As Xornada de Música Contemporánea ollan a composición galega e universal

Imaxe da presentación das Xornadas de Música Contemporánea © Concello de Santiago

Fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música. Este é o obxectivo das Xornadas de Música Contemporánea, que se viñan celebrando en Compostela desde os 90 e que, tras trece anos de interrupción, foron recuperadas no 2012. Organizadas polo Concello de Santiago, a Universidade de Santiago e o CGAC, co apoio desde 2013 da Fundación Cidade da Cultura e coa colaboración do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) e do Instituto Nacional das Artes Escénicas e a Música (INAEM), comezaron coa homenaxe da Orquestra de Cámara Galega ao compositor galego Rogelio Groba.

O martes 13 celebran tamén a obra de dous compositores do país. O Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi, conmemora o 50ª aniversario de Manuel Rodeiro e Jesús González. Será co Grupo Instrumental Siglo XX dirixido por Florian Vlashi o martes 13 de outubro ás 20:30 horas no CGAC. “Máis que o arbitrio dunha data, a Rodeiro e González úneos unha traxectoria común, á vez independente, e comprometida, tanto coa propia creación como coa difusión da música contemporánea en Galicia. Artífices dunha obra que o paso do tempo fixo recoñecida e recoñecible, a forza revitalizadora e a dimensión enerxética da música de Rodeiro atopa o seu correlato na quietude meditativa e transformación pausada da obra de González, nunha relación de opostos que se complementa á perfección”, lembra a organización.

O mércores 14 será a quenda na Igrexa de San Domingos de Bonaval ás 20:30 de Vertixe Sonora Ensemble, que interpretarán música do compositor milanés Giorgio Netti dentro de OFF_Contemporánea!!. “É a especificidade do corpo do instrumento o que me interesa, o instrumento coma unha vía de saída cara á que dirixirse para realizar unha lectura do mundo a través do son. O que máis me atrae é como o son pode cambiar inesperadamente do tradicionalismo máis arraigado á máis ousada experimentación mentres o seu corpo permanece imperturbable”. Giorgio Netti explica así o seu ciclo necessità d’interrogare il cielo, concibido para saxofón soprano, que interpreta Pablo Coello, director de Vertixe Sonora.

Para o venres 16 ás 20:30 horas no CGAC, o dúo galego-portugués KONTAKTEduo proponnos cuestionarnos que é a música hoxe co programa Catro pezas febrís. KONTAKTEduo reúne tres perspectivas distintas de son, gramática musical, xesto e intención: o virtuosismo técnico do neozelandés John Psathas en Happy Tachyons, a obsesiva escrita do Tombeau do francés Philippe Hurel e o xogo de ataque/resonancia das Quatre Pièces Fébriles do grego Georges Aperghis. Pneuma XI, do norteamericano Daniel Steffey, abre o concerto nunha tentativa de desafiar as fronteiras da interpretación/composición, instrumentista/músico, músico/home…

O dúo galego-portugués KONTAKTEduo proponnos cuestionarnos que é a música hoxe

O sábado 17 ás 20:30 horas no CGAC poderemos escoitar ao conxunto estremeño Sonido Extremo, que presentará dúas estreas absolutas de José Río-Pareja e Juan Cruz-Guevara, obras encargadas polo CNDM. Interpretarán ademais Dérive I, unha das últimas composicións do período máis produtivo do nonaxenario director e compositor francés Pierre Boulez. O compositor vigués Eduardo Soutullo, un clásico da música contemporánea española como Luis de Pablo e unha das últimas obras do madrileño Jesús Rueda completan  o programa.

Pecha a semana o domingo 18 de outubro con outra proposta do OFF_Contemporánea.  Pablo_seoane_trem presenta ás 20:00 horas no Teatro Principal a estrea absoluta de La Bestiaire, composición do pianista ferrolán inspirada na obra de Apollinaire-Poulenc e Dufy. Le Bestiaire de Apollinaire-Poulenc-Dufy é unha obra creada a partir do ciclo de cancións do mesmo nome que Francis Poulenc compuxo en 1919. Pero Pablo Seoane non ofrece unha mera interpretación dese ciclo, senón unha composición de maior duración, inspirada na obra dos tres autores. Bestiario é o segundo proxecto do pablo_seoane_trem e, tamén, o segundo que estrea no marco destas Xornadas de Música Contemporánea.

