"O libro ten moito de carraxe contida por ver como, interesadamente, nos están levando á deriva"

Diego Giráldez © Janite

O desemprego. A desigualdade. A marxinación. A morte. A perda. Mais tamén a vida. A esperanza. O erguerse cada mañá, malia todo. Nun contexto no que cadaquén tira para diante, no medio das mentiras que nos fixeron crer que as consecuencias da "crise" eran só mala sorte individual. Ou culpa nosa. Por derrochadores. Todo iso, e máis, é Galería de saldos, (Xerais), de Diego Giráldez. Unha das obras que están, desde a literatura galega, a tratar o xeito no que a "crise" está a ser utilizada para riparnos dereitos. O impacto cotián da falacia. Da estafa organizada.

Supoño que escribiches un par de relatos relacionados coa arte, e despois tiraches dese fío…

En realidade é un libro moi apegado á actualidade. Comecei a escribilo en agosto do 2010, un día que quedei no paro, ao pechar o xornal A Peneira. Iolanda Zúñiga acababa de gañar o premio Xerais, e a min quedárame na recámara o seu outro libro Vidas Post-it. Como non o atopaba, díxenlle a unha amiga xornalista que lle preguntase a Iolanda onde podía conseguilo.

Ela escribiume para pedirme o enderezo e envioume o libro. Pois Vidas Post-it foi un libro moi influente para min. Dixo o outro día Fran Alonso na presentación do meu libro que se notaba a presenza de Vidas Post-it. E de feito eu menciónoo nun dos relatos. O libro comezou, así, nun contexto complexo, de desemprego, desafiuzamentos, suicidios… A actualidade batía en nós con forza, e por iso digo que o libro é unha homenaxe aos antiheroes en bata de casa.

"O libro é unha homenaxe aos antiheroes en bata de casa"

Ten algunha confluencia, nese sentido, con Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, de Álex Alonso. Reacción, semellante, ante a mesma realidade. Porque hai que estar cego para non ver.

Claro: todas as épocas teñen a súa literatura, o seu cinema, a súa música… E esta etapa de crise, que non rematou, bateu moito en nós. Mais no libro non está presente só a crise, senón tamén a enfermidade, o desamor… Por outra banda, hai algo que me daba moita rabia, que é que nos quixeron convencer de que nos pasaba o que nos estaba a pasar porque tiñamos “mala sorte”. Porque nos queren resignados, noqueados, coa cabeza baixa. O libro é un reflexo tamén diso.

"Porque nos queren resignados, noqueados, coa cabeza baixa. O libro é un reflexo tamén diso"

Nótase, nada máis comezar a ler, que o estilo está moi coidado. Tamén é irónico… malia seren historias tristes.

Sempre escribín así. Xa nos meus textos de mocidade. Ou nos artigos de opinión. Non me sae outra maneira de escribir. Pode parecer que estou de broma, pero eu creo que foi importante unha cousa: no meu pobo, O Porriño, hai unha importante tradición de coplas de Entroido. É un xeito de adestrar un xeito de escribir que sexa irónico pero non ferinte… e creo que algo de ironía e de realismo quedoume daquilo.

Por outra banda, eu non escribo fantasía. É verdade que gañara o Premio Saramago cun relato que tiña elementos fantásticos, pero a contextualización e os personaxes eran moi reais. Ademais… non creo na literatura de usar e tirar. Non escribo pensando no que dirá o lector, nin é o meu obxectivo “escribir como se fala”, porque a literatura non é iso, é creatividade. Eu non digo que estea mal escribir así: só digo que a min non me apetece. Eu préstolle moita atención á forma, á estética. Non paso á liña seguinte se na anterior non hai unha figura, unha imaxe, que me convence.

"Non paso á liña seguinte se na anterior non hai unha figura, unha imaxe, que me convence"

En relación co que dis, hai algo que se comenta nun dos relatos: “Aínda quedan imbéciles que sitúan a Borges no realismo máxico”. Ten que ver co enfoque do teu libro. Pura realidade. Aínda que adobiada no estilo. Que non é nada “máxico”.

A realidade foime levando, si. Non son quen de escribir de temas que non estean apegados a min. Non é un libro autobiográfico nin moito menos, pero hai relatos baseados en cousas que lles pasaron a persoas que coñezo. E si, aínda que recorra á metáfora, é realidade pura e dura. Ademais, pasáronme cousas incribles. Como unha rapaza que ten un fillo enfermo e que me dixo que un dos meus relatos lle lembrara moito ao seu fillo. Que che pase iso é brutal. Escribía sobre unha realidade moi dura e, claro, cando ves que unha persoa sofre algo que ti sufriches, sempre empatizas. Se sei o que sente o estómago do outro, é lóxico que me estremeza. Pero no libro non hai só dureza...

"Non son quen de escribir de temas que non estean apegados a min"

Moitos dos relatos resultan bastante cinematográficos. Na creación de imaxes. No libro hai referencias á arte, cinema, literatura…

Non o fixen coa intención de que resultasen cimematográficos, pero entendo que poida dar esa sensación. En relación con iso, coméntoche -e iso aínda non o dixera en ningún sitio- que hai unha produtora interesada en facer unha curtametraxe cun dos relatos. Tamén é posible o que dis porque me gusta moito o cine clásico, e pode haber algo de pegada diso. Como dicía, non o fixen con esa intención, pero ao reler o escrito si que houbo relatos dos que pensei que eran como un filme, plano a plano.

