"Na II Guerra Mundial, Galicia tivo unha importancia xeoestratéxica maior do que se pensa"

Dominio Público Praza Pública

Pouco a pouco, novela e ensaio van desentrañando a relevancia xeoestratéxica de Galicia na II Guerra Mundial. Se Emilio Grandío e Javier Rodríguez xa a debullaran en War zone. La II Guerra Mundial en el noroeste de la Península Ibérica ou Eduardo Rolland en Galicia en guerra: espías, batallas, submarinos e wolframio: do desfile da Wehrmacht en Vigo á fuxida dos criminais nazis, entre as máis recentes achegas sobre o tema atópanse Izan o da saca, de Xabier Quiroga; Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, ou Por que as sombras non teñen ollos, de Luís Manuel García Mañá. Unha novela, esta última, na que abrolla, baixo unha historia de espionaxe e contraespionaxe, a miseria dun tempo. Falamos co seu autor.

De fondo está a II Guerra Mundial. A importancia de Galicia como centro de espionaxe e contraespionaxe, que é un tema que se está a tratar cada vez máis na narrativa. Por que o escolleu?

Na II Guerra Mundial, Galicia tivo unha importancia xeoestratéxica maior do que moita xente pensa. Non só polo wolframio. Tamén pola súa posición no Atlántico e o Cantábrico, pola proximidade dos escenarios de guerra, pola base de emisión de radio que os alemáns usaron en Cospeito, pola información que se movía a través dos consulados de Vigo, A Coruña, Vilagarcía… E pola fronteira. España xogaba a un xogo difuso, nun tempo escuro e tamén difuso, presentando a cara que lle conviña segundo o momento. Portugal foi acubillo para a espionaxe: foino Lisboa, como Vigo, A Coruña… Ademais diso, a caída do avión da que parte a novela é un feito real. Foi no 44, no marco 125 da fronteira con Portugal.

Por que lle interesa tanto a fronteira con Portugal? Escribiu varios libros sobre o Couto Mixto…

Miña nai procede desa zona, que foi mítica, no meu imaxinario, e da que sempre escoitei historias que levei á narrativa e ao ensaio. Está presente na triloxía sobre Nemesio Castro…

É iso, como un espazo mítico… Que se cadra non o era tanto. Para a situación das mulleres, por exemplo.

Non era tan mítico, pero facémolo mítico ao lembralo, polo esquecemento que houbo dese territorio e do que significou social e politicamente. Hoxe non se comprende moi ben como era aquela terra, que era na práctica independente, entre os reinos de España e Portugal, na que xa se escollían os líderes por sufraxio directo, -excluíndo as mulleres, é verdade-, e onde tiñan privilexios como comerciar con certos produtos… É un caso excepcional no Dereito Internacional Público. Pois ese espazo facémolo mítico agora ao sacar á luz o que foi, a súa historia. Pero no seu tempo real non era así, senón triste e escuro. Moita xente rexeitaba a zona porque, como tiñan dereito de asilo, pensábase que acollían os reos da xustiza… A situación da muller era moi difícil alí, como en calquera sitio. Clara Campoamor conseguiu o voto para a muller no 1931…

"O Couto Mixto non era tan mítico, pero facémolo mítico ao lembralo, polo esquecemento que houbo dese territorio e do que significou social e politicamente"

Xosé Benito, un dos protagonistas, é contrabandista, ex-combatente de guerra…

Son os anos inmediatamente posteriores á guerra civil. O de Xosé Benito é un personaxe típico dese tempo. Alguén que volve da guerra e aproveita a súa condición de ferido de guerra para actuar con certa prepotencia ante falanxistas, gardas civís… Os personaxes están construídos a partir de persoas reais que coñecín, que tratei, que observei…

Dicíao porque non deixa de ser, todo, un retrato da miseria. Da escuridade, dicía vostede.

É que aquela zona era moi pobre. Non había luz, non se comía pan trigo, é unha terra alta na que só se dan algúns cultivos… O contrabando era un plus para mellorar a economía familiar. Mais non deixa de ser, ademais dun retrato da miseria económica, como dis, tamén un retrato da miseria humana. Cando cae o avión, no que pensan é en aproveitarse, en levar o que poidan dos restos do accidente.

"Non deixa de ser, ademais dun retrato da miseria económica, como dis, tamén un retrato da miseria humana"

Hai tamén dous espías, Hans e Jaakkina, que están co III Reich por unha sorte de lealtade a Alemaña...

