Un ano para lembrar a Manuel María e as Irmandades

Manuel María, nunha imaxe difundida pola RAG © Real Academia Galega

O 2016 terá dous protagonistas fundamentais no ámbito cultural, social e mesmo político galego: as Irmandades da Fala e Manuel María. Conmemarase o centenario da fundación dunha histórica organización, clave no futuro do país, do seu idioma e da súa cultura. E será o ano no que o Día das Letras homenaxeará o poeta da Terra Cha e da Galicia enteira. 

Todos os grupos políticos instaron a Xunta a declarar 2016 como o 'Ano das Irmandades da Fala'

Xa no pasado mes de abril, todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia instaron a Xunta a declarar 2016 como o Ano das Irmandades da Fala e poñer en marcha un programa de actividades para "divulgar o coñecemento do encomiable labor desta organización, animada polo propósito de traballar pola consecución dunha Galicia máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma”. Aínda que nada se sabe da decisión final do Goberno, son varias as administracións e institucións que xa anunciaron e mesmo preparan este centenario. 

O Consello da Cultura Galega confirmou no plenario celebrado neste mes que celebrará un congreso sobre as Irmandades durante este 2016, no que a cidade da Coruña, onde se fundou o colectivo, terá especial relevancia. Xa antes de chegar ao goberno, a plataforma cidadá Marea Atlántica propuxo nas súas "99 medidas para o 99%", o seu programa electoral, a celebración na cidade do Ano das Irmandades da Fala, conmemorando o centenario do seu nacemento na urbe e "destacando a súa condición visionaria na perspectiva de xénero". Tanto o alcalde, Xulio Ferreiro, como o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, aseguraron en varias ocasións que esta histórica asociación sería a protagonista dos vindeiros doce meses. 

O Concello da Coruña, a Deputación, a RAG e o Consello da Cultura xa anunciaron varios actos para celebrar o centenario das Irmandades

De feito, representantes da Real Academia Galega (RAG) e do Concello xa mantiveron xuntanzas para a colaboración neste ano de reivindicación e homeneaxe ás Irmandades, nun ronsel que seguirá a Deputación da Coruña, que entre os seus principais propósitos culturais para o 2016 tamén anunciou a conmemoración do cententario do colectivo. 

As Irmandades da Fala definíronse por primeira vez con claridade como nacionalistas, deixando atrás o rexionalismo. Foi o  18 de maio de 1916 cando Antón Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña. Unhas vinte persoas -entre elas Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte- acordaron a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala para a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia. Antón Villar Ponte converteuse no seu primeiro conselleiro. 

O 18 de maio de 2016 reuníronse por primeira vez as Irmandades na Coruña

As Irmandades espalláronse por ata 28 localidades e nelas integráronse ap pouco tempo persoeiros como Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, entre outros. O seu primeiro acto público foi unha homenaxe aos mártires de Carral en abril de 1916 e pouco despois fundouse A Nosa Terra. Dous anos despois, en novembro de 1918, celebrouse a I Asemblea Nzonalista, da que xorde o Manifesto que superaba xa o resxionalismo. 

A evolución política deriva en diferentes expresións galeguistas e nacionalistas, ata que a fundación do Partido Galeguista supón a disolución das Irmandades, en cuxo seo naceran tamén o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. 

Manuel María: a xente e mais a fala

Se as Irmandades serán protagonistas deste 2016, tamén o será Manuel María, o poeta a quen a RAG dedicará o Día das Letras Galegas e a quen se homenaxeará tamén durante todo o ano. Tan prolífico como comprometido, a conmemoración do autor chairego augura un vindeiro festexo centrado, en boa medida, na defensa da lingua propia

A construción poética da Terra Chá e dos seus lugares ata o máis miúdo, como o regato do Cepelo, é un dos compoñentes máis senlleiros da enorme obra de Manuel María, autor que dende moi novo comezou a entrar en contacto con persoeiros como Carvalho Calero, Luís Pimentel, Anxel Fole ou o seu amigo Uxío Novoneyra. Os anos de instituto achegárono aos faladoiros intelectuais de Lugo, como o do Méndez Núñez, e no tempo da 'mili' en Compostela no do Café Español, polo que tamén transitaban escritores, intelectuais e activistas políticos da clandestinidade de diversas procedencias e xeracións, dende o xornalista Borobó a Ramón Piñeiro, de Fermín Bouza Brey a Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Manuel Beiras.

A conmemoración do autor chairego augura un vindeiro festexo centrado, en boa medida, na defensa da lingua propia

Todos eses contactos e influencias serviron para fortalecer un compromiso político que xa exercía a finais dos anos 50, cando comezou a exercer como procurador dos tribunais e cando xa era fundador da Editorial Xistral, a mesma que lle daría nome á libraría que mantivo aberta en Monforte xunto á súa dona, Saleta Goy. O movemento da Nova Canción Galega, a UPG, o BN-PG e, máis tarde, o BNG, foron os espazos nos que desenvolveu labor político mentres, simultaneamente, ofrecía apoio a multitude de iniciativas culturais de base. A política está, obviamente, tamén moi presente nas súas letras, tanto na lírica como no ensaio ou nas súas colaboracións con diferentes medios de comunicación.

Ata o seu falecemento na Coruña, en setembro de 2004, Manuel María recibiu multitude de homenaxes no país e tamén fóra del. Dende 2007 a figura e a obra do autor presérvase e espállase dende a fundación que leva o seu nome, que dende 2013 desenvolve a súa actividade dende a Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.

Placa no lugar onde se fundaron as Irmandades na Coruña CC-BY-SA Jorges65
IV Asemblea das Irmandades, en Monforte Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.