"Queremos poñer en valor o corpus poético galego porque é pouco coñecido fóra"

Dominio Público Praza Pública

Cantos de poeta, o primeiro álbum da banda Gelria, propón unha escolma posible da historia da poesía galega contemporánea. E faino tentando asignar a cada poema a música que lle correspondería tendo en conta o seu contido e a época no que foi escrito. Gelria foi creada no 2014 por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano). O seu primeiro proxecto, que mestura diveros xéneros -dende a música tradicional á contemporánea, pasando polo jazz- adopta un formato de libro-disco nos que se inclúen as letras dos diferentes temas en galego, portugués, castelán e inglés. Federico respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.

"E así, cando xuntamos excelencia musical, mocidade e respecto pola cultura de seu, xorde Gelria. Poesía, tradición, historia, xuventude, compromiso e creación", di Xosé Luis Romero no limiar do libro-disco. Estás de acordo? Como e por que decidides, vós os tres, xuntarvos para facelo?

Estou totalmente de acordo, de feito a razón principal pola que xorde este proxecto, e polo tanto este libro-disco, é para poñer en valor a cultura Galega con maiúsculas e máis concretamente o seu corpus poético, que é moi pouco coñecido fóra de Galicia. Mario e eu coñecémonos dende rapaces e levamos tocando xuntos moitos anos. Foi ó coñecer a Elena cando, despois de ter a idea moito tempo na mente, decidimos levar a cabo o proxecto coa súa forma actual.

A escolma de poemas comeza no XIX, con Curros Enríquez, e remata con Chus Pato. Unha parte bastante importante delas teñen un contido bastante combativo. Con que criterios, en xeral, escollestes os poemas? (Hai bastantes menos mulleres que homes, por certo). Quero dicir, como facer unha escolma da poesía galega desde o XIX sen caer nos tópicos?

En primeiro lugar seleccionamos os autores máis representativos de cada período, para o cal contamos co asesoramento dunha experta como é a filóloga Mª Rosario Soto Arias. Neste proceso, polo feito de limitarnos a un número de 14 autores e 14 poemas, tivemos nalgún caso que prescindir de nomes importante. En calquera caso os poetas que están presentes no proxecto teñen un peso e unha relevancia indubidable. En segundo lugar, para escoller os textos tivemos en conta dous criterios: estético, procurando a variedade de temas, caracteres, e á vez escoller textos que poidan representar ben a voz singular do autor. Tamén procuramos escoller textos que, na medida do posible, non foran musicados con anterioridade. Despois, como é lóxico nun traballo destas características, seguimos un criterio de afinidade personal cos textos, é dicir, o poema tiña que ter algunha resonancia nas nosas personalidades musicais.

"Os poetas que están presentes no proxecto teñen un peso e unha relevancia indubidable"

Na nosa antoloxía figuran tres mulleres importantísimas como son Rosalía de Castro, Luz Pozo Garza e Chus Pato. O certo é que o feito da diferencia de número con respecto aos homes responde á triste realidade imperante entre o s. XIX e o segundo tercio do s.XX, no que o número de mulleres escritoras era moi inferior ó de homes polas evidentes dificultades que tiñan para ser recoñecidas e poder desempeñar esta actividade. Ben certo é que despois do franquismo prodúcese un florecemento sen precedentes de autores e autoras, e moitos están ausentes na antoloxía polo límite de 14 nomes que ten o noso proxecto que dalgunha maneira céntrase nos que poderiamos chamar “clásicos” da poesía galega.

Nese sentido, esa unión de música e poesía é unha tradición na nosa historia musical (e literaria). Fíxose con todos os estilos (punk, rock, pop, música tradicional...). Vós escolledes a música tradicional, a música clásica, o jazz e un pouco de folk... Por que? Supoño que os distribuístes entre vós segundo a especialidade de cada un...

O son de cada canción non se debe tanto á especialidade de cada un de nós como a adecuación co texto e o autor. Unha das particularidades que segundo a miña opinión ten a nosa antoloxía é que está feita cuns criterios estéticos moi estritos: quixemos asignar a cada poema a música que lle correspondería tendo en conta o seu contido e a época no que foi escrito. Así non é un estilo musical o que manda no disco (punk, rock, folk), se non sempre o texto. Por dar algúns exemplos: os octosílabos e o tema popular do poema de Curros remiten moi claramente á música tradicional, polo cal fixemos un arranxo que conta con Cantareiras, igual que o poema Zocas de Manuel María. cuxo texto, ademáis da propia métrica, fala dunha muiñeira. Sen embargo a poesía de Chus Pato, repleta de liberdade e modernidade, ten que levar unha música que entronque coa vangarda musical. Do mesmo modo que o poema Far Blues de Luz Pozo Garza e Sós de Manuel Antonio suxiren un carácter jazzístico.

