“A forma de organização política duma sociedade não se deve fundamentar en inércias do passado ou em desinformação do presente”

Carlos Taibo CC-BY-SA Javi S&M

Sexa cal sexa o modo de organización política preferido polos galegos e galegas, a súa escolla debe ser libre e informada. Desta premisa parte o libro Tempos chegados?. Sobre o futuro político de Galiza, coordinado por Carlos Taibo e Arturo de Nieves, que vén de editar Galaxia. Justo Beramendi, Joám Evans, José Antonio Portero e Xavier Vence analizan nesta obra catro horizontes posibles para Galiza: o mantemento do Estado autonómico actual, a transformación do mesmo nun Estado federal, a independencia ou a súa auto-organización desde baixo, segundo un proxecto libertario. 

Justo Beramendi, Xavier Vence e José Antonio Portero presentarán Tempos chegados? cun debate aberto o vindeiro mércores, día 28 de outubro, ás 20:30 horas no espazo enocultural compostelán Vide Vide. O acto, organizado conxuntamente por Editorial Galaxia e a agrupación cultural O Galo, contará tamén coa participación de Víctor F. Freixanes. “A forma de organização política duma sociedade não se deve fundamentar en inércias do passado ou em desinformaçãodo presente”, explican Arturo de Nieves e Carlos Taibo no epílogo do libro, -que respecta a liberdade normativa de cada autor-, e no que subliñan tamén que “Galiza acha-se inserida num cenário de forte competência entre dous projetos nacionais rivais, uma competência que parece estar perdendo o nacionalismo galego face ao espanhol, atendendo à evolução dos sentimentos identitários”, que se acompañan dunha “maior 'dereitazação' ideológica da sociedade galega”.

"Galiza acha-se inserida num cenário de forte competência entre dous projetos nacionais rivais, uma competência que parece estar perdendo o nacionalismo galego face ao espanhol"

O catedrático de Dereito Constitucional José Antonio Portero decántase, neste libro, pola continuidade do Estado autonómico. “La cuarta propuesta”, -di-, “conservar el modelo territorial actual abierto a reformas limitadas, parece la más conviente y probable para Galicia y España”. Porque, ao seu ver, “el modelo se ha demostrado razonablemente positivo”, ademais de garantizar “la unidad del Estado y el autogobierno de las comunidades”. É tamén, para el, a opción máis probable xa que “cuenta con el mayor apoyo político y social de todas las que figuran en la agenda y con el menor índice de rechazo que se reduce, en realidad, al del BNG, ERC, el abertzalismo vasco, que incluye una de las dos almas del PNV y, desde hace poco, CIU”.

Portero defende, porén, un Estado das autonomías “abierto a reformas”, como a supresión no artigo 152.2 da Constitución española da “obligación del sistema proporcional en las elecciones autonómicas”. Considera, porén, “inconveniente”, converter o Senado nunha auténtica cámara de representación territorial ao xeito do Bundesrat alemán porque “atribuiría poderes, a mi juicio, excesivos a las comunidades autónomas y, más concretamente, a sus diecisiete gobiernos”. En relación con isto, tampouco apoia a federalización do Estado porque, -explica-, “no veo las ventajas de debilitar el Estado reduciendo sus competencias y sus posibilidades de intervención mediante la legislación básica o el empleo de sus facultades de coordinación y control”. Así, -pensa-, “revisar el sistema de financiación para reducir la capacidad financiera del Estado, su poder de recaudación, redistribución, arbitraje, inspección y control, y para fijar los límites de la solidaridad no es deseable ni para el conjunto de España ni para Galicia en particular”.

O catedrático de Historia Justo Beramendi analiza tamén, mais desde outra perspectiva, a alternativa federal. “A confusión arredor do concepto”, -asegura-, “é tan grande que mesmo permite a ilustres expertos en Dereito Constitucional afirmar sen rubor que o Estado español xa é federal”. Pois se as unidades constituíntes están sometidas en última instancia a unha normativa básica superior e a autoridades que emanan do poder central, “entón non cabe falar de federación, senón dun tipo inferior de descentralización”. Advirte, porén, de que “agás no que atinxe á promoción da identidade nacional, de pouco serviría ser un Estado federado ou un Estado independente dentro da UE, se ademais non desaparecesen a hexemonía da dereita española e en Galicia e o predominio do chamado neoliberalismo no conxunto da UE, porque todos os vicios políticos e todos os males socioecómicos continuarían igual ou peor, flutuacións coxunturais á parte”.