Son casos distintos. Jaakkina é finlandesa, pero está relacionada familiarmente con Alemaña. A súa xuventude, a forza que ten inicialmente o nazismo… fan que sexa captada facilmente. No caso de Hans é tamén un sentido de lealtade a Alemaña, pero vaise decatando de como evolucionan os acontecementos e vaise afastando. Porque Hitler primeiro engaiola moita xente, pero despois mesmo os seus propios militares participan en atentados contra el. O réxime vai evolucionando e a xente vaise decatando do que é a doutrina nacional-socialista, e de que o proxecto de Hitler de marcar o rumbo do mundo non pode ser. A xente vaise desencantando, que é o que lle pasa a Hans. Só que Hans non só muda de doutrina, senón que tamén traizoa as persoas, e mesmo ás que amou.

Jaakkina é unha personaxe, se cadra, un pouco contraditoria. Espía, muller culta e intelixente… pero un pouco antigua, no fondo. Ou iso pode pensarse ao ver como a xulga o narrador.  Busca unha figura de protección en Hans, por exemplo.

Empezas un personaxe dunha maneira e despois vai evolucionando. Jaakkina comezou sendo unha espía ortodoxa, clásica, que segue as pautas marcadas, pero despois vaise transformando. Porque convive con xente que vive afastada da guerra, coas súas paixóns e emocións..., e ela acaba querendo ter unha vida como a de calquera muller da época. Sente a chamada da maternidade, quere ser como as outras mulleres da súa idade… Por iso cambia dunha posición de tipo moral-militar a outra máis de tipo emocional-sentimental. E, claro, é unha muller da época. Europa cambiou moito en 50 anos. E a situación da muller é un dos aspectos que máis cambiaron. Non só en España. Foi en toda Europa. Na guerra estaban de enfermeiras, ou na espionaxe, na retagarda…

"Europa cambiou moito en 50 anos. E a situación da muller é un dos aspectos que máis cambiaron. Non só en España"

Hai outras personaxes femininas, coma Palmira, que estivo na emigración e trae ideas novas, ou a a criada…

A criada é un prototipo de muller que para ascender socialmente pensa en ter un fillo do señorito. Iso pasaba moito no norte de Portugal…

E non sería máis ben que eran desprezadas por ter un fillo fóra do matrimonio, e con alguén dunha clase social “superior”?

Non non, iso pasaba. Eran mellor consideradas socialmente por ter un fillo con alguén de maior condición social. Agás que fose un fillo non recoñecido. Se era un fillo do señorito, aínda que fose de fóra do matrimonio, non eran rexeitadas. Palmira é unha muller que estivo na emigración, que trouxo cartos, e que tratou de vivir un pouco mellor que os veciños. Ten un prestixio no pobo porque fai cousas como ensinar a ler, nun lugar con moita xente analfabeta…

Di nas entrevistas que trataba de separar a súa vida profesional de policía da literatura… mais había unha continuidade, polo xénero que escolleu. A triloxía sobre o investigador Nemesio Castro…

Iso dicíao porque non escribo sobre temas actuais. Claro que hai temas dos que tiña coñecemento polo meu traballo, pero non quero meterme neles nas miñas novelas, porque forman parte do secreto profesional. Outra cousa é que me inspiren. Nemesio é un personaxe do século XIX, que en realidade é un tipo sen oficio, que vai atopando unha forma de vida. Tampouco é un policía.

"Hai temas dos que tiña coñecemento polo meu traballo, pero non quero meterme neles nas miñas novelas, porque forman parte do secreto profesional"

A Historia está bastante presente no que escribe. O debate sobre a escravitude en O grito do Ipiranga, O banquete de Conxo en O lume de santo Antón

É que calquera situación individual está conectada co conxunto social, económico, político… Presentar algo fóra do seu marco histórico faría que quedase un pouco descafeinado… Por iso tento documentarme e ser rigoroso.

Foi Xefe Superior da Policía de Galicia. E é escritor en galego. É a propia institución policial a que desincentiva o uso do galego?

O ser un corpo nacional utiliza o castelán como lingua de comunicación. Preocupámonos do tema sobre todo persoas que temos un sentimento galeguista, claro. E ademais se traballas onde o pobo fala galego, é normal que haxa policías que falan en galego, e eu creo que tentar impoñer o castelán é un erro. Fixemos un esforzo, por exemplo, para que existisen formularios en galego. Pero coa informática iso foi abaixo, porque a aplicación fíxose a nivel nacional, en castelán. Aínda así conseguimos cousas, como ter contos en galego para que poida ler a xente que espera.

Ourense tamén está moi presente nos seus libros. Vostede foi Comisario Xefe en Ourense, e xa había daquela moita corrupción…

Ourense está moito nos meus libros, si. É de onde son. Vigo está en As plumas do moucho… Ourense é como calquera outro lugar.

Para a corrupción tamén?

Para todo. Somos todos humanos. Pero diso tampouco vou falar nos meus libros. Polo menos de momento.

NA TENDA DE PRAZA: Podes mercar aquí o libro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.