"Non nos diferenciamos do cine americano en creatividade ou talento, só en orzamentos"

Cartaz do filme © Vaca Films

Dani de la Torre (Monforte, 1975) volve este domingo á Coruña co seu primeiro filme, que é tamén o seu primeiro gran éxito. Tras gañar dous Goya e pasar por festivais de sona mundial como Donosti, Nantes ou Amsterdam, El desconocido proxéctase este domingo, 21 de febreiro, no coruñés Teatro Rosalía de Castro (19:00, de balde), onde o filme estará acompañado por un cinefórum no que o público terá a oportunidade de formularlle preguntas ao director. Coa fita xa vendida en vinte e cinco países, De la Torre admite que "nunca soñara" ter "tanta transcendencia cunah primeira película, nin sendo moi optimista". "Imos ir aos poucos", afirma de cara ao futuro, se ben tamén tira a lección de que é posible realizar, dende Galicia, filmes de acción ao máis alto nivel e competir en igualdade de condicións con outras cinematografías de orzamentos moito maiores.

Volves ao 'escenario' do filme con dous Goyas polo que foi o teu primeiro filme. Que tal foi a incursión nesa faceta máis pública da ‘farándula’?
A verdade é que foi unah experiencia marabillosa. E volver á Coruña é pechar o círculo. Xa é o momento de empezar a despedirse da peli e ocuparse doutras, e é moi chulo volver á Coruña. Cando peor se pasa é cando os proxectos non dan saído, pero unha vez que se poñen en marcha van moi rápido. Estás montando e cando te decatas, estás estreando en Venecia. Foi todo moi seguido: Venecia, San Sebastián, a estrea, os nomeamentos… Foi un enorme subidón. Aínda non son moi consciente de todo o que supuxo [ri]. Foi moi bonito. A miña máxima pretensión era que a xente fose ao cine a vela, conseguimos unha entrada moi digna, a xente foina ver e a crítica e os académicos tamén acompañaron. Non puidemos comezar mellor a nosa primeira película xuntos, que agora xa ten vida propia.

E volves para compartir o filme co público en formato fórum, non sei se tamén para compartir a tensión que se pasa vendo o filme…

"Isto non é cine americano, pero na carteleira vas pegado ao cine americano e ao público non hai que darlle explicacións: ou gusta, ou non"

Si, é verdade. Toda a xente di que non lle deu tempo nin a comer as palomitas (ri). Esa era unha das pretensións. É moi chulo o feedback que tivo a peli, aínda que houbese xente á que non lle gustou, claro. Pero á maioría da xente reacciona moi ben e tamén agradecen o esforzo, porque facer unha película de acción na Coruña, co orzamento que tiñamos... Isto non é cine americano, pero na carteleira vas pegado ao cine americano e ao público non hai que darlle explicacións: ou gusta, ou non. E a xente reaccionaba moi ben, non agardaba que fose tan trepidante, que estivese ben feita.

Se cadra os dous Goya, de carácter técnico, son tamén un aval á capacidade de facer películas tecnicamente boas, espectaculares, e facelo dende aquí…
Os premios certifican moitas cousas, pero tampouco se pode medir só por iso, porque se cadra outros tamén os merecerían os premios técnicos. E viceversa, se cadra Luís [Tosar] tamén merece o Goya ao mellor actor. Iso déixoo para os académicos. A cuestión é que a película tivo 8 nomeamentos, que en xeral significan que en parte eran técnicos e en parte eran actorais. E nos Feroz, o mesmo. Foi unha película que cumpriu en todos os aspectos. Evidentemente, nos premios técnicos destaca, porque sorprende que se faga unha película así, que ademais tamén está moi ben resolta, tanto na montaxe como no son. 

Porque se pode facer cinema en Galicia sobre temas universais…
Xa non temos ningún tipo de prexuízo nin de complexo. Ás veces pensamos que certas cousas teñen que vir de fóra, pero pódense facer dende aquí. Temos ténicos marabillosos, que traballan a nivel internacional, e o mesmo cos actores e actrices. Temos que crer en nós mesmos, porque o podemos conseguir todo. Evidentemente, este tipo de cine asóciase co cine americano, pero eles tamén comezaron algunha vez e foron mellorando. No único nos diferenciamos deles non é na creatividade ou no talento, senón nos orzamentos.

Cónstache que tal sentou a película no ámbito financeiro, nos bancos? Non se menciona ningún en concreto, pero é inevitable vela e non pensar nas manifestacións dos preferentistas e en como unha desas persoas estafadas que se manifestaron pode decidir ir un pouco máis alá, á desesperada.

"Recibín moitos agradecementos de preferentistas que o pasaran moi mal e que se vían reflectidos nos personaxes"

Moi ben, a verdade. Entre os preferentistas, moi ben porque se retratou algo que se tendía a ocultar ou a pasar por riba del. Recibín moitos agradecementos de moita xente que o pasou moi mal e que se reflectiu nestes personaxes. E no outro lado, tamén. Mesmo me chamou a directora da miña sucursal, na que teño a conta, e díxome: "Que mal o pasamos neses momentos, pero nós non o sabíamos!". E eu dicía: "o que tedes que facer é devolver os cartos e asunto solucionado". Eu penso que moitos directores o sabían e outros simplemente meteron a pata e non podían recuar. Polas dúas partes eran os elos máis baixos da cadea. Algúns dos preferentistas dicn que é unha pena que o personaxes de Javier [Gutiérrez] morra ao final… Pero pasa unha barreira que non pasou ningún, porque asasina dúas persoas. Cando pasas unha barreira así, é moi difícil de volver atrás. Pero isto é ficción, evidentemente, e a ficción é extraordinaria.

