Nós Produtora Cinematográfica celebra o seu 15 aniversario con varias novidades

A produtora foi retomada no ano 2000 por un grupo de persoas socias © Nós Produtora Cinematrográfica Galega

O sete de febreiro de 1976 o cineasta Carlos Varela Veiga crea, xunto a outras persoas, Nós, Cinematográfica Galega. Desa produtora xorden iniciativas coma as xornadas de de cine de Ourense e un concurso de guións de ficción cinematográfica no que Manuel María gañou o primeiro premio con Abril de Lume e Ferro. A produtora disolveuse, e non foi ata novembro do 2000, hai 15 anos, cando a iniciativa foi retomada, da man da a catedrática de comunicación audiovisual Margarita Ledo e do produtor Xosé Luís Ledo, xunto con outras persoas socias, coma o psiquiatra Cipriano Jiménez ou o avogado Nemésio Barxa.

No 2016 celebrarase o 40 aniversario dende a primeira constitución da produtora, que nestes momentos ten dous grandes proxectos en marcha. Un é o filme Abril de lume e ferro, que desenvolve precisamente aquel guion premiado de Manuel María, homenaxeado no vindeiro Día das Letras Galegas; a película trata a historia dos mártires de Carral e será dirixida por Xosé Luis Ledo Andión. Ademais, Margarita Ledo está a realizar o documental Nación. Así mesmo, ao longo de 2016 Nós presentará a súa nova páxina web (norcinema.gal) e tamén un vídeo resumo do traballo da produtora até o de agora, que destacará "o seu compromiso pola cultura e lingua galega, un dos principios polos que se rexe".

Nos seus 15 anos de actividade, Nós produciu sete filmes documentais, un filme de ficción, reportaxes televisivas e tres series de programas para a TVG. Entre eles destacan Santa Liberdade (2004), CCCV (Cine Clube Carlos Varela) (2005), Liste, pronunciado Líster (2007) e A cicatriz branca (2012). 

Nota de Manuel María á edición de 'Abril de lume e ferro' © Nós Produtora Cinematográfica Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.