O de que haxa unha obra de arte en cada relato, foi un xeito de darlle unidade ao libro?

Nalgún relato tiven primeiro a historia e despois busquei a obra. Noutros non foi así: a obra inspiroume o relato, incluso. Ademais, que en cada relato haxa unha obra é un xeito máis de mostrar que a arte é algo vivo. Sempre me interesou a presenza da arte fóra do seu contexto: plasmada en obxectos, por exemplo. A arte que aparece con insolencia, sacada do seu contexto. Porque iso paréceme xenial. Unha vez que fun a Madrid, parei en Benavente, e vin que debaixo do Agnus Dei de Zurbarán puxeran “especialidad en cordero lechal”. É un exemplo do que dicía: arte viva, fóra do seu contexto.

"Sempre me interesou a presenza da arte fóra do seu contexto: plasmada en obxectos, por exemplo"

Por outra banda, se estou falando de personaxes noqueados, falar de arte é unha maneira de dar vida e frescura aos relatos. O ilustrador do libro, Iago Sánchez Losada, fíxoo moi ben, ademais. O que eu mandara fora unha imaxe da cada obra á que aludía. Iso supoñía un problema para a editora, claro. Iago tivo a idea de facer unha interpretación de cada obra. E quedou moi ben. Ademais, eu fun moi “repugnante” coa editora, e atendéronme sempre moi ben. Estou contento co resultado. E por último… (ri) igual así podo convencer a meus pais de que estudar Historia da Arte valeume de algo, porque ao final só exercín de historiador da arte un ano no Museo de Pontevedra.

Morte, enfermidade, desamor e perda. Son algúns dos temas máis presentes. Teñen en común a perda.

É que, non fai falta que o diga, desprenderte de alguén que te enche, é moi difícil. Perder a alguén que se vai de entre nós, ou a alguén que marcha porque o amor acabou… é triste. Todos perdemos a alguén algunha vez. E eses relatos, sobre eses temas que citas, son os máis duros.

O desemprego, a desigualdade, a marxinación e a represión tamén aparecen moito. As tres primeiras teñen que ver co contexto de crise. Nun dos relatos, unha muller queda no cárcere mentres o seu compañeiro, executivo, sae.

Todos eses temas están vinculados, si. Son os relatos nos que empreguei un estilo máis xornalístico. Como unha crónica da actualidade. No relato que citas, ela queda no cárcere e el sae por un indulto e acaba participando nun faladoiro de televisión. O tema do paro tamén está presente, de xeito especialmente desgarrador. Galería de saldos é, quizais, un libro de reflexión social. Non de denuncia, pero si con moita presenza do social. E ten moito de carraxe contida por ver como, interesadamente, nos están levando á deriva. Porque a crise serviu como escusa para impoñernos o que querían. Por iso o cabreo. Por dicirnos que é todo froito da mala sorte, que o que temos que facer é traballar por menos, que a cultura pode ser golpeada…

"A crise serviu como escusa para impoñernos o que querían"

A represión refírese á guerra e posguerra, pero conecta moito coas outras temáticas. O clasismo, a desigualdade, o intento de impoñer o “cada un no seu sitio”.

Hai un dos relatos que é unha nova versión dun texto que eu escribira na Peneira.  Eu tiña claro que o tema da memoria histórica tiña que estar. Sempre o tiven moi presente. Na miña familia estivo sempre moi presente. Tiña que estar.

Outro tema que está, porque é parte da realidade, é a violencia de xénero. En distintas manifestacións da mesma.

Claro, nun libro cun contido social, ese tema tiña que estar. Pero non o trato falando de asasinatos a mulleres, da cara máis visible da violencia. Senón de algo que me cabrea moito, que é a humillación constante. Esa maneira noxenta de facerlle crer a alguén que é inferior. A humillación, a negación… Como se ve nun dos relatos, que a muller di diante dos fillos que non pasa nada. Toda esa humillación diaria ten un impacto brutal. E se cadra é onde hai que atacar primeiro. Para que ninguén convenza a ninguén de que é inferior.

"Hai algo que me cabrea moito, que é a humillación constante. Esa maneira noxenta de facerlle crer a alguén que é inferior"

Aínda que contas historias tristes, non todo é así. Hai humor, vida, esperanza… e bastante sexo. Como un equilibrio entre a morte a vida. O abatemento e a esperanza.

Non o pensara así, pero si. Ademais, non quero que se vexa como un libro desesperanzado, porque non o é. Non é un libro de fracasados. Hai, por exemplo, xente que se vai suicidar, pero decide non facelo. Si é un libro de xente resignada, pero non desesperanzada. Porque seguen a erguerse, malia todo. O sexo aparece bastante, si, pero nos relatos máis rocambolescos, que quixen que estivesen para rebaixar a tensión.

"É un libro de xente resignada, pero non desesperanzada. Porque seguen a erguerse, malia todo"

Citas a persoas reais: Iolanda Zúñiga, Manrique Fernández…

A Iolanda polo que contei antes. Manrique e outra persoa, X.G., axudáronme moito no proceso, ao ir lendo capítulo a capítulo.

Algo máis?

Non… Só quería causar sensacións nas persoas que lean os relatos… e a ver que pasa. Leva pouco tempo o libro publicado, pero a resposta está a ser boa. Tamén estou traballando nunha novela…

  • NA TENDA DE PRAZA: Podes mercar o libro aquí.
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.