O teatro do exilio republicano, salvagarda de “galeguidade”

Pola esquerda, Manuel Aznar, Euloxio Ruibal e Inma López Silva, na presentación do libro Dominio Público Praza Pública

Os exiliados republicanos galegos achegáronse ao teatro como xeito de mantemento da identidade galeg(uist)a ante as condicións adversas da longuísima ditadura. E Galicia non contaría nin á morte de Franco nin hoxe coas bases que permitiron a reconstrución do teatro galego se non fose grazas ao traballo de exiliados como Blanco Amor, Luís Seoane, 'Tacholas' ou o equipo Varela Buxán-Maruxa Villanueva. Estas son algunhas das ideas que recolle a profesora Inma López Silva nun artigo integrado no volume colectivo ‘El teatro gallego en el exilio republicano de 1939’, coordenado por ela mesma e polo dramaturgo Euloxio Ruibal e publicado pola editorial Renacimiento na colección Biblioteca del exilio.

O teatro exiliado pasa a ser, segundo López Siva, un discurso “politicamente marcado” só polo feito de amosarse publicamente como discurso refuxiado.

O director literario de Biblioteca del exilio, Manuel Aznar Soler, Inma López Silva e Euloxio Ruibal veñen de presentar en Santiago este libro, no que López Silva explica que a actividade dos exiliados preservou unha dobre responsabilidade necesaria para crear o que hoxe se entende como “sistema cultural galego”: a reivindicación da ideoloxía que os levara ao desterro e, ao mesmo tempo, da identidade galeguista. Así, sendo un teatro desterrado, salvagarda dunha “galeguidade teatral” imposible en Galicia nas peores décadas do franquismo, o teatro exiliado pasa a ser, segundo esta autora, un discurso “politicamente marcado” só polo feito de amosarse publicamente como discurso refuxiado e, polo tanto, “disidente”, que aproveita ademais, para artellarse, as infraestruturas creadas polo teatro emigrante.

O exilio debuxa, segundo López Silva, unha definición da identidade só “intuída” previamente co fenómeno da emigración. Unha identidade a miúdo “tópica” que vincula a galeguidade coa terra e con cuestións sentimentais, tracexando a outredade a partir do idioma e de determinados hábitos e tradicións. E, se un teatro moderno non estaba máis que “anunciado” ou intuído antes da Guerra, xa que permanecía oculto baixo unha actividade de corte máis ben ruralista e popular -segue a autora-, o teatro galego do exilio mostra o que se ve “corroborado” no “renacemento” do teatro galego a través das Mostras de Ribadavia nos anos 70, cuxos artífices visibilizan a súa “ruptura” cos presupostos estéticos e ideolóxicos que xa non servían para o seu tempo, afastándose dos “factores populares” e ruralistas que imperaran desde o XIX.  

A estrea en Buenos Aires no 1941 de ‘Os vellos non deben de namorarse’ de Castelao foi paradigma da actividade teatral exiliada como acontecemento simbólico na visibilización da identidade cultural galega.

A estrea en Buenos Aires no 1941 de ‘Os vellos non deben de namorarse’ de Castelao foi, segundo López Silva, paradigma da actividade teatral exiliada como acontecemento simbólico na visibilización da identidade cultural galega. Emilio Xosé Insua repasa a historia desta montaxe no seu artigo en ‘El teatro gallego en el exilio republicano de 1939’, no que asegura que a proposta estética de Castelao nesta peza constitúe un intento “totalmente logrado” de superación das tendencias costumistas e naturalistas ata entón dominantes na escena galega, aínda que non acadase o éxito de obras de corte “realista”, costumista, “humorístico” e/ou “social” que o público emigrante prefería.

As tentativas escénicas promovidas polos exiliados galegos foron, neste contexto, “limitadas”, segundo escribe no mesmo libro Carlos Caetano Biscainho, que salienta, ademais do “gran fito” de ‘Os vellos non deben de namorarse’, a “fugaz experiencia” do Teatro Popular Galego de Blanco Amor ou a representación de ‘As bágoas do demo’ de Ramón de Valenzuela. En boa parte das experiencias escénicas deses anos participou, ademais, o actor Fernando Iglesias ‘Tacholas’ que, segundo Biscainho, encarnou con orgullo “paisanos dignos” tentando transmitir unha imaxe veraz dos galegos, afastándose dos tópicos simplistas e denigratorios que definiron o traballo doutros intérpretes.

Fernando Iglesias ‘Tacholas’, segundo Biscainho, encarnou con orgullo “paisanos dignos” tentando transmitir unha imaxe veraz dos galegos

Da obra dramática de Blanco Amor ocúpase, en ‘El teatro gallego en el exilio republicano de 1939’, Damián Villalaín, quen comenta que a batalla do autor ourensán será a “dignificación” do popular, con obras como as recollidas en ‘Teatro para a xente’ ou co seu proxecto do Teatro Popular Galego, ao que tivo que renunciar ante a “indiferenza” do seu público potencial. Carmen Mejía menciona tamén neste volume colectivo a “falta” de apoios económicos que fanou o Teatro Popular Galego de Blanco Amor. Mais a actividade dramática dos exiliados continuou con outras obras do mesmo autor, como ‘Farsas para títeres’, ou coas escritas por Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Ramón de Valenzuela, que chegou a estrear, baixo a dirección de Blanco Amor, ‘As bágoas do demo’.

Isaac Díaz Pardo asinou dúas pezas dramáticas, ‘O ángulo de pedra’ e ‘Midas’, que segundo Euloxio Ruibal reflicten o momento histórico que está a vivir o autor

Isaac Díaz Pardo asinou dúas pezas dramáticas, ‘O ángulo de pedra’ e ‘Midas’, que segundo Euloxio Ruibal reflicten o momento histórico que está a vivir o autor: a violencia, represión, miseria, medo, vinganza, inxustiza, tiranía, opresión… Ruibal e Almudena Pérez subliñan, por outra banda, do teatro de Luís Seoane, -sendo ‘A soldadeira’ a única peza que escribiu integramente en galego- que propugnaba un modelo “popular”, de volta ás orixes e de revalorización do papel do actor, que puidese representarse en calquera lugar, fóra dos teatros burgueses.

Laura Tato apunta que había “actores, actrices e público”, pero non preparados para recibir o teatro “vangardista” de exiliados coma Castelao, Dieste, Blanco Amor e Seoane

Roberto Pascual sinala, pola súa banda, en ‘En el exilio republicano de 1939’ as achegas teóricas de Rafael Dieste sobre o teatro, mentres que Antonio Iglesias lembra o traballo de Ricard Salvat e Henrique Rabuñal o de Alfonso Gayoso. Laura Tato apunta, pola súa banda, que había “actores, actrices e público”, pero que nin uns nin outros estaban "preparados" para recibir o teatro “vangardista” de exiliados coma Castelao, Dieste, Blanco Amor e Seoane. A mesma autora sinala tamén que “a única muller exiliada” que traballou para o teatro nese tempo foi Mª Victoria Villaverde, aínda que outras galegas estiveron vencelladas a esta actividade nese mesmo tempo, coma a cantante Maruxa Villanueva. Mais lonxe de representar categorías contrapostas, o teatro do exilio e o teatro galego da posguerra mantiveron, segundo Dolores Vilavedra, unha relación “dialóxica”, con reiteración de modelos “estéticos e discursivos”.

Castelao, preparando carautas para 'Os vellos non deben de namorarse', nunha fotografía dedicada a Tacholas en 1941 Dominio Público Imaxe conservada pola AS-PG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.