Pablo_seoane_trem presenta a estrea absoluta de La Bestiaire, composición do pianista ferrolán inspirada na obra de Apollinaire-Poulenc e Dufy

O luns 19 en Afundación e, da man de Os luns do Ateneo, chegará unha charla-concerto co violinista Florian Vlashi. O martes 20 teremos outra das estreas encargadas polo CNDM. Neste caso será no salón Teatro, ás 20:30 horas, co quinteto de ventos Zoar e a obra Ignis et Terra de Federico Mosquera. Ademais, estrearán tamén unha obra do tamén galego Fernando Buide encargada polo propio quinteto. O mércores 21 de outubro será o encontro no CGAC ás 20:00 horas que servirá de preámbulo da estrea de Siempre/Todavía cos seus autores: Alberto Corazón (artista plástico) e Alfredo Aracil (compositor), que se celebrará o día 23 ás 20:30 horas no mesmo lugar.

Trátase dunha ópera sen voces con guión de Alfredo Aracil a partir dos textos de Damasco Suite de Alberto Corazón que foi encargada pola Universidade de Navarra e o CNDM. Siempre/Todavía é un espectáculo singular no que xunto á música de Alfredo Aracil, para piano solo, as imaxes de Alberto Corazón, proxectadas sobre unha pantalla, nos van pouco a pouco desvelando un texto... A súa materia prima son unhas anotacións do propio Alberto Corazón nos seus cadernos de viaxe durante unha estadía en Damasco.

Tamén o día 23 poderemos escoitar, nesta ocasión ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia dirixida polo director galego Diego García Rodríguez. O programa que presentan é Frankenstein!! Pan-demonium macabro e humorístico de HK Gruber no que a orquestra estará acompañada por Julián Rodríguez, ex Siniestro Total, e que completan cunha obra de Thea Musgrave e outra de George Antheil.

A Real Filharmonía estará acompañada por Julián Rodríguez, ex Siniestro Total

De novo haberá unha proposta do OFF_Contemporánea o 24 de outubro, ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade. O clarinetista galego Joaquín Meijide, máis coñecido como Xocas, estará  acompañado do poeta Celso Fernández Sanmartín en Doubles, un singular programa con obras para clarinete e clarinete baixo de referencias das vangardas musicais do século XX, como o italiano Luciano Berio ou o norteamericano Elliott Carter, e creadores de diferentes recunchos do mundo, algúns clarinetistas, que atoparon unha frutífera fonte de inspiración neste instrumento.

A Banda Municipal de Música será a protagonista o domingo 25 ás 12:00 horas no Auditorio de Galicia, acompañada do coro de Cantigas e Agarimos e o gaiteiro José M. López Josele. Dirixidos por Juan Miguel Romero Llopis estarán como presentados do programa Beatriz e Alberto Cancela. Froito da recuperación do arquivo histórico da Banda polo programa Descubrindo as nosas músicas poderemos gozar da inspiración que Rosalía de Castro supuxo no compostelán Pepe Curros, -con A orillas del Sar e Airiños da miña terra-, e dun valse de Felipe Paz Carbajal. Ademais, tamén teremos dúas estreas absolutas de Simón Couceiro e Mario Diz.

A Banda Municipal dará un concerto co coro Cantigas e Agarimos

O luns 26, no Paraninfo da Universidade ás 20:40 horas e na Igrexa da Universidade ás 21:30 horas, teremos unha proposta dobre do Cuarteto Gerhard. Un programa cun cuarteto de corda, o cuarto, do madrileño Alfredo Aracil –compositor residente do CNDM na tempada 2015-16 e dobre protagonista coa estrea nestas Xornadas de Siempre/Todavía– e unha obra de discurso antibelicista como Black Angels, concibida por George Crumb para unha pouco convencional instrumentación de cuarteto electrónico de cordas, vasos de cristal e percusión. Complétano con Officium breve in memoriam Andreae Szervánszky de Kurtág.

