Luís Rei, un loitador que nos deixou

Luís Rei © Editorial Galaxia

Este segundo luns de agosto golpéanos coa morte de Luís Rei, activista cultural, biógrafo e divulgador da figura e da obra de Ramón Cabanillas. Fundador da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, foi ademais director da auténtica xoia hemerográfica que é a revista Ardentía.

Luís Rei fixo importantes achegas para a comprensión da historia do país, sendo un experto na historia do XIX e do XX

Luís Rei foi un excelente historiador que soubo poñerlle carne e alma ás frías radiografías academicistas. Desde as súas investigacións sobre historia local fixo importantes achegas para a comprensión da histora do noso país. Os seus traballos centráronse maiormente nas localidades de Cambados e O Grove, mais o estudo da cultura marítima e de personaxes como Ramón Cabanillas ou Basilio Álvarez levárono a investigar sobre múltiples localidades do país e sobre a Galiza de alén mar, ao tempo que o converteron nun experto na historia do XIX e o XX.

Vinte anos dedicou ao estudo da biografía do vate das Irmandades. Este enorme esforzo culminou coa publicación na Editorial Galaxia de Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, en 2009. Ese ano, no que se conmemoraba o 50º aniversario do pasamento do poeta, Luís Rei foi un dos promotores do Ano Cabanillas e impulsor de múltiples actividades en colaboración coas Redes Escarlata, o Concello de Cambados e mesmo a compañía Teatro do Aquí, para a que escribira un texto teatral sobre a vida do Poeta da Raza (Camiño longo. Entre as roseiras de Cabanillas).

Foi un dos promotores do Ano Cabanillas e impulsor de múltiples actividades arredor do escritor

No ano 2005 converteuse no principal organizador dos Encontros da Cultura Marítima. Hai xustamente dez anos as ribeiras de San Tomé, Cambados e Fefiñáns fervían de actividades de divulgación e dignificación da cultura da que Luís se sentía parte implicada desde as propias orixes familiares. A partir dese momento os Encontros, de periodicidade bianual, convertéronse nunha cita cultural de primeira orde.

Luís Rei foi, ademais, un galego comprometido politicamente desde a súa primeira mocidade. El foi un home do pobo vivo, do de carne e óso, do de salitre e terra. Aí non foi traizoado por intelectualismos. Tampouco estivo nunca ao sol que máis quenta e proclamou as súas conviccións con firmeza, sen medo de ninguén.

A súa atractiva personalidade e a súa indomesticabilidade levouno a ser admirado e aprezado por persoas de moi diverso signo.

A súa perda fai palpábel a inxustiza da morte temperá dunha persoa chea de proxectos, de tarefas por facer, de achegas coas que nos agasallar. Parte da súa obra fica inédita, mais esperamos que algúns importantes traballos cheguen a ver a luz da man dos amigos que tanto o quixeron e que o acompañaron ata os seus últimos momentos e máis alá.

Descansa en paz, Luís, que nos deixas como manda o compromiso de seguir a loitar por un país digno e xusto.

Luís Rei © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.