0 Gardados para despois

Rede Feminista e Cineclube de Compostela acusan o Concello de querer "expulsar a cultura da cidade"

Redacción | @prazapublica

O pasado 11 de maio o Cineclube de Compostela solicitou permiso do Concello para a utilización da Praza da Oliveira os martes do mes de xuño, de cara a realizar un ciclo de cinema feminista gratuíto xunto coa Rede Feminista Galega. 20 días despois, a Concellaría de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, aprobou o uso da praza, pero esixindo o pagamento previo dunha taxa de 405,52 euros por día, en virtude dunha ordenanza do 2008 que regula cuestións como a instalación de postos de artesanía, as rodaxes cinematográficas, os grandes espectáculos ou as atraccións. O Cineclube denuncia que "cun total reclamado de 1622,08 euros, o Concello tenta imposibilitar pola vía económica a actividade, situando o uso do espazo público a un prezo máis elevado ca o marcado pola especulación para os alugueiros dos locais privados".

Cineclube e Rede Feminista acusan o concelleiro Albino Vázquez Aldrey de "mentir" cando afirmou que non se lles ía cobrar por realizar as actividades que lles son propias ás entidades sen ánimo de lucro nin ás asociacións veciñais

Cineclube e Rede Feminista acusan o concelleiro Albino Vázquez Aldrey de "mentir" cando hai uns días afirmou que "nin coa ordenanza actual, vixente dende xaneiro de 2008, nin coa aínda máis restritiva que o Concello vén de aprobar o xoves 31 de maio, se lles ía cobrar por realizar as actividades que lles son propias ás entidades sen ánimo de lucro nin ás asociacións veciñais". Para o Cineclube de Compostela, a proba do cambio de política e da "aplicación arbitraria da Ordenanza vixente" está en que o pasado ano nestas datas o Cineclube de Compostela realizou un ciclo de cinema gratuíto na rúa "sen que o Concello, utilizando a mesma normativa, lle solicitase namais que unha comunicación de uso do espazo público".

A asociación denuncia que "antes ca nós, outras organizacións políticas, culturais e veciñais, especialmente desde a formación do novo goberno, viron dificultadas ou imposibilitadas as súas actividades a través da petición de fianzas, da imposición de multas ou da negación de permisos para o uso do espazo ou da rede eléctrica. E, contra o que reiteradamente afirma o concelleiro Albino Vázquez, estes impedimentos estánse a dirixir principalmente contra asociacións sen ningún ánimo de lucro, nun plan que ten como último movemento a aprobación o pasado xoves dunha nova Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública".

"Unha vez inaugurada unha Cidade da Cultura a medida, seica o seguinte paso da súa política é expulsaren a cultura da cidade"

Cineclube e Rede Feminista denuncian o Concello de Santiago exclúe "un tecido asociativo que está a realizar a programación que debera ser responsabilidade da administración pública. Unha vez inaugurada unha Cidade da Cultura a medida, seica o seguinte paso da súa política é expulsaren a cultura da cidade". Afirman, así mesmo, que xa están a recorrer a imposición das taxas e súmanse aos colectivos que participan das asembleas "en resposta a esta ordenanza privatizadora das nosas rúas", que se celebran todos os venres de xuño, de seis a oito da tarde, na praza do Toural, cun obxectivo de ocupación dos espazos públicos e de organización dos colectivos afectados.

Así mesmo, anuncian que o ciclo de cinema se celebrará cada martes de xuño, ás dez da noite na praza da Oliveira e que "a rúa é nosa e se non nos deixan usala teremos que tomala". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.