"A confusión arredor do concepto de federación é tan grande que mesmo permite a ilustres expertos en Dereito Constitucional afirmar sen rubor que o Estado español xa é federal"

Ao contrario de Portero, Beramendi cre que continuar coa autonomía actual ou con outra “levemente ampliada pero que non alterase realmente a capacidade de decisión do parlamento e o goberno galego sobre aspectos fundamentais, malia ser de momento a opción preferida nas sondaxes, non me parece o mellor”. Respecto dunha hipotética independencia fóra da UE, opina que “abocaría de entrada a un desastre económico e social” pois “Galicia, fóra do mercado ao que dirixe a gran maioría das súas exportacións, e privada do acubillo financeiro e monetario da UE, sería un estado crebado e inviable durante moitos anos, algo que só podería impedilo un fulgurante e poderoso pulo de desenvolvemento, innovación e inmigración que, milagres aparte, ninguén sensato sabe de onde sairía”.

En canto a unha Galiza independente dentro da UE, -engade-, “de obter xenerosas axudas e de usalas ben nunha primeira etapa de consolidación máis ou menos longa, podería chegar a ser un Estado tan viable como outros tamén pequenos que xa están dentro e gozaría dunha maior liberdade de acción para afrontar per se os seus problemas”. Pero os atrancos para facer isto realidade, -matiza-, son a oposición a aceptar un socio novo por parte da UE, a partir do dereito de veto do Estado español, e a vontade nacionalista “minoritaria” en Galiza. Respecto á opción federal, debería, ao seu ver, reunir características “difíciles de conseguir” como “asentarse sobre as vontades claramente maioritarias dos entes federados”, sempre que “os partidos maioritarios se convencesen de que o Estado das Autonomías está esgotado”. Ademais, “a súa definición debería ser autenticamente laica" e tería que "actualizar a nómina de dereitos e obrigas comúns a todos os cidadáns”, cunhas “normas precisas para garantir unha democracia de máxima representatividade e limpeza”, alén dun “sistema de financiación pública auténticamente federal”.

Beramendi salienta por outra banda, en relación coas finanzas públicas que, no caso de independencia dentro da UE, “duplicaríanse os ingresos por impostos directos e indirectos, ao que habería que sumar o imposto de sociedades e, de haber unha reforma fiscal progresiva, toda esta partida aumentaría aínda máis. Pero desaparerían as transferencias do Estado, subiría o custo da débeda e habería que apandar co déficit da Seguridade Social e coas partes correspondentes a Galicia de funcionarios e servizos non transferidos, investimentos en infraestruturas, defensa, relacións exteriores, banco central, etc”. 

"No caso de independencia dentro da UE, duplicaríanse os ingresos por impostos directos e indirectos, ao que habería que sumar o imposto de sociedades"

O catedrático de Economía Xavier Vence ve isto mesmo dun xeito distinto. Subliña, en primeiro lugar, que “a realidade da hiperglobalización” fai que a reivindicación da soberanía “sintetice moitas das reivindicacións progresistas para a defensa dos intereses populares e da democracia” nun contexto no que “globalización neoliberal” leva ao “desmantelamento produtivo de moitos territorios, ao paro masivo e ao aumento das desigualdades, e tamén ao vaciamento da democracia, laminando a efectividade das decisións emanadas da vontade popular”.

Sobre a opción federal advirte que “no Estado español fálase con alegría e frivolidade dunha federación europea e dunha federación española, as dúas a un tempo, como se fosen perfectamente encaixábeis, pero hai que recoñecer que, usando os termos con certo rigor, unha e outra federación son dificilmente compatíbeis. A soberanía compartida no nivel superior impide o exercicio da soberanía dos niveis inferiores. Por esa razón é difícil pensar con realismo nun Estado español federal dentro dunha UE federal ou confederal”. Así, -engade-, “aqueles que acrediten nunha federación ou confederación europea” e ao mesmo tempo nun recoñecemento “das nacións con dereito a Estado deberían entender que a única forma de facelo factíbel sería coa independencia desas nacións e a creación dun Estado propio, para logo proceder á súa federación ou confederación a escala europea”.

