0 Gardados para despois

"É rechamante que os medios públicos galegos non teñan un espazo dedicado ao cómic"

Redacción | @prazapublica

O programa de radio Metrópoles Delirantes, especializado en banda deseñada (BD), chega ás 50 emisións, consolidado como un punto de encontro e difusión fundamental para o sector en Galicia. Dende o seu comezo, hai algo máis de dous anos, foi medrando en oíntes ata acadar unha audiencia fiel de preto de catro mil oíntes por programa (só nas plataformas de internet) aos que hai que sumar os das diferentes emisoras que tamén transmiten o espazo, actualmente, Radio CampusCulturae da USC, Cuac FM, Pontevedra Viva e Rádio FilispiM. Cada quince días ofrece unha nova emisión, conducida por Nieves Rodríguez, con entrevistas, novas e reportaxes e fai de altofalante da banda deseñada galega, unha das nosas industrias culturais máis esquecidas. 

Ademais do espazo de radio, o equipo de Metrópoles Delirantes escribe unha columna mensual de crítica de cómic na revista Tempos Novos e, así mesmo, colabora activamente na dinamización do sector, participando en charlas, mesas redondas e na organización das primeiras xornadas de autoedición de Compostela, FunFunFun, celebradas no pasado mes de nadal. Metrópoles Delirantes foi recoñecido en 2015 co Premio Ourense de BD que outorgan as Xornadas de BD de Ourense “polo gran labor de difusión do cómic e da BD galega”.

Vén de poñer en marcha a primeira edición dos Premios Nacionais da BD Galega, que xa completaron a primeira fase, na que participaron as librarías especializadas e divulgadores e críticos galegos escollendo autores e obras finalistas, e que está a piques de abrir a votación popular para elixir os gañadores e gañadoras. Falamos cos seus responsables, Nieves Rodríguez (NR) e Manuel Barreiro (Sr B).

Como é a resposta da vosa audiencia? Que feedback tedes?

A resposta é boa, temos un bo número de oíntes e cando imos a presentacións ou mesmo nos eventos aos que asistimos moita xente achégase para dicirnos que nos escoitan e o que opinan, ou ás veces para discrepar con algunha das persoais opinións do Sr B. Tamén nos chama moito a atención que moitos dos autores non galegos que entrevistamos escoitan o programa aínda que sexa en galego.

"Creativamente somos unha potencia. A nivel económico está mal, hai moi poucos autores que poidan vivir do seu traballo na BD"

Como valorades o momento actual da BD galega?

A nivel creativo está moi ben, temos aos máis coñecidos e mediaticos traballando moito: Emma Ríos publicando en Estados Unidos con grande éxito, Rubín e Miguel Porto tamén, Miguelanxo Prado batendo marcas de vendas con cada libro, e temos autores novos interesantísimos e moi ben formados, con novas visións do cómic e unha capacidade de produción espectacular. Hai un importante movemento de vangarda agrupado en torno á editora viguesa Fosfatina que está abraiando a crítica a nivel estatal, e non menos importante é a autoedición, capaz de organizar cinco eventos autoxestionados por todo o país. Os fanzines non paran de medrar en calidade e número. Creativamente somos unha potencia. 

A nivel económico está mal, hai moi poucos autores que poidan vivir do seu traballo na BD. A crise petou forte no eido editorial e as políticas lingüísticas da Xunta case acabaron coa edición en galego e non hai ningunha bolsa de creación de BD en Galicia. Na Xunta non hai conciencia da importancia cultural e mesmo económica que podería ter. Poderíase replicar o modelo de Angouleme, cunha importante residencia de artistas e un importante festival (que aquí xa temos) pero… de feito a Xunta non leva a ningún autor ou autora de BD á feira de Bos Aires deste mes no que Galicia é país invitado. Agora ben, non todo é ermo: a Deputación de Pontevedra vén de inaugurar unha exposición titulada “De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego” e a da Coruña está tentando revitalizar o premio Castelao de BD, que tiñan tan esquecido que do premio de 2014 saíu antes a versión en español que a galega (que aínda non se publicou).

"Na Xunta non hai conciencia da importancia cultural e mesmo económica que podería ter. Poderíase replicar o modelo de Angouleme, cunha importante residencia de artistas e un importante festival"

Como veñen as novas xeracións? Hai canteira de autores e autoras?