O martes 27 poderemos escoitar no Salón Teatro ás 20:30 horas a Camerata OSG dirixida por Wladimir Rosinkij e co violinista e guitarra eléctrica Frank Stadler. Mostra da riqueza creativa e variedade estética defendida por autores austríacos neste arranque do século XXI son as obras de Johanna Doderer, compositora cunha especial afinidade pola ópera de quen escoitaremos Mondsee, composición inspirada no fermoso lago e encarga do festival do mesmo nome, e de Hossam Mahmoud. O violinista Frank Stadler, mestre no Mozarteum, será protagonista destacado do concerto e da estrea dun autor moi vinculado a Galicia como Wladimir Rosinskij.

O violinista Frank Stadler, mestre no Mozarteum, será protagonista destacado do concerto e da estrea dun autor moi vinculado a Galicia como Wladimir Rosinskij

O mércores 28 será a quenda no Paraninfo da Universidade ás 20:40 horas do pianista Francesco Tristano. “Sr. Gershwin: a música é a música". Esta frase de Alban Berg que fala da música como unha linguaxe universal, única e indivisible, podería resumir o ideal estético e musical de Francesco Tristano, singular intérprete, director e compositor, amante de Bach e do techno. Comezando por un saúdo techno da súa autoría, o pianista luxemburgués seleccionou pezas de autores de referencia como Berio, Cage ou Ligeti, unha estrea absoluta dun investigador do son como Justin Messina e pezas propias.

A clausura das Xornadas deste 2015 farase da man da Orquestra Sinfónica de Galicia o xoves 29 ás 21:00 horas nun concerto no Auditorio de Galicia. A Sinfónica de Galicia ponse ás ordes dun nome de prestixio como Arturo Tamayo, -compositor e director especialmente preocupado pola difusión da música contemporánea-, para ofrecer un programa variado no que a música de Anton Webern Fuga (2. Ricercata) a 6 voci da Ofrenda Musical a Bach preludia a interpretación da póstuma Clamores y alegorías de Enrique X. Macías, e da Sinfonía de cámara n. 1 op.9 para 15 instrumentos de Arnold Schoenberg.

As xornadas inclúen tamén AdesTempo, que tratan de achegar aos máis novos a música contemporánea e a creación actual, a través de tres variadas propostas en forma de concertos para nenos, novos e familiares. O domingo 18 ás 12:30 no CGAC teremos á Orquestra do Espazo de Cámara da Universidade de Santiago dirixida por Mario Diz e co programa Contos de sempre contados coma nunca. Concerto para caixa de música e orquestra no CGAC. O sábado 24 de outubro ás 18:30 horas a Real Filharmonía de Galicia ofrece no Auditorio de Galicia para público familiar o Frankenstein de Gruber acompañados de novo polo ex-siniestro total Julián Hernández e dirixidos por Diego García.

E pecha o AdesTempo o domingo 25 no Salón Teatro ás 19:0 horas coa proposta Resonancias en movemento, un espectáculo didáctico de danza e percusió. Nela participan o Grupo de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e o Grupo de percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes nun espectáculo con coreografía de Alba Felpete, Ana Belén Ferreiro, Raquel González e Julia Penado, dirección musical de Diego Ventoso, e presentación e proxecto didáctico de Xoán-Xil López.

A maior parte dos concertos son con entrada libre ata completar aforo ou mediante invitacións que se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal ou nos das salas onde se celebran. Só son de pago os concertos da Real Filharmonía de Galicia o día 23 no Auditorio de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia o 29 tamén no Auditorio así como a proposta didáctica en AdesTempo da RFG o día 24. As entradas para estas tres propostas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal así como no do Auditorio o propio día do evento, informa a organización nunha nota de prensa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.