Respecto da cuestión económica, -indica-, “cómpre evitar o reducionismo das balanzas fiscais como criterio para discutir a articulación entre países ou territorios”, pois habería que considerar outros fluxos e balanzas como “as compras públicas, o comercio, os capitais, o aforro-crédito, o capital humano e tecnolóxico e a localización das institucións públicas: o efecto capital”. En calquera caso, nun Estado independente a supresión dos niveis administrativos que se derivan da existencia do Estado central: deputacións, delegacións do goberno e goberno central, -a parte que correspondese dos gastos-, xa suporía un aforro importante. A “ameaza económica”, -afirma-, “a falta de confianza nas propias forzas para mellorar a calidade de vida e soster o edificio dun Estado novo son torpedos da insidiosa campaña do centralismo para frear ou desactivar a difusión da vontade soberanista”.

Nun Estado independente a supresión das deputacións, delegacións do goberno e goberno central, -a parte que correspondese dos gastos-, xa suporía un aforro importante

Neste contexto, -apunta-, “o primeiro é que a creación de novos Estados non é algo estrambótico”, pois en Europa creáronse 16 novos Estados en dúas décadas. Alén diso, “Galiza non é un país tan pequeno”, xa que se atopa “entre os 100 máis grandes do mundo por poboación e entre os cincuenta máis grandes pola súa economía”. Ademais, “os países máis pequenos de Europa teñen, en xeral, maior nivel de vida que os grandes e, ademais, os pequenos países europeos medran economicamente a maior ritmo que os grandes nas últimas décadas”. E por último, “fronte ao argumento de que a creación dun Estado propio supón un custo excesivo para un país como o noso, o que realmente resulta moi custoso e ineficiente é o actual cadro institucional-administrativo con seis niveis superpostos: municipal, provincial, autonómico, delegación do goberno, goberno central e Unión Europea”.

Fóra do marco do Estado sitúase, porén, a proposta de Joám Evans, baseada no concepto de mancomunidade como “sistema em rede e nós através do qual se articula territorialmente um conjunto de assembleias populares omni-soberanas numa sociedade sem Estado (e contra o Estado, pois promove ativamente a sua não reemergência)”. Segundo a estrutura rizomática proposta por Deleuze e Guattari, a mancomunidade “constitui um sistema de redes de nós independentes que interagem entre si, mantendo cada nó a sua autonomia frente à estrutura rizomática, mas participando dela sem criar laços de dependência. Sob a premissa de autossuficiência sem issolamento e da cooperação sem controlo, o indivíduo livre insere-se na casa aberta ou unidade convivencial; a casa autónoma articula-se na comunidade soberana a través da vizinhança, e a comunidade na conferação comarcal e na Mancomunidade bio-regional”.

"O indivíduo livre insere-se na casa aberta ou unidade convivencial; a casa autónoma articula-se na comunidade soberana a través da vizinhança"

Desta maneira, “a autossuficiência funcional, a capacidade de produzir na base dos nós rizomáticos o mínimo para satisfacer as necessidades básicas do dia-a-dia (comida, aquecimento, teto, cuidados e interação social) sem depender de agentes ou recursos externos à comunidade, exclui as relações de dependência, sem eliminar por isso as possibilidades de intercâmbio, cooperação, ajuda mútua e solidariedade em âmbitos mais amplos, sempre concebidas como atividades voluntárias e não como parte de relações hierárquicas sustentadas na estratificação, exploração sistémica e desigualdade”, o que supón individuos, casas e comunidades autosuficientes, sendo o nó básico a pequena comunidade autogobernada, que coincidiría coa parroquia civil ou a aldea no rural e co barrio na cidade. O autogoberno sustentaríase no concello aberto, asamblea de veciños na que participaría toda a poboación á que correspondería o exercicio lexislativo, executivo e xudicial, con cargos de responsabilidade designados pola comunidade, honoríficos, gratuítos e rotativos.

Falta, no libro, -sinalan Carlos Taibo e Arturo de Nieves no prólogo-, alguén que sexa partidario dun Estado unitario e centralizado sen unidades autónomas , que podería representar a dereita nacionalista española, mais os coordinadores non atoparon a ninguén que quixese desenvolver esta perspectiva. Tampouco se afonda moito, -admiten-, na proposta confederal, -na que cada unha das partes conserva a súa independencia e soberanía-, que “bem poderia ser a fórmula principal chamada a permitir o desenvolvimento de moitas relações no âmbito outrora espanhol ou no mais amplo âmbito ibérico”. Aínda que os coordinadores non se decantan por ningún dos modelos. Só apelan a un debate informado sobre a cuestión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.