"Cómpre xenerosidade para que a casa de Castelao sexa un referente a nivel galego"

Casa de Castelao en Rianxo CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Converter o inmoble no que viviu Castelao en Rianxo nunha casa-museo é un vello proxecto aínda pendente de realización. En marzo de 2009 a Xunta aprobou a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Previamente, en novembro de 2008 a Consellaría de Política Territorial acordara unha modificación singular das Normas Subsidiarias de Planeamento de Rianxo no relativo á inclusión como solo dotacional público das casas de Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio (situadas as tres na mesma Rúa de Abaixo), o que facilitaría a súa expropiación. Porén, a familia Baltar, propietaria do inmoble, recorreu esta decisión, dándolle en abril a razón o TSXG, nunha sentenza confirmada no mes de agosto e que agora vén de publicar o DOG. O Tribunal subliñou que "a mera declaración dos edificios como bens de interese cultural non é título abondo, a efectos urbanísticos, para operar inmotivadamente esa cualificación como uso dotacional".

Muíños compara o papel que cumpriría ese inmoble co que na actualidade ten a Casa de Rosalía, en Padrón

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, réstalle importancia ao ditame, que pecha unha vía da que nunca foi partidario. Muíños afirma que "cómpre un acto de xenerosidade por todas as partes -por parte da familia propietaria e das institucións- para acadar o obxectivo de que esa casa de Castelao sexa un referente a nivel galego, que sexa visitable ou musealizable, porque forma parte do patrimonio de Galicia como o é Castelao". O rexedor compara o papel que cumpriría ese inmoble co que na actualidade ten a Casa de Rosalía, en Padrón: "A Casa da Matanza é imprescindible, milleiros de galegos e galegas pasamos por aí, nenos, nenas e adultos e adultas. A casa de Castelao debería ser un referente parecido". "Cómpre xenerosidade para darlle a Castelao o lugar que realmente merece, un lugar digno que permita coñecer mellor a súa figura e, ademais, realizar unha especie de peregrinaxe laica como a que na actualidade realizamos a Padrón", reitera.

Muíños reclámalle ao goberno galego que tome a iniciativa e que comece a negociar coa familia propietaria para a adquisición da vivenda: "Castelao é a figura de referencia dun país, polo tanto debería ser a Xunta quen impulsase esta actuación. A Xunta debe tomar a iniciativa para a compra, a musealización ou a elaboración dun plan de usos". "Non é un asunto local, por moito que esa casa estea situada en Rianxo e Rianxo sexa o lugar de nacemento. É necesaria unha certa implicación dende o Goberno galego para que a Casa sexa un referente para todas e todos", destaca.

"É a figura de referencia dun país, polo tanto debería ser a Xunta quen impulsase esta actuación"

De momento, dende a Consellaría de Cultura afírmase que non hai xestión ningunha en marcha ou proxecto ningún para proceder á musealización da vivenda. Dende o Concello si se mantén contacto coa familia propietaria para buscar algunha solución que sexa satisfactoria para todas as partes.

 

O Rianxo de Castelao

Malia que a Casa-Museo de Castelao sexa aínda só un proxecto, a vila ofrece un bo número de elementos que permiten seguir as pegadas do intelectual e político galeguista. Hai uns meses o Concello editou unha guía -Roteiro Castelao- para poder visitar todos aqueles lugares que gardan unha relación directa co autor de Sempre en Galiza. Na actualidade séguese traballando por mellorar e ampliar este roteiro, coa sinalización de todos os seus elementos, "para que cando chegues aquí vincules Castelao e Rianxo e poidas seguir os seus pasos", destaca Muíños.

Malia que a Casa-Museo de Castelao sexa aínda só un proxecto, a vila ofrece un bo número de elementos que permiten seguir os pasos do intelectual e político galeguista

Entre as 19 localizacións está por suposto a propia casa da Rúa de Abaixo (que Otero Pedrayo chamaba A Casiña), na que Castelao viviu varios anos, única que foi propiedade da súa familia e na que a súa irmá residiu ata a súa morte. Pero tamén outras vivendas, por exemplo a casa natal do rianxeiro (en Cabodavila, onde residiu ata que con 11 meses marchou a América coa súa familia). Tamén a Casa do Hospital, na que habitou entre 1910 e 1915 cando exercía a medicina.

Tamén aparece a Casa do Concello e a Praza de Castelao, onde o político deu un mitin galeguista con Suárez Picallo ao que, segundo a súa irmá Teresa, asistiu Sor Lucía, unha das nenas de Fátima, que pernoctara en Rianxo. Ou o Restaurante Feliciano, creado en 1946, e que foi o primeiro lugar de Galicia no que se escoitou A Rianxeira, composta orixinalmente para unha recepción a Castelao na Arxentina. Ou a Casa Rañó, tradicional lugar de encontro de galeguistas na vila. Ou a Graneira do pai de Castelao, que o cacique local tentou tirar abaixo, algo impedido finalmente pola veciñanza. Ou o Peirao da Ribeira, ao que nunca ocasión chegaron Suárez Picallo, Valentín Paz Andrade e o propio Castelao nunha embarcación coa bandeiras galega e republicana.

 

Casa de Castelao en Rianxo CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.