0 Gardados para despois

"Cineuropa conseguiu, nestes 29 anos, ser un espazo de democratización do cinema"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Achegar ao público galego durante un mes eses filmes que, o resto do ano, parecen como un privilexio reservado para a elite da industria cinematográfica. Iso é, en esencia, o que, tras 29 anos, conseguiu Cineuropa, segundo o seu director, José Luís Losa. A XXIX edición desta mostra, que se desenvolverá do 6 ao 29 de novembro no Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación e Auditorio de Galicia, proxectará este ano 301 filmes. Falamos con Losa.

Son moitas películas mais, non é cuestión de cantidade, non si?

Non, non se trata de cantidade. Este ano, ademais , fixemos como unha separación entre a programación poderiamos dicir clásica de Cineuropa e o OFF-Cineuropa, no que se inclúen 143 filmes.  No OFF-Cineuropa temos as seccións Roxos e Marcianos: a caza de Bruxas en Hollywood, Maratón Roxos e Marcianos, Arthur Miller Centenario, Ciclo Amos Kollek, Filmadas en 1965, Cineuropa recomenda-Cine de culto e Docs Music. Sempre me interesou moito o tema do mccarthismo, que é eixe de OFF-Cineuropa. Cando en traballaba en La Voz de Galicia unha vez caeu nas miñas mans unhas listas negras do goberno de Fraga, de xente que traballaba na televisión e na radio. Eran listas con anotacións como “peligroso nacionalista”. Así que o fenómeno do mccarthismo non nos queda tan lonxe…

Pois temos desde filmes gravados cando a URSS e EE.UU. eran aliados e entón Moscú, por exemplo, era moi bonito, ata películas anticomunistas da guerra fría. Tamén filmes de serie B de marcianos que naquel tempo se interpretaban con ese dobre sentido: o planeta vermello… De feito este ano temos dous maratóns, un deles dedicado a este tipo de películas de marcianos de serie B. En OFF-Cineuropa vai tamén Arthur Miller porque el foi perseguido polo mccarthismo, e ademais é un dos poucos que non falou por moito que o presionaron. Proxectaremos películas como 'Morte dun viaxante', cuxa versión de 1951 había como 40 anos que non se vía en España, e a versión do 1966, que eu creo que nunca se vira en España. Ou 'Ninguén sen pecado', sobre a relación de Miller con Elia Kazan. O outro maratón será e xa tradicional maratón transgresor da última fin de semana.

"Este ano temos dous maratóns, un deles dedicado a este tipo de películas de marcianos de serie B"

De propostas novas deste ano, podemos falar tamén de ‘Maiores con reparos’, que é unha das clasificacións que utilizaba a Igrexa católica para catalogar películas. Aí temos por exemplo 'Im Keller', de Ulrich Seidl, sobre o que agochan os austriacos nos sótanos, que pode ser sexo, racismo…, ou ‘Me quedo contigo’, unha película moi extrema na que as mulleres exercen unha brutal violencia. Na sección de documentais temos películas como ‘Caudillo’, ‘Une jeunesse allemande’, ‘Yes, we fuck!’, -sobre diversidade funcional- ou ‘Frankenstein-04155’, un moi bo documental sobre o accidente do Alvia.

Se temos que escoller tres filmes da Sección Oficial e tres de Panorama Internacional, cales poden ser?
 
Da Sección Oficial poden ser por exemplo dous filmes que estiveron en Cannes, ‘Son of Saul’ de László Nemes, que é como unha cámara que se introduce en Auschwitz. Dixera o director de ‘Shoah’, Claude Lanzmann, que non era posible facer unha película que mostrase o que aquilo foi realmente. Pois Nemes, que é un director debutante, conségueo, e sen pornografía visual. É como se estiveras alí. Outra película é 'The lobster', de Yorgos Lanthimos. Unha distopía na que homes e mulleres viven recluídos, e se non atopan parella nun tempo convértenos en animais. Ou ‘Tres recordos da miña xuventude’, de Arnaud Desplechin, que é moi Truffaut. Ou ‘Demon’, que descubrín en Sitges pero que realmente non é fantástica. É unha historia moi racional. Só que o director morreu pouco antes de estreala. Ten conexións con Poltergeist…

