0 Gardados para despois

"Coa poesía o que intento é converter as palabras en letras para poder dispoñer dun alfabeto infinito"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Jesús Castro Yáñez vén de gañar a XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé coa obra Os nomes e os himnos. Nado en Baltar (A Pastoriza), no 1992, o autor xa fora recoñecido antes co Minerva, o Xela Arias, o Ánxel Casal ou o II premio no certame Díaz Jácome. Di el mesmo que, para el, a poesía foi unha descuberta tardía. Pero que se foi decatando de que era o que quería facer.

Que supón para ti recibir este premio? Ao lado de outros que xa gañaras como o Minerva, Ánxel Casal...

A resposta é predicible: este premio supón unha alegría maior por mor da publicación do libro por parte de Espiral Maior. Os anteriores, ademais de participar sempre cun volume de poemas moito menor, e aínda que supoñían un recoñecemento por parte dun xurado e unha compensación económica -factores a non desprezar para nada-,  dalgún xeito recibinos cunha sensación de que gañar o premio non servía de moito se logo non ía poder chegar a un público. Os poemas quedaban para ninguén, mudos, incompletos sen un lector ou lectora, a non ser que os acabase poñendo en internet.

Es moi novo, ademais. Escribes poesía desde sempre? De que maneira o lugar onde te criaches inflúe no que escribes? É un poemario bastante atento aos sentidos, que moitas veces nos sitúa no rural.

Escribo poesía dende hai relativamente pouco. Foi unha descuberta tardía: comecei a ler poemas arredor dos dezaoito anos. Puido ter sido unha obsesión dun par de meses e nada máis se non se tivese dado a casualidade de gañar o Minerva. Dalgún xeito foi a confirmación externa a unha certeza que comezaba a ter de que iso era o que eu quería facer, escribir poesía. En canto á influencia do lugar onde me criei, podo dicir que o poema é permeable ao lugar vivido. O río -medrei ao carón do Miño, na parroquia de Baltar, en A Pastoriza- está de forma reiterada ao longo do libro.

É un poemario que presta moita atención á natureza en xeral, e en especial á auga. Non sei en que medida son imaxes que aparecen de forma inconsciente ou son buscadas, pero nun poema será difícil que fale de semáforos ou tráfico. Falarei, por exemplo, dun pomar ou dunha muller debullando fabas. Considero que é a miña responsabilidade, e non só como poeta, non evitar que o que escribo sexa rural se case toda a miña vida tamén o foi.

Alégrame por outra parte que digas que é un poemario atento aos sentidos, porque é algo no que, sobre todo na primeira metade do libro, traballei intencionadamente. Cara o comezo hai máis aliteración, anáforas, mesmo rima libre e asoante, -si, rima a estas alturas-. Na páxina non está o poema: está o que queda do que o poeta e o poema construíron entre os dous, o resultado dunha negociación entre escritor e linguaxe, e a rima é unha trampa que se fai deixándolle á segunda máis parte do traballo. Na outra metade do libro intentei avanzar cara a formas máis prosaicas e transparentes, e poemas un pouco máis longos, para saír desa zona de confort de figuras alegóricas e de brevidade aforística. Non sei se o conseguín na medida que eu quería, pero a intención cando menos era esa.

"Considero que é a miña responsabilidade, e non só como poeta, non evitar que o que escribo sexa rural se case toda a miña vida tamén o foi"

Como foi o proceso de escrita deste libro? Dá a impresión de recoller poemas feitos en distintas circunstancias. Por que o estruturaches en partes e cal é o significado de cada unha?

O proceso de escrita foi longo. Por iso mesmo está dividido en catro partes, que en función do momento e as condicións nas que foron escritas teñen temáticas distintas, así como variacións na sintaxe, na puntuación, na extensión do verso e do poema... Penso que hai un cambio bastante acusado que deixa ver unha evolución entre a primeira das partes, Nome, a primeira que escribín, e a cuarta, Himno, máis recente. Supoño que é o que pasa cando un xunta poemas durante catro anos. Estruturalo en partes parecíame o máis axeitado para que os poemas de cada conxunto tivesen entre eles unha coherencia e non mesturar algúns máis inxenuos con outros de ton algo máis reivindicativo, ou poemas que falan do “eu” con poemas que lle dan a voz a un “nós”. Como pasa con case todo, alén da literatura, en conciliar as partes está a totalidade do conflito.

O tempo e a memoria son algúns dos eixes temáticos do libro. Cal era o obxectivo e como naceu?

A memoria é un dos eixes, xunto con outros, como a identidade e a palabra en si e as súas posibilidades. Xa sei que non é unha temática orixinal senón todo o contrario. Son tópicos universais pero nos que con sorte outros poderán recoñecerse, pois apuntan cara ao asombro de ser humanos. É difícil establecer temáticas na poesía. Por momentos penso que o único tema posible dun poema é o seu estilo ou, indo máis alá, a súa lectura, ou as súas intencións. Coa poesía o que intento é converter as palabras en letras para poder dispoñer dun alfabeto infinito. Calquera poema é unha forma nova de dicir, con moitas palabras, algo que signifique “non”, ou “vida”, ou de chegar a dicir “soño no que se está con moita xente vestida de gala nadando moito tempo no fondo dunha piscina” só con unha.

