As lúas de Manuel María volven ao teatro Rosalía de Castro

Imaxe promocional do evento CC-BY-SA Fundación Manuel María / Concello da Coruña

Pórtico para o ano de Manuel María. O vindeiro mércores o espectáculo Lúas de Outono, que anualmente se converte na Coruña nunha homenaxe ao poeta da Terra Chá, retorna ao seu escenario orixinal, o teatro Rosalía de Castro. Despois de que a negativa do goberno do PP a ceder o emblemático espazo provocase o seu traslado nos últimos anos, o novo gabinete municipal da Marea Atlántica vén de tramitar a cesión e de presentar xunto á Fundación Manuel María unha montaxe á que este ano lle porá banda sonora Pepe Vaamonde Grupo.

O retorno ao Rosalía, explica o Concello, era "o desexado pola fundación" e o goberno municipal, indica o edil de Culturas, José Manuel Sande, apoia a homenaxe á "emblemática figura de Manuel María, poeta, procurador, intelectual e home comprometido". A promoción das Lúas de outono, di Sande, enmárcase na aposta do consistorio pola "necesaria recuperación das figuras do noso pasado e non tan pasado", máis aínda ao cadrar coa designación do poeta como "eixo central do Día das Letras".

Saleta Goi: "Poderemos retomar unha relación de normalidade co Concello"

A presidenta da Fundación e viúva do poeta, Saleta Goi, coida que abrir "as portas do Rosalía para este acto" é unha mostra de que "poderemos retomar unha relación de normalidade co Concello" da Coruña, cidade na que o poeta viviu no derradeiro treito da súa vida. A relación, salienta, "rompeu cando chegou o Goberno municipal que acaba de saír".

Nesta ocasión a banda sonora do espectáculo vai a cargo de Pepe Vaamonde Grupo

Nesta liña, destaca o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, "as tres primeiras celebracións deste espectáculo tiveron lugar no Rosalía, pero posteriormente o PP non nos deu acceso ao teatro". Se ben é certo que "a Deputación nos cedeu o teatro Colón", a Fundación quixo "volver ao anterior escenario" por "unha cuestión simbólica".

No ano do regreso as Lúas de outono servirán para presentar o último disco de Pepe Vaamonde Grupo, Nas pedras do lar. A palabra poética achegarana Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernán Vello e Xulio Valcárcel.

Presentación das 'Lúas de outono' no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.