Comeza a conta atrás para o Womex 2016

Apertura do Womex 2014 © Womex

Entre o 19 e o 23 de outubro WOMEX volverá a encher Compostela de música durante cinco días. Quedan aínda oito meses, pero pódese dicir que esta semana iniciamos unha conta atrás que nos vai achegando ata o evento, unha das citas musicais máis importantes do mundo a nivel artístico e profesional, patrocinado polo Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Desde hoxe até o 15 de abril, artistas de todo o planeta poderán presentar as súas propostas musicais, que serán avaliadas por un xurado composto por sete expertos internacionais, entre os que se encontra un galego: Vítor Belho, de Nordesía Produccións. Ademais de grupos musicais, tamén está aberta a convocatoria para expertos en world music para que presenten propostas de conferencias; cineastas con filmes relacionados coa música; e DJs para participar no DJ Summit.

WOMEX é a maior feira mundial do sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional e uns 60 concertos (a maioría deles abertos ao público), ademais de relatorios e proxeccións de filmes, entre outras actividades. A edición de 2014 en Santiago de Compostela acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia. Os datos oficiais desa edición confirman o éxito: 2.400 delegados/as (+6,66% que a anterior edición) e 1.470 empresas (+16,66%) de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e un récord  de 280 stands (+12%). A isto hai que engadirlle o protagonismo da música galega, coa participación de seis artistas galegos e 21 empresas participantes dentro do stand Galician Tunes, así como os retornos en termos de imaxe de marca para a cidade e para Galicia, e o impacto económico da feira.

A edición de 2014 en Santiago de Compostela acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia

O 90% do orzamento foi investido en empresas locais (alugueiro, soldos, escenarios, catering, etc.), con máis de 400 postos de traballo creados (250 directos e 150 indirectos). WOMEX leva celebradas 21 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Budapest). Nas últimas edicións a media do impacto positivo no PIB do territorio no que se celebrou foi de 2,5 millóns de euros, con efectos directos e indirectos no emprego en varios sectores, tanto antes, como durante e despois do evento. Así mesmo, hai que salientar o impacto de imaxe na cidade, con 2.400 delegados e 350 músicos provintes de 90 países, 200 xornalistas e a presenza de emisoras de radio internacionais que emitiron programas para toda Europa.

Neste Womex 2016 a música volverá encher Compostela, distribuída en cinco grandes espazos

Neste Womex 2016 a música volverá encher Compostela, distribuída en cinco grandes espazos. Por unha banda, haberá un WOMEX Day: feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, conferencias, networking... E, pola outra, un WOMEX Night: a maioría dos showcases celebraranse durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio NovaGalicia Banco e Sala Capitol (DJ Summit).

Apertura do Womex 2014 © Womex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.