'Grazas, xefe!', "o filme que Dior non que quere que vexas", chega a Santiago

Cartaz do filme Dominio Público Praza Pública

No comezo destes 2016 estreábase en Francia Merci Patron, unha comedia documental centrada na figura de Bernard Arnault, o segundo home máis rico de Francia, propietario de Dior, Givenchy ou Louis Vuitton. Arnault levou nos últimos anos un intenso proceso de deslocalización das súas factorías, deixando sen traballo a milleiros de persoas no país galo. Ameazou, ademais, por mudar a súa nacionalidade e trasladarse a Bélxica en protesta polos impostos que se vía obrigado a pagar en Francia.

O filme, dirixido polo xornalista François Ruffin (director da revista satírica Fakir) converteuse de inmediato nun fenómeno social entre a esquerda francesa e os movementos sociais, alimentando as protestas e folgas convocadas contra a reforma laboral e o movemento de indignación Nuit debout. Con apenas 150 mil euros de orzamento (conseguidos en boa medida a través dunha campaña de crowdfunding), o documental foi visto por máis de medio millón de persoas nas salas comerciais.

Grazas, xefe! (que se publicita como "a película que Dior non quere que vexas") conta a historia Jocelyne e Serge, ex traballadores dunha das fábricas pechadas por Bernard Arnault. A parella está en paro, afogada polas débedas e a piques de perder a súa casa. Nese momento François Ruffin chama á súa porta para propoñerlles unha forma de que facer que o empresario pague polo que lles fixo e os compense por "arruinarlles as súas vidas".

O filme chega a Galicia, a través dunha proxección programada para o vindeiro 29 de outubro na sala Numax de Santiago de Compostela. A proxección está organizada a través da plataforma Screenly e necesita reunir previamente (antes deste sábado) un número mínimo de espectadores e espectadoras para asegurar a súa realización, 47 en concreto. Polo de agora están confirmadas 14 persoas, polo que aínda restan 33 para levar a cabo o evento. Tralo filme, está previsto un coloquio no que intervirán Víctor Ledo (CCOO Galicia), Víctor Casas Pou (Podemos) e Nanda Couñago, representante de Amarante Setem.


 
Cartaz do filme Dominio Público Praza Pública
Un momento do filme © Compacto
Un momento do filme © Compacto
Un momento do filme © Compacto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.