O filme tamén é un retrato descarnado da actuación policial. Como concibides esa parte da trama? Moito despregamento, moita arma… E semella que menos sentimento e menos empatía neses personaxes.
No tema da Policía falamos dunha cidade pequena, non é Madrid nin Barcelona. Nunha cidade pequena un evento destas características mobilizaría un montón de axentes e sería un caos absoluto, porque non están acostumados. A min gustábame crear esa tensión entre os TEDAX e o resto de corpos de Policía: Fernando [Cayo] vai máis por libre e quérese quitar o problema de enriba e Elvira [Mínguez] vai máis alá, detecta que isto non é como parece. Aquí xogamos coa ficción, con elementos de película, pero tamén é certo que a Policía me dicía que hai casos moito máis surreais ca este.

Reitera que a ficción é iso, ficción, e por iso os policías non son reais nin os actores matan a ninguén. Como viviu o conflito xerado a raíz do xa famoso episodio dos monicreques en Madrid e o balbordo xerado, detencións incluídas, a partir dunha montaxe de ficción?

"É surrealista ter que explicar a día de hoxe, cando case todo o mundo foi ao colexio, cando algo é ficción e cando algo é realidade"

Pouco hai que dicir sobre ese tema. Todos temos educación e cultura, ou deberíamos tela. E como somos todos intelixentes e nos diferenciamos niso do resto dos animais, a xente sabe diferenciar cando che están contando algo de ficción e cando algo é realidade. Explicar isto a día de hoxe, coa cultura audiovisual, cinematográfica e literaria que temos, paréceme surrealista. Se isto pasase no século XIX entenderíao, porque podería haber algún tipo de interpretación. Pero que pase agora mesmo, cando case todo o mundo foi ao colexio e sabe ler e escribir, é surrealista. Ten que se saber para quen van dirixidos os contidos, eu por ese lado estou completamente de acordo: estás diante de nenos e non podes facer calquera cousa. Pero coa mesma intelixencia que entendemos iso, temos que entender que os castigos teñen que ser proporcionais e non matar moscas a canonazos.

"Non se pode poñer calquera contido diante de nenos, pero non se pode castigar igual unha interpretación teatral e a realidade"

As interpretacións que faga a xente son moi libres, pero sacar as cousas de contexto tamén é moi doado. Débese ser consecuente: non se pode tampouco poñer calquera tipo de contidos diante de nenos ou de persoas sensibles, sempre hai que ter respecto. Pero, por riba de todo, non se pode castigar o mesmo unha interpretación teatral ou unha película que a realidade. Forma parte da liberdade de expresión contar as cousas como se queira. Outra cousa é que difames ou faltes ao respecto, iso é diferente. No caso dos titiriteiros, eu penso sinceramente que foi todo un despropóstio: foi un erro propoñer esa obra para os nenos e foi un erro todo o que aconteceu despois.

Comentas que xa é hora de deixar voar El desconocido. Que hai agora anotado na túa axenda?
Estou con dous proxectos, un é un thriller con Alberto Marini, o mesmo guionista de El Desconocido, sobre narcotráfico en Galicia. E o que teño máis avanzado e comezaremos a rodar a principios do ano que vén, é un thriller dos anos 20, na época dos anos do chumbo en Barcelona, unha película de gangsters.

Segues a apostar polo cinema de xénero. E, co narcotráfico, tamén por retratar realidades máis próximas e mesmo máis arraigadas, no caso galego, que o que foron as preferentes, por exemplo...

"Sempre diciamos que faltaba por facer a gran película sobre o narcotráfico en Galicia; empezamos a indagar e xa estamos empezando a escribir"

O caso do narcotráfico é algo case intrínseco na nosa sociedade. É un tema que me apaixonaba xa como lector e como galego. Iso colleume de moi novo e sempre me pareceu algo intrigante e dalgún xeito, moi noso e moi escuro. Empezamos a ler e sempre, falando con Emma Lustres, a produtora de Vaca Films, sempre dicía que faltaba por facer a gran pellícula sobre o narcotráfico en Galicia. Empezamos por aí, a indagar, a falar con xente, e ao final Alberto Marini e mais eu puxémonos mans á obra. E estamos empezando a escribir. Gústame que as películas teñan alta dose de entretemento e que sexan películas para disfrutar, pero tamén quero ter sempre o foco posto na nosa sociedade e retratar algo moi cercano. Iso nos diferencia doutras cinematografías e nos fai máis auténticos. Se os americanos fixeron miles de películas sobre gangsters e todo tipo de narcotraficantes mexicanos, xamaicanos... Por que nós nos o imos facer?

Dani de la Torre, durante a rodaxe © Academia de Cine

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.