"O que fai que a vida sexa como é, é que ten un principio e un final. Iso fai máis urxente que non adiemos a rebeldía para mañá"

Dominio Público Praza Pública

Paula é unha muller que non atura que o rumbo da súa vida non sexa produto das súas propias decisións. Non atura que a súa contorna decida por ela. Mais ten medo de rebelarse. De dar o paso que precisa para deixar de interpretar un papel que non é o dela. Ese é o conflito da protagonista de O rebumbio dos vagalumes, a primeira novela de Alberte Santos Ledo, que vén de editar Laiovento.

É a túa primeira novela. Levabas moito tempo escribindo? -Ficción e non xornalismo, quero dicir-. Decidícheste a publicala por algún motivo especial?

Esta novela comecei a escribila hai máis de dez anos. Pero a fronteira entre a escrita e a publicación é moito máis grande do que dende fóra se pensa. Así que decidín metela no caixón e agardar a que a novela estivese máis madura. Relina moitas veces e reescribina moitas máis. Decidín publicala porque logo de rematar O rebumbio dos vagalumes, empecei outra e, cando estaba no derradeiro terzo da novela, deume mágoa acabar estragando os dous textos no caixón. A partir desa decisión, e sobre todo da crenza que a novela cumpría co que eu, como lector, cría que tiña que dar, o proceso foi moito máis fluído.

Paula, a protagonista, sente que interpreta un papel que non é o seu. Como se se lle impuxese un destino que non desexa. A orixe do seu conflito é a crise co seu home mais, por que se sente unha muller "fracasada" por iso?

A orixe do conflito de Paula está dentro dela e dende antes do emparellamento co seu home. Paula non atura que o que lle aconteza non proceda das súas propias decisións. Ela non se sente satisfeita porque sente que moitas das circunstancias que condicionan a súa vida non proceden das súas decisións senón das decisións doutros. Ela quere máis e non atura deixar que a contorna social e cultural na que vive de cara aos demais acaben por apagar, por agochar, o que ela sente e quere. O seu fracaso procede do medo que lle dá rachar con todo o que tería que deixar atrás para dar un paso adiante. O que lle quedaría, de non enfrontarse ao risco, é o acubillo da soidade e diso xa está chea.

"Paula sente que moitas das circunstancias que condicionan a súa vida non proceden das súas decisións senón das decisións doutros"

Nese sentido, é como se fose buscando acubillo ante a soidade e o medo á separación nas relacións con outros homes. Nunha dinámica que nalgún momento me fixo pensar nunha interpretación da promiscuidade como algo que parece que hai que xustificar por algún tipo de carencia -emocional neste caso-. Pode haber algo diso na construción deste personaxe?

Paula sente que precisa, como un mandado que está por riba dela, xustificarse constantemente. Ela non vive a promiscuidade como un destino senón como un escenario pasadío e efémero que lle deixa fuxir do que ten -a súa soidade- e poder entreterse. Pero ela pensa que non cumpre con entreter as súas carencias, agochalas un cachiño. Aínda que lle dá medo, quere rebelarse. Paula tenta atopar algo que malia que sabe o que é non é quen de enfrontarse ao cambio que lle supón. Ela é un personaxe que vive máis para dentro que para fóra.

En que sentido é, para ti, este personaxe, mostra da "traxedia muda de moitas mulleres que no tempo actual, pola asfixia emocional do medio no que vive, non enfían a vida pola cara que lles convén". Habería, na novela, ademais, outros exemplos disto, como se cadra Kristina, submisa ante o seu compañeiro.

Así é! Pero Kristina é máis conformista que Paula. Creo que a submisión de Kristina, pola que sinto moito afecto, é consecuencia da dificultade que ten para ollar de fronte o que ten diante -o arredamento da súa parella- e da súa capacidade para rebelarse. Pero tamén estamos falando dunha muller que vive nunha contorna social moi concreta como era a vella Checoslovaquia -un país do leste de Europa cunha cultura das relacións sociais e de parella que a novela tenta esbozar-.

"A submisión de Kristina é consecuencia da dificultade que ten para rebelarse"

Xaime, o financeiro, o marido de Paula, podería representar ben un tipo de vida ao que tende a levar o mundo laboral actual, non só sendo un gran executivo. A escolla entre a vida e o traballo.

Máis importante, dende o meu punto de vista, que do seu traballo de financeiro de éxito é a ambición coa que o desenvolve. El esquece todo o demais e non lle dá folgo ningún ao resto da súa vida. A única prioridade que ten é a ambición polo seu propio devir. Iso, sen dúbida, lévao a descoidar a súa familia, aos seus amigos, a súa orixe vital que finalmente acaba redescubrindo. El semella vítima da súa propia cobiza.

Hai un contraste entre os outros personaxes masculinos: o farmacéutico, -que queda mirando, celoso do xornalista-, o médico Uxío -que Paula ve pouco decidido ou resistente-, e o médico Raúl, ao que ela rexeita polo medo que lle dá o que lle esperta. Que diferencia a Raúl dos outros dous?

A súa capacidade de apostar por ela e, sen dúbida, a súa valentía. Pero entre os dous agroman espazos de complicidade que a Paula lle fan debuxar unha vida máis pobre socialmente pero moito máis chea. O sentido do humor e a ilusión de Raúl supera ao resto dos personaxes masculinos que, para ela, carecen da delicadeza, entrega, imaxinación e forza que amosa el. O seu personaxe é o dun exiliado permanente.

"O sentido do humor e a ilusión de Raúl supera ao resto dos personaxes masculinos"

A historia vainos sendo contada polos seus diferentes protagonistas, que a ven cada un desde a súa perspectiva. E a voz de Paula non sae ata ben avanzada a historia, de xeito que a vemos primeiro polos ollos dos demais. Por que?

Porque Paula ten máis vida que unha. A vida que vemos superficialmente é a que conta o narrador en terceira persoa que podería sen calquera que coñecese socialmente a vida dela. As outras vidas de Paula, e polas que tanto sofre, non poden ser contadas máis que a través dos testemuños do resto de personaxes e ela. O personaxe de Paula non acaba de descubrirse até o final. Eu creo que a estrutura da novela responde á historia. A novela precisaba, dende o meu punto de vista, rachar os tempos e as perspectivas para que fose o lector o dono final da historia.

O final parece unha saída fácil para ela, malia o desgusto inicial. Por que optaches por este final? A cuestión é que ela recupera o control da súa vida, non si?

Ela recupera o control da súa vida pero non tanto polo final como polo que antes é quen de decidir. Pero non cumpría con ese final. Eu quería, sen desvelar agora nin o que nin o motivo, que o valor do tempo estivera moi presente na novela. O que fai que a vida sexa como é, é que ten un principio e un final. Sabemos cando empeza pero non cando acaba. Iso fai máis urxente que non adiemos a rebeldía para mañá...

"Eu quería que o valor do tempo estivera moi presente na novela"

Como está a ser a recepción da novela? (Xa fixeches máis presentacións).

As críticas están sendo boas. Este Nadal Laiovento, a quen estou moi agradecido pola confianza e axuda para sacar adiante este proxecto, lanzou a segunda edición d’O rebumbio dos vagalumes. Creo que temos que estar ledos e esperanzados. Pero sen dúbida a vida dunha novela non remata en tres meses que é o tempo que leva nos andeis das librarías.
 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.