Un grupo de investigación da Universidade de Vigo colabora nos adestramentos do Barça

Dominio Público Praza Pública

O grupo Hi20 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, encabezado polos profesores Luis Casáis, Eduardo Domínguez e Carlos Lago, investiga distintos aspectos relacionados co rendemento físico dos deportistas. Procuran analizar co rigor e métodos científicos o que até agora se veu deixando ao hábito ou á intuición. Os investigadores sinalan que o cansazo non vén definido unicamente por cuestións fisiolóxicas senón por outro tipo de variables estratéxicas que inflúen no número de metros recorridos polo futbolista no partido disputado.

FC Barcelona ou o os franceses Olympique de Lyon e Lille cedéronlle ao grupo os seus datos estatísticos “para buscar unha xustificación aos resultados e devolverlle un coñecemento aplicado”. Cada vez máis os técnicos procuran que as súas decisións estean avaladas pola ciencia.

Os investigadores sinalan que o cansazo dun futbolista para enfrontar o seguinte partido vén determinado por tres variables que definiron como situacionais. En primeiro termo destaca a localización do partido “xa que cando un equipo xoga como visitante percorre menos metros que cando o fai como local”, apunta Lago. En segundo lugar, o marcador, que inflúe no nivel de entrega do xogador de tal xeito que, se un equipo vai gañando o futbolista fará menos metros a alta intensidade producíndose o fenómeno contrario se vai perdendo. A terceira variable é o nivel do opoñente, “o que quere dicir que canto peor resulta o rival, menos metros a alta intensidade se precisan correr”.

O grupo tamén desenvolveu unha serie de recursos de software para a xestión deportiva e a análise do rendemento individual, como Grafut, Graphys ou Prilesion, que axuda no control e seguemento de lesións deportivas.

Dende hai anos o grupo Hi20 desenvolve unha rede de investigación internacional na que colaboran estreitamente os corpos técnicos de equipos de fútbol de alto nivel das ligas francesa, española, inglesa ou rusa, coma o preparador físico do Olympique de Lyon e do FC Barcelona, Alexander Dellal e Francisco Seirul-lo; do médico do Lille e do Liverpool, Christopher Carling e Barry Drust.

O equipo de investigación, en formación © jeconde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.