots, os movementos sociais (reais, non artificiais) de apoio a unha candidatura política.

A tese buscou facer ademais un debuxo da forma en que cada movemento estende as súas mensaxes. Nese senso, Rolán vén de publicar na revista El Profesional de la Información un artigo conxunto coa investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro que analiza a estrutura xerada en twitter polas principais formacións políticas en Galicia nos comicios municipais de hai tres anos.

Dá a impresión de que as redes sociais, Internet en xeral, non están a cumprir con aquel optimismo tecnolóxico que sinalaba que podía promover a conversa política, horizontal, participada... A realidade é que cada persoa ou cada grupo le e repite primordialmente aquelas posicións coas que coincide? 

Si e na política ese efecto magnifícase, en parte porque carecemos da cultura política que si hai noutros países e iso reflíctese nas redes sociais e, en concreto, no Twitter. Isto entronca moi ben co que falaba Eli Pariser dos filtros de burbullas (Filter Bubble) e coas cámaras de eco, incidindo en que nas redes sociais nos rodeamos das persoas que nos parecen máis afíns. Na investigación constatei que a maior parte dos retuits se facían con cousas coas que o usuario estaba de acordo, cumpríase aquilo de retweet equals endorsement, polo tanto.

"A rede do BNG é o único exemplo de rede heterárquica, que funciona como unha malla, con relacións cruzadas entre os usuarios, de xeito que se desaparecera a conta matriz do partido, a rede podería seguir funcionando exactamente igual"

Con todo, o que non atopaches, segundo destacas na tese, foron demasiados exemplos de intoxicacións ou bots...

Non, da práctica do astroturfing, que foi o xerme da tese, case non atopei exemplos neste marco de investigación, na campaña das municipais do 2015. Si atopei algún en Ciudadanos e algúns máis no PSOE. Con isto non quero dicir que estean ligados ao partido ou impulsados por el, pero si había algúns perfís que se dedicaban exclusivamente a retuitear o contido de contas do partido ou de contas afíns. O bo de coller os datos dende a API de Twitter é que obtés datos que non son públicos na propia web, como a plataforma dende a que o tuit foi enviado: Hootsuite é unha plataforma profesional que permite programar tuits que tamén empregan usuarios particulares, pero se o tuit foi enviado dende RoundTeam ou Botize é que se programou coa intención de diseminar unha mensaxe. En todo caso, os exemplo eran moi escasos, xa che digo. Tamén é certo que as eleccións municipais son diferentes, son as máis próximas ao cidadán e as que menos se prestan a estas prácticas. Nunha campaña electoral autonómica, sobre todo en certos momentos destacados -un debate electoral, por exemplo- si que a acción dos bots é máis evidente.

Como son as redes que se crean ao redor dun partido ou dunha candidatura?

Na tese utilicei a teoría de grafos para analizar como estaban conformadas as redes de cada partido, estudando os retuits que se fan da conta matriz, para ver como é a conversa ao redor de cada forza política: se é unidireccional ou se hai distintas redes próximas a el. EU, Ciudadanos e UPyD definíanse polo seu carácter xerárquico, xa que presentaban un fluxo de información vertical dominado polas contas oficiais do partido, ao redor da que se situaban os perfís ligados a elas, e con pouca vida á marxe desa conta matriz.

"Os 56 mil tuits foron emitidos por 8 mil usuarios, que son moi poucos. Pero son os que son, todos os que en Galicia participaron nomeando os partidos e empregando os hashtags propostos por eles"

Moi diferentes eran as contas do PP ou do PSOE, moito máis dispersas e descentralizadas e nelas funcionaban outro tipo de núcleos á marxe da conta matriz, sobre todo as contas de representantes políticos destacados destas formacións, pero tamén colectivos e grupos de usuarios. Nas redes destes partidos tradicionais aparecen así mesmo con forza as contas de medios de comunicación igualmente tradicionais. En cambio, nos partidos novos, como Podemos, aparecen con forza medios de comunicación novos, nativos dixitais. A rede do BNG, finalmente, é o único exemplo de rede heterárquica, que funciona como unha malla, con relacións cruzadas entre os usuarios, de xeito que se desaparecera a conta matriz do partido, a rede podería seguir funcionando exactamente igual, pois os usuarios interactuan entre eles sen unha dirección establecida.