Na Sección Oficial temos as películas europeas, con propostas de Alexandr Sokurov, Nanni Moretti, Terence Davies, Arnaud Desplechin, Robert Guediguian, Matteo Garrone, Peter Greenaway, Joao Nicolau ou Andrezi Zulawski, entre outros. No Panorama Internacional temos as non europeas, nas que este ano hai dous fíos principais: o cinema asiático e o latinoamericano. Do cinema asiático poderemos ver o novo de Naomi Kawase, Hou-Hsiao-Hsien, Jia-Zhang-Ke, Apichapong Wheerasetakull, Kore-Eda ou Hong-Sang-Soo. E da puxanza latinoamericana, ademais da estrea do último de Ripstein, películas de Patricio Guzmán, Pablo Larrain, Michel Franco, Santiago Mitre, Jayro Bustamante e Lorenzo Vigas.

Cineuropa sempre tivo moi en conta o cine asiático, o que pasa é que este ano cadra que case todos os directores asiáticos potentes teñen películas novas. Do cinema latinoamericano, ‘El botón de Nácar’, de Guzmán, foi premiada en Berlín. Temos dous filmes sobre violencia de xénero, ‘Paulina (La patota)’ e ‘El incendio’, ou ‘Desde allá’, que foi León de Ouro en Venecia. Ou ‘Rabin, the last day’, que vincula a morte de Isaac Rabin con Netanyahu. En Fantastique Compostela, por outra banda, poderemos ver ‘The boy and the best’ ou ‘The final girls’.

"Este ano cadra que case todos os directores asiáticos potentes teñen películas novas"

Outro dos clásicos de Cineuropa son as lembranzas, as retrospectivas. E este ano hai varias…

Cineuropa terá este ano tres lembranzas: as dúas primeiras aos premios Cineuropa, falecidos este ano, Manuel de Oliveira e Vicente Aranda, e a terceira aos creadores galegos Chichi Campos e Toñito Blanco, tan unidos á movida e a Compostela.  Chichi era unha persoa moi polifacética: guionista, debuxante… unha persoa de moito talento que morreu moi nova. Toñito foi o director de ‘La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos’. Estamos organizando ademais un debate con amigos dos dous. As retrospectivas son para Artur Brauner, un dos produtores máis hiperactivos da historia do cine, do que facemos unha pequena escolma das súas producións, e para Arturo Ripstein.

Ripstein vai estar aquí, como Miguel Gomes.

Si, porque Cineuropa premia este ano a Ripstein e a Miguel Gomes. Que veña Ripstein é para nós como que veña o noso pai espiritual, -profano, claro-. O seu traballo estivo presente en Cineuropa desde a primeira edición. Como forma parte da historia do festival, ata ás veces nos parece que é maior, pero ten 72 anos e leva medio século de traxectoria internacional. Virá coa súa compañeira e guionista Paz Alicia Garciadiego, que marcou a segunda etapa da produción de Ripstein. Hai un antes e un despois dela no traballo do cineasta. Vai presentar aquí ‘La Calle de la Amargura’, estreada no festival de Venecia, ademais dunha retrospectiva deseñada especialmente para Cineuropa por el mesmo. Na cerimonia vai estar Marisa Paredes, actriz de ‘Profundo carmesí’.

Miguel Gomes é doutra xeración, claro, pero é un dos nomes da vangarda do cinema portugués, ao que Cineuropa ten ollado anteriormente cos seus premios a Manoel de Oliveira, ao director Pedro Costa, á actriz María de Medeiros e ao produtor Paulo Branco. Proxectaremos o tríptico 'As Mil e Uma Noites’, estreado na Quincena dos Autores do Festival de Cannes, que está cheo de forza. Son tres películas nas que mostra o Portugal irredento que se resiste á ditadura das regras económicas. Un Portugal costumista tratado dunha forma moi poética.

Outra cousa para destacar desta edición é a proxección o día 11 do filme ‘Mediterranea’, que se fará ao mesmo tempo en París, Bruxelas, Sevilla, Bucarest, Bratislava, Lisboa e Cork, ademais de en Compostela dentro dos Premios LUX do Parlamento Europeo. En Panorama Galicia este ano non temos longametraxes, pero hai cousas moi interesante, e varios work-in-progress. Se cadra se empeza a esgotar aquilo que nacera vinculado ás axudas de talento, non sei. Poderemos ver nesta sección nos novos traballos de Lois Patiño, Xacio Baño, Xurxo Chirro, Jaione Camborda ou Diana Toucedo.

