"Queremos achegar outra perspectiva sobre estas mulleres, empregando lentes lila"

María Victoria Moreno protagoniza un dos dous primeiros libros da colección © Urco Editora

Mulleres bravas da nosa historia é unha colección de libros dirixidos ao público infantil e xuvenil que Urco Editora está a piques de lanzar. O obxectivos dar a coñecer aos públicos máis novos unha serie de mulleres exemplares na historia de Galicia, algunhas ocultadas e silenciadas e outras sobre as que se xerou unha imaxe falsa ou incompleta. Rosalía de Castro e María Victoria Moreno protagonizarán os dous primeiros volumes, para os que a editorial puxo en marcha unha campaña de crowdfunding que asegure unha edición e distribución á altura do proxecto e dos seus obxectivos.

Búscase acadar uns catro mil euros nos vindeiros 40 días "para cubrir parte dos custos da tiraxe e a pagar dignamente as persoas que traballan no proxecto" e así "podermos realizar unha distribución forte a nivel de todo o país (librarías, bibliotecas, centros de ensino etc.), xa que o máis importante para nós é a difusión da mensaxe desta colección", sinalan dende a editorial. As persoas que colaboren na campaña recibirán unha serie de recompensas, dende chapas, bolsas, os propios libros (a partir de achegas de 15 euros), recoñecemento nos créditos das obras e mesmo subscricións para os catro primeiros volumes da colección (a partir de achegas de 50 euros).

Os libros contarán coas ilustracións de Eva Agra e texto de diferentes autoras de renome, como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas ou María Reimóndez

Os libros contarán coas ilustracións de Eva Agra e texto de diferentes autoras de renome, como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas ou María Reimóndez. Ademais de incluír biografías das protagonistas, as obras incorporan distintas actividades e xogos para que os nenos e nenas participen e afonden no coñecemento das figuras sobre as que trata cada volume. O proxecto está coordinado pola traballadora de Urco Andrea Jamardo Seijo e conta cun comité de asesoras formado por Patricia Porto Paderne (educadora social e libreira experta en xénero) e Mariám Mariño (Técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega). Asemade, a revisión lingüística dos textos correrá a cargo de Raquel Vila Amado (traballadora do ILG e correctora profesional).

"A colección está formada por libros que falan de mulleres non excesivamente coñecidas. E outras que si son máis coñecidas, pero sobre as que queremos achegar outra perspectiva, utilizando lentes lila", destaca Andrea Jamardo, que engade que os dous primeiros volumes son un bo exemplo desa dobre ollada: "Comezamos por Rosalía porque para os rapaces e rapazas non atopabamos gran cousa sobre ela, e por María Victoria Moreno, que seguramente é moi descoñecida fóra dalgúns ámbitos moi determinados".

Os seguintes libros da colección estarán protagonizados por Maruja Mallo, Julia Minguillón, Pepa a Loba ou algunha guerrilleira. "De Maruja Mallo estamos falando moito porque lle van dedicar o Día das Artes, pero Julia Minguillón era coetánea dela e practicamente ninguén a coñece", destaca Andrea Jamardo. 

"Ás veces cando se fan biografías de mulleres se fala máis das súas vidas, que é importante, pero nós queremos que sexan recoñecidas polo seu traballo"

"Ás veces cando se fan biografías de mulleres se fala máis das súas vidas, que é importante, pero nós queremos que sexan recoñecidas polo seu traballo", sinala, para concluír que "coleccións coma esta facían falla para a nosa cultura e para darlles o sitio que merecen moitas mulleres na nosa historia, e tamén para mudar a visión que sobre algunha delas se ten".

 

Rosalía de Castro protagoniza un dos dous primeiros libros da colección © Urco Editora
María Victoria Moreno protagoniza un dos dous primeiros libros da colección © Urco Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.