San Amaro ten xa 200 anos: Este cemiterio está moi vivo

Cemiterio de San Amaro, na Coruña © Concello da Coruña

O Concello da Coruña celebrará o 25 de agosto o segundo centenario do camposanto cun recital poético musical no que participarán Rosa Cedrón, Xoel López, Sito Sedes e Paco Lodeiro. O recital contará coa colaboración da Real Academia Galega (RAG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Os actos completaranse cun programa de visitas guiadas ao cemiterio, de xullo a decembro. Tamén se repartirá unha guía para visitantes e no mes de novembro publicaráse un libro conmemorativo. O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, afirmou que espera que o camposanto, que vén de ingresar na Rede de Cemiterios Singulares de Europa, poida "ingresar na Ruta Europea de Cemiterios".

En San Amaro, situado no barrio de Montealto, a poucos metros do mar e a dez minutos a pé da Torre de Hércules, descansan os restos, entre outros, de Manuel Murguía, Marcial del Adalid, César Alvajar, María Barbeito, Pedro Barrié de la Maza, Pucho Boedo, Leandro Carré Alvarellos, Ánxel Casal, Manuel Casás, Álvaro Cebreiro, Juana de Vega, Juan Fernández Latorre, Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Lugrís, os irmáns Vilar Ponte, Eduardo Pondal, Luísa Villalta ou Manuel Curros Enríquez. 

Foi inaugurado no ano 1813 despois da prohibición por lei, no ano anterior, dos enterros nas igrexas e a súa contorna. O camposanto está dividido en tres zonas ben diferenciadas: a relixiosa, a civil e a británica, esta última é privada e está pechada ao público. Cómpre destacar dous monumentos colectivos que son o Monumento aos Mártires da Liberdade e a Columna dividida en lembranza da folga xeral de 1901. 

A Columna dividida en lembranza da folga xeral de 1901, segundo reza a sepultura, o monumento foi erixido por subscrición popular e por iniciativa das sociedades obreiras, ás vítimas dos sucesos do 30 e 31 de maio de 1901, a raíz da que está considerada como a primeira gran folga xeral da historia do movemento obreiro galego, cun paro absoluto en todos os sectores.

Cemiterio de San Amaro CC-BY-NC-ND Xosé Castro
Homenaxe aos obreros anarquistas © CGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.