"Que veña Ripstein é para nós como que veña o noso pai espiritual, -profano-, claro"

E Disidencias? Antes de pasar ao OFF.

Disidencias é o marco para o cinema máis arriscado e vangardista. Desde as correspondencias fílmicas entre Xurxo Chirro e Flavia de la Fuente ata ‘Aquí e noutro tempo’ do asturiano Ramón Lluís Bande, por exemplo. Outra cousa para destacar é que vai vir  José Luis Guerín, premio Cineuropa 2007, e Fernando Colomo, que presentarán os seus filmes ‘La academia de las musas’ e ‘Isla Bonita’. Colomo, tan coñecido pola comedia, dá unha viraxe de timón con esta película, na que se adiviña a súa situación persoal.

Quédanos o OFF, entón. Que podemos salientar del?

Celebramos o centenario do nacemento de Arthur Miller, por unha banda. Como dicía antes, proxectaremos filmes como ‘All my sons’, que é unha das pezas de teatro máis importantes del, ou ‘Vidas rebeldes’, escrita para Marilyn Monroe, ou ‘El crisol’, coñecida aquí como ‘Las brujas de Salem’, que é unha alegoría da caza de bruxas. Dentro de OFF está tamén o ciclo Amos Kollek, autor moi coñecido por ‘Fast Food’ e ‘Sue’, e que levaba anos como desaparecido.

Filmadas en 1965 son dez películas das que se cumpren 50 anos e Cine de culto son recomendacións de Cineuropa. Dez películas cunha carga cinéfila importante. Que non se viran, non se estrearan ben, que había anos que non se podían ver… Docs Music está este ano dedicado ao soul. Temos desde a Aretha Franklin nun concerto de 1968 ata ‘Standing on the shadows of Motown’, a produtora que lanzou a tantos artistas importantes. Este ano, por outra banda, a película inaugural de Cineuropa, ‘Le nouveau’, é unha comedia pero moi intelixente, cun humor moi sarcástico. 

"Docs Music está este ano dedicado ao soul. Temos desde a Aretha Franklin nun concerto de 1968"

Moitas das películas pasaron polos mellores festivais.

Do festival de Cannes ‘Son of Saul’, ‘A lagosta’, ‘Mustang’, ‘Mia Madre’, ‘The assasin’ ou ‘Chronic’; do festival de Venecia o León de Ouro ‘Desde alá’, ademais de ‘Francofonía’, ‘Rabin, the last day’ ou ‘La calle de la Amargura’. O Oso de Ouro de Berlín, ‘Taxi Teheran’, tamén está. Poderase ver o Leopardo de Ouro de Locarno, ‘Right Now, Wrong Them’, así como ‘Cosmos’ e ‘La academia de las musas’ que tamén estiveron neste festival. E despois de pasar por Sitges chegan a Compostela ‘The Invitation’, ‘The Final Girls’, ‘Demon’ e ‘The Gift’ e de San Sebastián a gañadora da Concha de Ouro ‘Sparrows’, ademais de ‘Sunset Songs’.

Que conseguiu Cineuropa nestes 29 anos que leva?

Eu creo que algo moi importante que tamén é un éxito do público. Cineuropa conseguiu, tras 29 anos, ser un espazo de democratización do cinema. E non o digo por demagoxia. Películas das que ouvimos falar, que estiveron en Cannes por exemplo, que parece que están destinadas só aos críticos e ás elites da industria, veñen a Santiago durante un mes. Entón os composteláns e os galegos en xeral teñen a oportunidade de estar tan ben ou mellor informados sobre cinema que en calquera grande metrópole. Como ademais como non somos un festival competitivo, podemos traer o que nos parece o mellor cine, sen máis. E isto vai creando unha cultura cinéfila. Con prezos tamén económicos, e fixemos un esforzo para mantelos así. As entradas mantéñense a un prezo de 4 euros que quedan en 3 se se merca o abono que custa 30 euros e é válido para 10 películas.

"Como non somos un festival competitivo, podemos traer o que nos parece o mellor cine, sen máis"

Todos aprendemos moito en Cineuropa, iso é verdade.

E está moi ben cando o di xente coma Luís Tosar. É que antes na cidade a oferta era cercana a cero.

Tivemos os cines Yago, os Compostela… Agora temos Numax.

Si. Numax é unha oportunidade estupenda. Pero teriamos que ter moitos Numax, con moitas salas como teñen os multicines, nos que non hai nada que ver…

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.