Tráfico teatral: Galiza-Portugal

Unha escena de 'Tráfico' © José Ferrolho

Serpa é unha vila alentejana encantadora. Murallada e de casiñas brancas, descansa á beira do Guadiana no medio de campos e viñedos. A actividade primaria segue a facilitar a meirande parte dos ingresos dos seus sete mil habitantes, á espera de que un ambicioso proxecto convirta esta terra nos próximos anos no principal produtor europeo de enerxía solar.

Gobernada dende tempos inmemoriais polo Partido Comunista Português, actualmente baixo as siglas CDU, Serpa ten unha notable actividade cultural grazas a iniciativas como Musibéria, Centro Internacional de Músicas e Danças do Mundo Ibérico, que ofrece residencias a artistas novos de España e Portugal; ou a compañía profesional de Teatro Baal 17. Nestes días, no branco auditorio de Serpa, sobre un vizoso arco de buganvilias, loce o enorme cartelón que dá conta da estrea da nova obra desta compañía, en parcería con Al Teatro, outra compañía profesional do Algarve. A peza chámase Tráfico, pero en letras máis grandes cás do título, destácase o nome do autor do texto: o galego Carlos Santiago.

A utilización do nome do Carlos como principal reclamo non responde a un acaso. Hai dous anos, o dramaturgo compostelán chegou por vez primeira ao Alentejo co seu texto Ruína, do que foi tamén director (ou encenador, que aquí lle din) e o suceso foi tal que inda se lembra na contorna. “Vou ao teatro dende que sou puto. Adoro o teatro, pero como a Ruina do Carlos Santiago nunca vi”, proclama admirado o Tiago, que atende a libraría de Vemos, Ouvimos & Lemos, un espazo cultural xerido por unha asociación de entusiastas locais.

A peza a representar na vila alentejana de Serpa chámase 'Tráfico', pero en letras máis grandes destácase o noome do autor do texto: o galego Carlos Santiago

Nun tempo de ruína e desolación no país irmán, o Carlos decide prescindir do auditorio municipal e trasladar a súa alegoría a un palacete en ruínas na periferia da cidade que representa mellor ca ningún outro espazo a inchada nostalxia polo pasado e o perplexo decadentismo do presente en que vive mergullado nese momento Portugal. A decisión, ao primeiro, amolou profundamente os gobernantes locais, que quixeron impedir a representación nun lugar tal; mais após a estrea, innúmeros concellos do Alentejo ofreceron as súas ruínas máis apetecíbeis para agasallar aos seus veciños coa obra da que todo o mundo estaba a falar... 

En realidade, Ruína non fixo outra cousa que estender a popularidade do Carlos Santiago un bocadiño máis ao Sur, pois previamente a esta obra, o compostelán viña de conseguir outro éxito na rexión de Viseu. “En Baal tiñan referencia do meu traballo por unha peza que escribira para Trigo Limpo Teatro Acert, de Tondela, Mamã Lusitánia, que dirixiu Marta Pazos hai uns anos. Marta traballou con eles en Caravan Cabaret, e hai dous anos pedíronlle o meu contacto para escribir e dirixir Ruína”. O resultado marabillou á compañía alentejana. “Pela sua modernidade e ousadia, pela capacidade do Carlos responder eficazmente às temáticas pretendidas... O texto foi para nós uma grande surpresa, e desde logo ficámos com vontade de aprofundar a experiência com o dramaturgo”. Foi por iso que o ano pasado quixeron recuncar lanzándolle un desafío aínda maior: “um texto de cariz político e actual, ousado e atrevido, onde pudessem ser abordadas várias temáticas contemporâneas específicas e onde o sangue fosse uma constante. O texto foi tudo isso e muito mais. Em Portugal não é fácil encontrar dramaturgia contemporânea, e poder dispor de alguém como o Carlos Santiago, que apresenta uma grande facilidade em colocar no papel todas estas ideias e pulsões, é para nós um luxo”. Este texto, Tráfico, é o que loce no cartelón do Auditorio de Serpa, e o que xa colleitou os aplausos entusiastas do público no día da súa estrea.

"Em Portugal não é fácil encontrar dramaturgia contemporânea, e poder dispor de alguém como o Carlos Santiago, que apresenta uma grande facilidade em colocar no papel todas estas ideias e pulsões, é para nós um luxo"

Se en Baal 17 souberan do Carlos por unha galega, Marta Pazos -quen na súa condición de actriz vén por certo de estrear no Teatro Aveirense o Conto do Inverno de Shakespeare-, foi Carlos quen recomendou desta vez outro galego para a dirección de Tráfico: Chiqui Pereira, da compañía Berrobambán. Para o vigués, na súa primeira experiencia internacional, o traballo non estivo exento de dureza, os alentejanos son un bando duro de roer, pero a experiencia correu da mellor maneira. Após dous meses de convívio cos actores e técnicos, instalados na Casa dos Governadores, unha agradable residencia con xardín que ben podería pasar por unha mansión colonial dos bairros portugueses de Maputo, chegou o día da estrea e a satisfacción dos aplausos e do traballo ben feito. Botando a vista atrás, Chiqui fai balanzo da experiencia e considéraa “moi positiva, tanto no profesional como no persoal”. Afeito a traballar para a súa propia compañía, tivo que enfrontar un grupo de profesionais, dende os actores ata o escenógrafo, que non coñecía, e iso era un reto por canto o seu método de traballo gosta de concederlle a condición de creadora a cada persoa que fai parte do equipo. “Os meus procesos, polo xeral, adoitan ser demorados, e neste caso o tempo era reducido pois que tiña que coñecer o equipo, recibir as súas propostas e, a seguir, xuntar canto ía xurdindo”, conta, “mais a súa confianza e entrega no traballo posibilitou que todo saíse adiante”. Outro reto tiña a ver co feito de que o texto do Carlos Santiago estaba plenamente inserido na actualidade portuguesa “da que eu non tiña un amplo coñecemento. Precisaba dunha inmersión cultural, mais funa atinxindo aos poucos durante os ensaios e no propio convívio, o que sen dúbida enriqueceu o espectáculo e a cada un de nós”.

