Teatro do Atlántico triunfa nos María Casares

Unha das actuacións de Chévere durante a gala © Corsino

"Viva o teatro, viva o público e viva María Casares!". A conclusión do presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) no seu discurso na noite deste mércores no Teatro Rosalía da Coruña ben podería ser o resumo da gala de entrega dos vixésimos premios María Casares. Unha festa musical conducida polo grupo Chévere e cun ollo posto no centenario das Irmandades da Fala serviu para entregar os galardóns do teatro galego, nos que Teatro do Atlántico foi a compañía triunfadora da noite, con cinco recoñecementos para 'O principio de Arquímedes'.

A montaxe que chegaba á gala con máis nomeamentos foi tamén á máis premiada: mellor adaptación-tradución, mellor actos secundario, mellor actos protagonista, mellor direccción e mellor espectáculo. A continuación situouse 'Xardín suspenso', na que o Centro Dramático Galego viu recoñecido o traballo de iluminación, a escenografía e a mellor actriz protagonista para Melania Cruz, compartido ex aequo con Mela Casal pola súa interpretación en 'Noiteboa' (Redrum Teatro).

'O Furancho' (Ibuprofeno Teatro), 'Manawee' (Matrioshka Teatro), '30 e tantos ósos' (Aporía escénica), 'Ensaio sobre a cegueira' (Sarabela Teatro), 'Presidente' (Teatro do morcego), e 'FEO!' (Caramuxo Teatro) completan a nómina dunha entrega de premios á que asistiron máis de 500 persoas, entre elas representantes das institucións públicas que os apoian, caso do Concello e da Deputación da Coruña ou AGADIC. As cámaras da TVG foron testemuñas do espectáculo e tamén destinatarias de parte da intervención de Mohedano: "Pedimos que a TVG, pola súa propia saúde -dixo- dedique o máximo esforzo en esixir da profesión teatral a máxima dedicación e excelencia no seu traballo".

"Pedimos que a TVG, pola súa propia saúde -dixo- dedique o máximo esforzo en esixir da profesión teatral a máxima dedicación e excelencia no seu traballo"

A xuízo da AAAG a televisión pública "ten medios para promover" o teatro e o Centro Dramático Galego, pola súa banda, debe "esixir aos responsables da TVG a máxima dedicación e excelencia no seu traballo". Todo isto, subliña, coas dúas décadas dende o falecemento de María Casares como pano de fondo. "Como dicía María Casares, o público é o último actor do escenario; sen el, o feito teatral non existe".

A gala, dirixida por Xesús Ron (Chévere), estivo conducida por ata nove intérpretes acompañados por cinco músicos. Durante o seu desenvolvemento a xornalista Montse Dopico encargouse da lectura do Manifesto do Día Mundial do Teatro e unha representación da Revista Galega de Teatro recolleu o premio de honra Marisa Soto.

Foto de familia dos premios © Corsino
Representantes institucionais e da AAAG © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.