"Quixemos asignar a cada poema a música que lle correspondería tendo en conta o seu contido e a época no que foi escrito"

Tamén nese sentido, hai algún tema (os que se corresponden coas letras de Ferrín e Celso Emilio, por exemplo), no que a dureza da letra (letras políticas, de denuncia...), se combina cunha música moi calma, moi distinta á doutras versións musicadas dos mesmos poemas. (Non é o caso de Acción Gallega, de Cabanillas). Buscastes algún contraste nese sentido entre letra e música ou saíu así de xeito natural?

Estes tres poemas son, xunto co poema de Luis Pimentel, os tres da antoloxía que teñen un contido ou trasfondo político e aínda máis, porque no caso de Cantiga do Amante Preso de Ferrín, e Longa Noite de Pedra de Celso Emilio son netamente autobiográficos. A música de Cantiga do Amante preso comeza calma, pero a canción transmite unha sensación de dor, escuridade e sufrimento que van en aumento ata o final do tema. Ademais esta atmosfera opresiva acentúase pola sonoridade das cordas. Algo similar sucede en Longa noite de Pedra: o que pode parecer calma non é máis que a resignación que transmiten estes poemas, unha resignación ás veces acompañada por momentos de carraxe. Creo que esta visión é precisamente unha forma de non caer nos tópicos. Por outra banda, Acción Gallega é un caso totalmente distinto: é un himno do agrarismo de pricipios do s.XX, co cal trátase de inflamar o espírito dos labregos para que se rebelen contra os seus señores, así que a música ten que ter moita forza.

O álbum procura unha "radiografía do imaxinario colectivo galego". En que sentido? Manuel Rivas salienta nos textos que fan de fío condutor conceptos como coraxe, insurxencia, conciencia, palabra... É o que quixestes salientar?

Como xa dixen antes, procuramos e variedade temática ao facer a antoloxía, co cal hai unha serie de temas, que poderiamos denominar como pertencentes ao imaxinario colectivo galego, que teñen que estar presentes: o mar e as súas xentes, o mundo labrego, as festas populares, as paisaxes contrastantes da Terra Cha e as máis inhóspitas do Courel. Por suposto hai temas universais como o amor (o amor puro do poema de Aquilino Iglesia Alvariño, amores deseperados coma o xa citado poema de Ferrín). Hai mesmo un animalario: lobos, xabaríns, gatos, serpes e leviatáns. Por suposto Manuel Rivas co seu xenial talento poético fixo uns poemiñas, case como haikus, que recollen e condensan o espírito de cada poema e a súa esencia temática.

O libro-disco leva traducións dos poemas a portugués, castelán e inglés. Colaboraron nel Erin Moure, Rosario Souto e Carlos Quiroga para iso. Supoño que porque a idea é distribuílo tamén fóra...

Si, tivemos uns colaboradores de luxo para esta fase do proxecto. O feito de que todas as poesías estean traducidas a tres linguas (castelán, portugués e inglés) e estean musicadas dunha maneira tan variada, fará posible que estas verbas marabillosas viaxen lonxe, xa que o noso propósito principal é difundilas.

"O feito de que todas as poesías estean traducidas a tres linguas fará posible que estas verbas marabillosas viaxen lonxe, xa que o noso propósito principal é difundilas"

Trátase dun libro-disco autoeditado, con fotos de Juan Luís Rúa, ilustracións de Sonia García Vidal, e que conta ademais coas colaboracións de moitos outros músicos: Xose Luis Romero, Pablo Pérez, Rubén Fernández, Mariana Montero, María Montero, Alejandra Montero, Benxamín Otero, Cibrán Seixo, Paula Santos, Rosalía Vázquez, Roberto Bao, Isabel Diego e Ana Gayoso, o cal axuda a introducirlle moita variedade musical. Era ese o obxectivo de reunir tanta xente?

Para levar a cabo a nosa idea de asignar a música máis axeitada para cada texto precisamos dunha gran variedade sonora, obtida grazas á diversidade instrumental: desde a sonoridade do cuarteto de voz, piano, contrabaixo e percusión, a unha de gran riqueza como pode ser sumar ó trío de cordas, diversos percusionistas, oboe, cantareiras, e unha voz masculina como é a de Rubén Fernández.

Algo máis que queiras salientar?

Nada máis. Simplemente esperamos que o público acolla este proxecto coa mesma ilusión, emoción e cariño co que nós o fixemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.