Dada a escasa difusión da escena galega nos medios de comunicación públicos e privados da Galiza, ao Chiqui debeuno sorprender verse entrevistado na véspera da estrea por un equipo da RTP, televisión pública portuguesa, para o principal informativo dese día. Millóns de portugueses puideron saber de Tráfico e gozar das primeiras imaxes tomadas durante o ensaio xeral. Esta consideración para o teatro choca aínda deste lado do Miño, mais para o Carlos Santiago constitúe unha das principais vantaxes de traballar en Portugal, “onde o mundo teatral ten moita máis tradición, está máis ancorado na sociedade. Iso é un factor diferencial, o teatro en Portugal ten case a mesma idade que o propio estado portugués, e a percepción social da creación dramática é ben diferente”, asegura. “Primeiro porque non padecen a nosa esquizofrenia cultural, a cultura portuguesa é a cultura de todos os portugueses, en canto no noso caso, que che vou contar... hai todo un sector da sociedade galega que conspira día si e dia tamén para que renunciemos á cultura propia, e para quen o teatro galego é mera titiritada separatista. No meu caso teñen toda a razón, son un titiriteiro separatista, e por tanto non conto co respeito natural de todo o mundo. Iso en Portugal non acontece. Poden gustar ou non  do teu traballo como dramaturgo, pero en xeral todo o mundo respeita o que fas polo simple feito de que é o teu choio”. 

Ao contrario que na Galiza, onde é difícil para un dramaturgo estrear un texto a non ser que conte cunha compañía propia, en Portugal aínda prevalece a condición do dramaturgo como un simple profesional

Ao contrario que na Galiza, onde é difícil para un dramaturgo estrear un texto a non ser que conte cunha compañía propia, en Portugal aínda prevalece a condición do dramaturgo como un simple profesional, de feito o Carlos asegura que a meirande parte dos traballos que fixo neste país foron encargas. “Tes un estilo e unha maneira de enfocar o xogo dramático e iso chega para arranxar traballo. Chámante porque confían en que saibas materializar textualmente esta ou aquela idea, nin sequera teñen que ler un texto concreto, chega con que vexan no palco algún texto teu e que lles mole a onda. Se tes sorte, podes escoitar as palabras máxicas: escríbeme unha peza”.

Dende Baal, apoian o que di o Carlos, e é que as afinidades con certos dramaturgos ou profesionais galegos ten máis a ver coa súa profisionalidade que con calquera outra consideración: “Estamos nos galegos porque de alguma forma no nosso percurso uma serie de coincidências felizes nos canalizaram para estes autores e encenadores. As escolhas que fazemos prendem-se com a necessidade de apresentar um bom trabalho” . No entanto, a proximidade cultural achega con certeza unha perspectiva enriquecedora á hora de botar unha vista de ollos sobre a realidade portuguesa: “Entendemos que as artes em geral e o teatro em particular devem ser uma reflexão profunda e uma consequente intervenção na sociedade. No sentido destas preocupações entendemos que o diálogo, as diferentes opiniões, a troca de experiências e um certo distanciamento contribuem para um bom resultado. A Galiza permite-nos esse distanciamento, e ao mesmo tempo uma aproximação confortável na constatação de que as nossas realidades Alentejana e Galega, embora distintas, têm muitos pontos de contacto”.

Unha vez que o tráfico de profesionais entre as dúas beiras do Miño parece cada vez máis habitual, as compañías devecen por un tráfico de públicos entre Galiza e Portugal igualmente enriquecedor

Mentres prepara as malas para a volta á casa, após a estrea en Serpa e Silves, sede de Al Teatro, o Chiqui Pereira reflexiona: “é interesante para os portugueses a visión que achegamos desde Galicia. Hai un coñecemento, proximidade e respeito pola cultura portuguesa que non ten nada a ver coa dun español. Creo tamén que senten atracción por un certo grao de gamberrismo dalgúns creadores galegos”. E conclúe: “Gostaba de destacar neste punto que o fin e ao cabo o Tráfico é unha aposta de dúas compañías por dous creadores galegos, e é algo que no noso país case non podemos ver”.

Para as compañías coprodutoras de  'Tráfico', Baal 17 de Serpa e Al Teatro de Silves, sería un fermoso colofón poder representar a obra na Galiza a vindeira primavera. Para os propios galegos que participaron no proxecto, sería a oportunidade de amosar o que foron quen de facer fóra da casa. E é que unha vez que o tráfico de profesionais entre as dúas beiras do Miño parece cada vez máis habitual, as compañías devecen por un tráfico de públicos entre Galiza e Portugal igualmente enriquecedor.

Un intre da obra © José Ferrolho

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.