Un congreso internacional para renovar o relato sobre o golpe do 36, a guerra e a ditadura

Imaxe do cartel do Congreso © Histagra

O vindeiro 18 de xullo, 80 aniversario do golpe de Estado militar que deu lugar á guerra civil e á ditadura franquista, Compostela acollerá o inicio dun congreso internacional que durante tres días buscará reconceptualizar e renovar o relato existente sobre eses feitos e ese período. O congreso 1936. Un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria, organizado por Histagra, grupo de investigación da USC, chegará ata o mércores 20 e inclúe sesións de mañá (con conferencias plenarias e mesas redondas temáticas) e tarde (comunicacións abertas) na Facultade de Historia.

Polas tardes, o Teatro Principal acollerá tres charlas abertas ao público, cun formato menos académico

Ademais, o Teatro Principal acollerá tres charlas abertas ao público "nun espazo máis civil e menos académico". Nestas sesións, que van máis dos formatos tradicionais de conferencia e mesa redonda e que buscan "abrir o encontro á cidadanía", intervirá o luns o xurista e fiscal Carlos Castresana, que presentado por Ramón Villares falará sobre Memoria, historia e xustiza transicional. O martes será a quenda da arxentina Elizabeth Jelin, presentada por Francisco Caamaño, cunha conferencia titulada Os tempos das memorias. Recordos, silencios e olvidos en perspectiva comparada. Finalmente, o mércores Ben Kiernan (Yale University), presentado por Álvaro García, falará por Unha historia global do xenocidio desde a antigüidade até os nosos días.

O encontro quere ser un foro onde "presentar e discutir as visións que a sociedade española actual manexa dun pasado incómodo e a dimensión ética do seu coñecemento, pero tamén para debater sobre a necesidade dun novo relato"

Nas sesións de mañá participarán outros nomes recoñecidos como Ángel Loureiro, da Universidade de Princeton; Elina Liikanen, da Universidade de Helsinki; Reyes Mate, investigadora do CSIC; Manuel Cruz, da Universitat de Barcelona; ou Xavier Etxeberría, da Universidade de Deusto.

O Congreso "xorde da necesidade de sentar as bases para unha reconceptualización da memoria e da historia sobre o golpe, a guerra e a ditadura" e pretende "valorar e analizar unha nova codificación que xa leva un tempo a desenvolverse e confrontala cuns relatos herdados que perviven, malia que con evidentes síntomas de esgotamento". Quere ser un foro onde "presentar e discutir as visións e interpretacións que a sociedade española actual manexa dun pasado incómodo e a dimensión ética do seu coñecemento, pero tamén para debater sobre a necesidade dun novo relato sobre ese pasado e mais sobre os elementos dispoñibles para construílo".

O Congreso analizará o "relato herdado, baseado na idea de reconciliación da Transición" e tentará "contrastalo e deconstruílo, confrontalo con outras memorias subalternas"

O encontro analizará "ese relato herdado, baseado na idea de reconciliación da Transición pero construído sobre as razóns dos combatentes no conflito, as memorias fragmentadas de vítimas e verdugos, a propaganda do vencedor e a amargura do perdedor". E tentará "contrastalo e deconstruílo, confrontalo con outras memorias -subalternas en relación ao relato social dominante-, e co novo caudal de coñecemento histórico e memorialístico, así como cos novos paradigmas que operan nos estudos literarios e culturais".

 

Imaxe do cartel do Congreso © Histagra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.