Haina, e ben boa, aos grandes autores xa consagrados (Miguelanxo, Emma Ríos, Rubín, José Domingo) hai que sumar unha nova xeración que vén moi forte: Xulia Pisón, Xulia Vicente, Roberta Vazquez, Dani Xove, Cristian Fojón, Alicia Jaraba, etc. con novas propostas e moito savoir faire. Ademais estes autores consagrados apoiaron dende o principio os novos proxectos, abriron as portas que puideron e contribuíron a crear unha "conciencia de BD galega”. É marabilloso ver o bo ambiente que hai, tanto no creativo coma no persoal.

Percíbese un incremento da comunidade lectora, máis tendas e librarías, maior presenza en librarías, nos medios de comunicación...?

O cómic é un xénero dentro do libro que non só mantén as cifras de vendas senón que as incrementa, no país temos unha ducia de magníficas librarías especializadas e as librarías tradicionais comezan a ter espazos dedicados á banda deseñada. Mesmo os grandes almacéns están potenciando as súas seccións de cómic, e si que parece que, dentro do mal momento económico que vivimos, vaise incrementando a comunidade lectora. Só vemos un problema, e non pequeno, na escasa da presenza do galego nos libros.

"O cómic non só mantén as cifras de vendas senón que as incrementa, no país temos unha ducia de magníficas librarías especializadas e as librarías tradicionais comezan a ter espazos dedicados á banda deseñada"

Hai banda deseñada para todo tipo de persoas, a variedade de temáticas, estilos e formatos é impresionante, nótase que hai sectores da poboación que descubriron coas novelas gráficas que o cómic non é un xénero menor, máis ao contrario, o feito de xuntar a parte gráfica coa literaria enriquece enormemente as historias.

A información nos medios xeralistas segue sendo moi escasa e moi achegada aos eventos grandes: Viñetas, Salón de Barcelona ou aos premios. Espazos de crítica ou difusión literaria apenas hai. É rechamante que os medios públicos galegos non teñan un espazo dedicado ao cómic, que si existe en Radio Nacional de España ou na radio pública catalá. Nós ofrecémosllo, mais a radio pública galega díxonos que "non era para o seu público". Porén, afortunadamente en Internet hai múltiples opcións interesantísimas para se informar; tanto as redes sociais, blogs persoais de críticos coma o de Octavio Beares ou Edu Maroño ou blogs de medios coma o Quadrinhos de Praza ou o noso. E tamén os podcasts, que son moi cómodos porque podes escoitalos cando e onde queiras.

Poderíades facer un par de recomendacións de obras recentes e autores/as?

NR: Episodios Lunares de Martín Romero e Tungsteno de Marcello Quintanilha.

Sr B: Intrusos de Adrian Tomine e Los equinoccios de Cyril Pedrosa.

Cando botastes a andar o programa, esperabades chegar ás 50 edicións?

Aquí hai discrepancia no duo responsable do programa. Si estamos ambos de acordo en que cada programa esixe un gran traballo de preparación, produción e postprodución e que ao ser un proxecto independente e sen respaldo económico dun gran grupo mediático hai veces que é difícil compatibilizar os labores propios do programa coa vida profesional e ademais supón un esforzo económico, pois hai que mercar os libros. De todos os xeitos este traballo sería imposible sen o apoio da USC, que nos acolleu na súa radio online CampUSCulturae dende o principio e dos distintos actores do sector en Galicia: os libreiros, os compañeiros divulgadores, os autores, e por suposto, os oíntes.

"Temos en marcha uns Premios Nacionais da BD Galega. A primeira fase na que participaron as librarías especializadas e divulgadores e críticos galegos está rematada, de aí saíron os finalistas. E en breve comezará a votación popular"

Como é o futuro de Metrópolis Delirantes? Haberá cambios, algún adianto...?

O futuro é seguir traballando pola banda deseñada e seguir divertíndonos facendo o programa. Sería estupendo chegar a celebrar os 100 programas e gustaríanos poder profesionalizalo, para poder facer máis cousas. Estamos traballando para engadir algunha sección máis ao programa, e queremos facer máis programas especiais. Imos paseniño pero prometemos seguir na loita.

Imos dar unha exclusiva (hahaha). Xa temos en marcha uns Premios Nacionais da BD Galega. A primeira fase na que participaron as librarías especializadas e divulgadores e críticos galegos está rematada, de aí saíron os finalistas. E en breve comezará a votación popular da que sairá o gañador.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.