0 Gardados para despois

A memoria do cárcere da Coruña, un fío de historias de represión e resistencia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


"O outro día estaba cunha familia, que coñezo dende hai tempo. A muller é filla dun avogado moi coñecido que estivo preso na prisión da Coruña. Contaba, diante dos seus fillos, que 'era terrible ir á comisaría, aquela música era terrible'. 'Que música, mamá?'. 'Aquela música que poñían na comisaría, poñían música clásica moi alta para que non se escoitasen os berros das persoas ás que estaban torturando'. E foi aí cando unha das súas fillas tivo unha revelación: “Entón era por iso que nunca nos deixaches escoitar música clásica na casa?”. Carmen García-Rodeja coordina o blog Memoria do Cárcere, un proxecto impulsado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e polo Proxecto Cárcere que dende hai uns meses, semana a semana, vai relatando as experiencias persoais dos centos de presos políticos que pasaron pola prisión provincial, co obxectivo de "dar voz aos que alí sufriron, lembralos, nomealos, contar a súa historia entendemos que é un deber cidadán".

"A través da historia dun preso, vas tirando dun fío e saen moitísimas historias"

"A través da historia dun preso, vas tirando dun fío e saen moitísimas historias. Foi moitísima a xente que pasou por esta prisión. Veciños, amigos, cando vas preguntando vas sabendo cousas. Para moitas persoas supuxo un antes e un despois, e tamén para as súas familias. E despois está a gran cantidade de persoas que mataron alí, no Campo da Rata, ou na propia prisión, a garrote vil, ademais daqueles que subían nun coche e desaparecían para sempre", destaca Carmen García-Rodeja, que expresa a súa confianza en que os contidos destes espazo virtual, formado xa por ducias de historias persoais, acompañadas de documentos inéditos, poidan conformar nalgún momento unha exposición física, no propio recinto da prisión, aínda propiedade do Ministerio do Interior.

"A ver se se consegue finalmente abrir o cárcere. O espazo dá para moito: un gran museo arqueolóxico, un espazo de memoria, recinto de exposicións, proxeccións, concertos. É moi interesante o que se pode facer, todo depende de que o Concello poida acadar a cesión do lugar", di. "Sería moi interesante poder expoñer na propia prisión a historia das persoas que alí estiveron presas, de xeito que a xente poida falar cos obxectos, sentir máis próximos os relatos de todos os presos e presas", engade. "As historias destas persoas poden ensinar moito sobre a defensa do ben común, da rexeneración democrática", subliña. Dáme a impresión de que a memoria histórica non chega a todo o mundo. Dáme pena que estes temas non cheguen ao gran público. Fai falla máis presenza nos medios de comunicación", di.

 

Ducias de historias

"Sería moi interesante poder expoñer na propia prisión a historia das persoas que alí estiveron presas, de xeito que a xente poida falar cos obxectos, sentir máis próximos os relatos de todos os presos e presas"

Son moitas as historias persoais que se atopan no blog Memoria do Cárcere. Unha das máis recentes é a do arquitecto Jordi Tell e un grupo de activistas cataláns que chegaron á prisión da coruñesa en 1937, despois de ser detidos en Berlín pola Gestapo acusados de tentar facerse co control da embaixada española. Na Coruña Jordi Tell coñece a José Caridad Mateo (fillo do xeneral republicano, fusilado en Ferrol en 1936, Rogelio Caridad Pita) e deseña a Casa Cervigón (Oleiros), unha das construcións de estilo racionalistas e do movemento moderno máis importantes de Galicia. Tell e Caridad acabarían fuxindo a Francia nun pesqueiro e o catalán ponse ao servizo da República como diplomático en Noruega, de onde de novo tivo que fuxir dos nazis, escapando a México a través da URSS e Xapón.

Ou, por exemplo, a de Arturo Taracido Veira, tenente de Alcalde da Coruña e vicepresidente da Deputación provincial ata a súa detención en xullo de 1936. Permaneceu preso ata 1946 e nos anos seguinte protexeu, dentro das súas limitacións, a varios republicanos, entre eles a Esther, a filla de Casares Quiroga, que estivo retida 19 anos na Coruña. “Nunca falou cosas tristes á familia”, destaca un dos seus fillos, aínda que de cando en cando si que lles foi relatando algunha historia, agora recollidas no blog. Por exemplo, contoulles que un día, dende a súa cela, viu que levaban ao patio a varios presos, moi novos, antes de os fusilar. Desde unha ventá unha reclusa pediulle a un dos mozos que ían morrer, que tiña moi boa voz,  que cantase. E alí, no medio do patio, entoou o “Adeus á vida”, parte da ópera Tosca: "O tempo fuxiu. E morro desesperado! E morro desesperado! E non amei nunca tanto a vida! Tanto a vida!".

Tamén está a historia de Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña, "o home a quen non querían matar", fusilado o 31 de agosto de 1936 no Campo da Rata. "Os soldados decidiron errar o seu tiro ante tal horror;  foi o tenente do pelotón militar quen tivo que disparar", contase no blog. Ou a dos irmáns García García (os da lejía), France e Bebel, este último xogador do Deportivo da Coruña. Ambos os dous, militantes das Xuventudes Socialistas Unificadas, foron tamén fusilados. Eduardo Galeano dedicoulle a Bebel unhas páxinas: "Bebel é zurdo para xogar e para pensar. No estadio, pon a camisola do Dépor. Á saída do estadio, pon a camisola das Xuventudes Socialistas".

"Era xente moi implicada, moi consciente do que facía aí e aproveitaba o tempo para formarse: daban clase de historia, de matemáticas, de literatura, un ensinaba leis, outro lía O Capital..."

Hai, igualmente, entrevistas e relatos de presos máis anónimos, mozos e mozas que nos anos setenta militaban en organizacións clandestinas (nomeadamente o PC) ou en CC.OO. Por exemplo, Manuel Villares, detido con 20 anos, que lembra que "coincidín cos detidos no famoso Proceso dos 23. Había moitos universitarios e as celas eran auténticas aulas de formación e debate. A primeira lección na cadea era non ter nada. Os libros non existían. Non conservo ningún escrito de aquela época. Tan pronto como lías un documento desfacíaste del, pasándollo ás compañeiras e compañeiros para que puideran lelo". Ou o crego Anxo Ferreiro Currás, detido en Ferrol en 1972. Ou María Ángeles Rivera Torres Gelines, a única presa política no cárcere da Coruña, condenada a seis meses de prisión “por agredir con un bolso a la policía”, e por propaganda ilegal.

"Nos anos setenta, cando estaba alí medio Ferrol detido, había un ambiente moi bonito, moi solidario: había profesores, sindicalistas, catedráticos, avogados, arquitectos, estudantes... Era xente moi implicada, moi consciente do que facía aí e aproveitaba o tempo para formarse: daban clase de historia, de matemáticas, de literatura, un ensinaba leis, outro lía O Capital...", comenta Carmen García-Rodeja.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.