"Por momentos penso que o único tema posible dun poema é o seu estilo ou, indo máis alá, a súa lectura, ou as súas intencións"

Hai algunhas imaxes que se repiten, como o lume. Cales son e cal é o significado que queres darlles?

Unha das labores dun poeta é facer súas catro ou cinco palabras, e con elas poder dicilo todo, mesmo contradicirse. O lume aparece na segunda parte, Catro xardíns ardendo, pero no resto do libro a auga é o elemento imperante. Seguramente “auga”, xunto con “nome” ou “luz”, sexan as palabras nas que máis insisto. Aínda que repetirse pode ser autocompracente, e por iso perigoso. Non hai que deixarlles ás palabras saber cando queremos usalas. Precisan de nós que non sexamos predicibles.

Hai poemas directamente relacionados entre si, como a serie "xardíns". Por que?

Podería dicirse que en cada parte do libro hai un fío conector, para o cal tamén son esenciais os títulos, que todos os poemas teñen. Quizais onde é máis forte ese vencello, como ti ben dis, é nesa serie, que poida que sexa a parte máis diferente do libro en canto á estrutura dos poemas, puntuación e léxico predominante. Nesa parte do libro é onde mellor se reflicte a miña idea de tratar o poema como un xardín semántico.

"Agora este pobo non ten máis bandeiras/ ca si mesmo", di un dos poemas. De que maneira está Galicia, a túa idea do pobo galego neste poemario?

Galicia está presente xa desde a propia decisión lingüística. En realidade ese poema non o escribín pensando no pobo galego directamente pero hai unha forma de relacionar o concepto. Os versos tíralos dun poema da terceira parte, Caín,  que serve como unha especie de manifesto a prol de calquera tipo de colectivo minorizado. Toda esa parte é unha reflexión sobre culpa e inocencia, unha denuncia á inmobilidade e a todo o que os que pertencemos a unha minoría dun xeito ou doutro nos vemos forzados a desaprender. No libro hai referencias relixiosas pero porque as utilizo para reformular o que poderían significar. É unha forma de reapropiación dos símbolos doutros discursos.

"Toda esa parte é unha denuncia á inmobilidade e a todo o que os que pertencemos a unha minoría dun xeito ou doutro nos vemos forzados a desaprender"

O verso está moi coidado... Como é o proceso de escrita, nese sentido?

O proceso de escrita é moi lento. Desde que xermola o poema na miña cabeza ata que comezo a escribilo pode pasar moito tempo. En canto escribo a primeira palabra xa está condenado a non ser todo o que podería ter sido, o poema a medida que se escribe vai pasando a través dun funil e vendo reducidas as súas posibilidades, ata que a última palabra só pode ser unha, e debe ser a exacta. Por iso o que fago é darlle moitas voltas na cabeza antes de escribir nada, coma quen ten aberta unha páxina web no buscador moito tempo, sempre de fondo, coma un recordatorio.

Para cando me poño a plasmalo, queda resumido porque é como se todo ese tempo estivesen notas mentais e ideas pasando a través dunha peneira. Se hai algún poema longo no libro é porque me forcei a escribilo, pero de forma natural só consigo formular poemas curtos, moi coidados. Cantas máis palabras se usan dáme a impresión de que é máis sinxelo desviarse do que un quere dicir, de que custa moito máis que queden os poemas ben pechados.

Dedícaste á medicina -creo que aínda estudas-. Como é recibido no teu entorno familiar e de amistades o teu outro "oficio" de poeta?

Actualmente estou a cursar o último curso da carreira de Odontoloxía. No meu entorno máis próximo o certo é que nunca lle pareceu raro a ninguén. Curioso, pode ser, porque non o ven como algo pragmático, a non ser cando está remunerado, claro. Iso si, na maioría dos casos nunca se produce curiosidade dabondo como para coller un libro de poesía e poñerse a lelo. Supoño que será cousa de seguilo intentando. Polo de agora xa cachei algunha vez a miña nai, que me dicía que deixase de perder o tempo “niso das poesías”, lendo na casa algún borrador meu con cara de concentración. Pequenas vitorias, supoño!

"Polo de agora xa cachei algunha vez a miña nai, que me dicía que deixase de perder o tempo “niso das poesías”, lendo na casa algún borrador meu"

Cal é a súa relación cos teus libros anteriores? Xa me dicías que non tiña moita, que eran cousas distintas.

En realidade non teño ningún outro libro como tal, si algunha serie breve, e poemas soltos. Supoño que algunha relación terán todos entre sí, pero é unha relación que eu non coñezo. Se o soubera, igual xa non tiña motivos para seguir escribindo. As miñas palabras saben máis do que eu lles digo. É importante deixar que as cousas conserven a súa parte de misterio.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.