Outro elemento que suxires na tese é que Twitter é unha rede moi pouco equilibrada, e que nela un grupo pequeno de emisores difunde unha porcentaxe moi importante das mensaxes. Moitos dedícanse simplemente a ler, a mirar?

Si, de feito a mostra do estudo está conformada por 56 mil tuits que foron emitidos por ao redor de 8 mil usuarios, que en realidade son moi poucos. E son os que son, porque son todos os que en Galicia participaron nomeando os partidos e empregando os hashtags propostos por eles, pero para a cantidade de xente que vota, é moi pouca. Twitter é un espello moi deformado da realidade: hai forzas políticas que aparecen moi infradimensionadas con respecto aos seu resultados electorais, e hai outras que aparecen totalmente sobredimensionadas.

"Twitter permíteche ver que temas están candentes. Pero non reflicte ben a realidade, porque determinadas posicións están sobredimensionadas e, pola contra, hai unha gran maioría silenciosa"

Citaches os hashtags. Que importancia tiveron nesa campaña electoral?

A primeira conclusión con respecto aos hashtags é que son todos dirixidos, non hai hashtags orgánicos, xurdidos espontaneamente porque un tema comezou a facerse viral. E, ademais, teñen unha vida moi breve: lánzanse dende o partido ou dende un órgano próximo, para un fin moi concreto (un debate televisado, un acto determinado...). Están calendarizados como calquera evento de campaña.

"Alguén que puidese ter monitorizado en tempo real canta xente participaba e como o facía podía ter anticipado o éxito da Marea Atlántica na Coruña"

Revisando os datos, que corresponden a varias semanas, atopaches tendencias cambiantes, intensificacións ou caídas de determinados temas, mensaxes...? 

Pareceume moi curiosa a forza que ao longo da campaña foi collendo en twitter a Marea Atlántica. Eu fixen a análise a posteriori porque non tiña os recursos para facelo día a día, pero alguén que puidese ter monitorizado en tempo real canta xente participaba e como o facía podía ter anticipado o éxito da Marea Atlántica na Coruña.

Nese senso, cres que twitter pode reflectir o ambiente político a nivel xeral ou mesmo anticipar cambios? Ou é un universo moi pequeno e algo nesgado?

O mundo das redes sociais é pequeno e é nesgado, iso dende logo. Como resumo pódoche dicir que Twitter é un bo termómetro pero un mal espello da realidade. Permíteche ver de que se fala, de que non, podes tantear que temas están candentes. Pero non reflicte ben a realidade, porque determinadas posicións fan moito ruído e están sobredimensionadas e, pola contra, hai unha gran maioría silenciosa.

"O que pasa en Twitter ten un eco enorme entre a minicomunidade que é usuaria activa desta rede social, pero fóra dela non ten impacto"

Cres que a ciberpolítica, o que pasa nas redes sociais, ten capacidade de influír no que sucede politicamente no conxunto da sociedade? Ou se cadra nas eleccións municipais o seu impacto é máis pequeno?

Cambia moito dunhas eleccións a outras, si. As eleccións municipais son as menos estudadas, as que menos atención se lles presta, e pola súa proximidade a ciberpolítica xoga un papel menor. Pero tamén no resto de eleccións o impacto das redes é limitado. O que pasa en Twitter ten un eco enorme entre a minicomunidade que é usuaria activa desta rede social, pero fóra dela non ten impacto. O alcance é limitado, e é unha pena, porque as redes naceron cunha potencialidade moi grande para mellorar a conversa política, pero ao final resulta que o que máis se escoita nelas é a aqueles que berran máis e fan máis ruído. Nese senso son un pouco ciberpersimista.

 

Grafo do PPdeG © Xabier Rolán
Grafo do PSdeG © Xabier Rolán
Grafo do BNG © Xabier Rolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.