Obradoiro de webseries: O movemento demóstrase andando

O Carballo Interplay celebrarase do 5 ao 7 de maio © CIP

O Festival Carballo Interplay impartirá dende este luns un obradoiro de creación dunha webserie no marco do seu ciclo de formación FormaCIP. O curso será ofrecido polos sevillanos David Saínz e Teresa Segura, responsables de Malviviendo, unha das máis populares webseries españolas. O obradoiro, que abranguerá todo o proceso de creación dun proxecto de ficción seriada para a rede -dende a creación do guión ata a súa distribución- chegará ata o 1 de maio. O resultado poderá verse no marco do festival, que celebrará do 5 ao 7 de maio a súa terceira edición

David Saínz e Teresa Segura forman parte da produtora Different Entertainment, de Dos Hermanas (Sevilla). Fixéronse coñecidos pola webserie Malviviendo, que conta a vida dun grupo de amigos dun barrio marxinal ficticio de Sevilla, no que a droga, a violencia e la delincuencia son parte do día a día. A serie mistura humor e denuncia social e, dende a súa estrea en 2008, foi medrando en popularidade ata chegar a contar con artistas famosos nalgún dos seus capítulos. Nesta edición do CIP, ademais de participar no FormaCIP, os de Different Enterteinment estrearán en exclusiva, o venres 6 de maio ás 20h, a segunda tempada da súa última creación, Entertainment, unha webserie en falso documental que conta a vida dos membros da produtora despois de Malviviendo.

Ademais do curso de creación de webserie que se desenvolve esta semana, o programa do FormaCIP, que se celebra nos meses previos ao Festival Carballo Interplay organizado polo Concello de Carballo, inclúe este ano outros obradoiros para adultos, estudantes e nenos. No mes de marzo celebráronse os obradoiros para adultos e estudantes de A web como canle para contar historias, impartido por Oscar Otero; e Producción e Financiación, impartido por Felipe Lage. Xa en abril, Márketins na rede e dende abaixo para o teu produto audiovisual, impartido por María Yáñez; e Dirección de actores, impartido por Alfonso Zarauza.

Nesta última semana de abril e durante a celebración do Festival, chegará o quenda dos nenos e nenas, que poderán participar gratuitamente nos obradoiros de Robótica express: programación e electrónica con Arduino, que impartirá Code Monsters; Micropaleta gráfica Codeco, impartido por Esferobite; e Creación de emoticonos analóxicos, impartido por Paula Fraile.

 

O Carballo Interplay celebrarase do 5 ao 7 de maio © CIP
Obradoiro de dirección de actores, con Alfonso Zarauza © CIP
Obradoiro de marketing audiovisual na rede impartido por María Yáñez © CIP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.