Óliver Laxe fai historia co premio da crítica en Cannes para 'Mimosas'

'Mimosas', de Oliver Laxe © Zeitung Filmes

Oliver Laxe continúa a facer historia. Na súa segunda participación no Festival de Cannes o director galego vén de se facer co Grand Prix, o primeiro premio da Semana da Crítica, co seu filme Mimosas, a que é tamén a súa segunda longametraxe tras o éxito de Todos sós sodes capitáns, fita coa que en 2010 xa levara o premio Fipresci de Cannes.

O traballo de Laxe volve derivar en éxito internacional grazas a un traballo que é unha coprodución de Zeitung Films xunto á produtora marroquí La Prod e á francesa Rouge International. É o resultado dun labor de varios anos que culminou nunha traballada rodaxe en escenarios de Marrocos, tales como as montañas do Anti-Atlas, o lago Ifni, os vales de Tamalloute ou as Gargantas de Achaabou. Todas elas, subliñan dende Zeitung, son "paraxes duras, áridas, mais tamén de grande beleza".

'Mimosas' é o segundo filme de Oliver Laxe e chega tras a exitosa 'Todos vós sodes capitáns"

Esas paisaxes son, precisamente, unhas das "principais protagonistas" dunha película que é un "conto épico sobre a fe". Nela relátase a historia de Ahmed, Said e Shakib, a quen o público acompañará na súa "loita por atopar o camiño a Sijilmasa", un lugar ao que teñen que chegar para poder soterrar o corpo dun mestre sufí.

O éxito na Semana da Crítica en Cannes chega escasos meses antes de que se produza a estrea comercial de Mimosas. Esa estrea chegará en Francia no outono deste ano. Aínda está "pendente de confirmación", non obstante, cando poderá verse a fita en salas comerciais tanto en Galicia como no resto do Estado.

Imaxe do filme © Zeitung Filmes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.