0 Gardados para despois

María do Cebreiro, Blanca Roig, Uxía, Gabriel Tizón, Teatro do Atlántico ou Alberte Pagán, Premios da Crítica

Redacción | @prazapublica

O Hotel Os Escudos de Vigo acolleu este sábado 19 a entrega da trixésima novena edición dos Premios da Crítica, á que asistiron trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país. O acto celebrouse baixo o lema En Irmandade, lembrando o centenario das Irmandades da Fala. María do Cebreiro, Blanca Roig, Uxía, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Gabriel Tizón, Teatro do Atlántico, Alberte Pagán e Artesáns da Pesca foron os galardoados, nas categorías de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

O xurado da modalidade de Creación Literaria acordou outorgar por maioría o premio á obra de María do Cebreiro O Deserto, editada por Apairio. O xurado salientou que “a alta calidade do libro radica tanto na súa autenticidade, propia dunha voz tan persoal como é a da autora, como na integración de diversas referencias culturalistas que aínda así non impiden a intelixibilidade da mensaxe poética. Tamén se fixo referencia ao diálogo coas imaxes que conforman o libro, así como o coidado estético deste como produto artítico”. Na modalidade de Investigación o premio foi para a Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig e editada por Xerais. O xurado destacou que a obra gañadora “ten moito interese para a comunidade educativa e para novos investigadores sobre literatura infantil. Así mesmo, que o equipo investigador realizou un grande esforzo na recompilación de materiais nunha área decisiva para o futuro das letras galegas, ao tempo que serve de base para outras investigacións e e exercicios críticos máis detallados”.

Na modalidade de Iniciativas Culturais, o premio foi para o Observatorio da Mariña pola Igualdade. O xurado salientou que “esta iniciativa afonda no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres desde o campo literario ao científico. Considerou, así mesmo, o esforzo engadido de xestar unha iniciativa cultural destas caracteríticas na Mariña. A confluencia da muller, a lingua minorizada e a marxe xeográfica confire a este proxecto un carácter de múltiple subalternidade que consideramos digno de ser centro da nosa atención”. Na modalidade de Música, o premio foi para Uxía. O xurado salientou “a longa traxectoria de Uxía como intérprete, comezada en 1986, coa gravación de Foliada de marzo, así como a súa calidade como compositora e letrista, e destacou de Uxía “a súa condición de ponte entre as distintas culturas da lusofonía e de divulgadora da poesía galega, especialmente no eido infantil” e “o seu traballo de promoción de proxectos tan necesarios para a súa visibilidade na sociedade como María Fumaça. Sen esquecer, Baladas da Galiza imaxinaria, o seu ultimo disco en colaboración con Fran Perez Narf”.

Na modalidade de Artes Plásticas o premio foi para o fotógrafo Gabriel Tizón. O xurado salientou “a súa calidade estética dentro dun compromiso social dende a súa profesión ao longo do mundo: Guinea Bissau, Lesbos, Subia, Calais… poñendo énfase nos conflitos humanitarios duns tempos convulsos, que nos achega e, ao mesmo tempo, proxecta o noso país na esfera internacional”. Na modalidade de Artes Escénicas, o premio foi para Teatro do Atlántico. O xurado salientou “a traxectoria de Teatro do Atlántico" e “a creación dun repertorio propio con diferentes autores e a coherencia no mantemento dunha poética propia, a miúdo independente das correntes dominantes, pero sempre con eleva calidade”. 

Na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, que se outorgaba por vez primeira, o premio foi para o cineasta Alberte Pagán. O xurado salientou de Pagán “a súa condición de cineasta total, así como a integridade e coherencia no seu traballo tanto intelectual como artístico. A súa faceta como investigador, docente, programador, ensaísta, poeta, tradutor, novelista, activista cultural, pero basicamente pola alta calidade cinematográfica da súa obra, abrindo camiños poucos transitados polas cinematografías de calquera país”. Na modalidade de Cultura gastronómica, o premio foi para Artesáns da Pesca polo “seu compromiso por unha pesca sostible, defensa das artes tradicionais, especialmente as de baixura e proximidade”. Ademais destacou “o seu labor de concienciación do colectivo pesqueiro e a procura da innovación e a excelencia”. 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.