O patrimonio inmaterial galego-portugués, representado no cumio da Unesco en Etiopía

Xosé Manuel González Reboredo (Museo do Pobo Galego) e Álvaro Campelo (Universidade Fernando Pessoa) © PNO

Ponte...nas ondas! foi recoñecida pola UNESCO no pasado mes de xuño como ONG consultora debido ao seu traballo a prol do patrimonio común galego-portugués. Agora a entidade foi convidada a participar na XI sesión do Comité para a salvagarda do patrimonio inmaterial, que se celebrará en Addis Abeba (Etiopía) do 28 de novembro ao 2 de decembro

Nestas sesións, nas que participarán organizacións e representacións de todo o mundo, debaterase o procedemento para a inscrición, a selección e a proposta da candidaturas para a Lista representativa, para a Lista do patrimonio que precisa unha salvagarda urxente e para a Lista das mellores prácticas co patrimonio inmaterial. Tamén se analizarán as candidaturas avaliadas no 2016 e proporanse as inscricións nas respectivas listas, presentándose as propostas que serán avaliadas durante os próximos anos.

O patrimonio inmaterial galego-portugués e Ponte nas Ondas! estarán representados polos antropólogos Xosé Manuel González Reboredo (Museo do Pobo Galego) e Álvaro Campelo (Universidade Fernando Pessoa do Porto)

O patrimonio inmaterial galego-portugués e Ponte nas Ondas! estarán representados polos antropólogos Xosé Manuel González Reboredo (Museo do Pobo Galego) e Álvaro Campelo (Universidade Fernando Pessoa do Porto). González Reboredo e Campelo coordinaron os traballos preparatorios da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués presentada por Ponte...nas ondas! en 2004 cos avais dos gobernos de España e Portugal. Ademais de participar nas sesións do Comité, os dous profesores impartirán unha conferencia sobre  o patrimonio cultural galego-portugués no Instituto Camoes da Universidade de Addis Abeba.

 

Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa

Este venres 25 de novembro, ademais, Ponte...nas ondas! organiza unha nova edición da Mostra da Oralidade dirixida ás escolas galegas e portuguesas no Cine Teatro Joao Verde de Monçao. O festival pretende transmitir ás novas xeracións diferentes expresións do patrimonio cultural común a través de propostas innovadoras no ámbito da narración oral, as artes escénicas e a música. A Mostra da Oralidade é unha das actividades que Ponte...nas ondas! realiza desde o ano 2002 en que se celebrou a primeira edición no teatro García Barbón de Vigo. O pasado ano celebráronse dúas Mostras en Tui con motivo dos 10 anos da presenza do patrimonio inmaterial na sede da UNESCO en París.

Nesta ocasión, desde Vila Real as narradoras orais Isa e Andreia achegarán os contos tradicionais de Trás-Os-Montes. O grupo Quase Quatro realizará diversos números de maxia e expresión oral. E a música estará interpretada por Cé Orquestra Pantasma e Pitusa Semifusa.

Xosé Manuel González Reboredo (Museo do Pobo Galego) e Álvaro Campelo (Universidade Fernando Pessoa) © PNO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.