0 Gardados para despois

'Sicixia' emociona o público da Costa da Morte no inicio da súa andaina polos cines

Redacción | @prazapublica

Cee e Carballo e agora, o mundo. Os ceenses Cines Xunqueira e os carballeses Cines Bergantiños tornaron nos dous últimos días no último campo de probas para Sicixia, o "paseo polo amor e a Costa da Morte" que, dirixido por Ignacio Vilar e producido por Via Láctea Filmes e mais a TVG, comeza agora a súa andaina polo resto de salas. "O filme emocionou o público, que encheu as salas nos dous pases", aseguran os responsables da película.

Ambos eventos foron concibidos como senllas festas. Corredores ateigados e expetación mediática para "a estrea dun filme agalego, en galego e rodado na zona", pero tamén avalado por recoñecementos internacionais como o premio á mellor actriz no Festival Cinespaña de Toulouse ou a presenza na sección oficial do Festival de Xixón tras superar unha peneira pola que pasaron 2.000 títulos. A película estaba, ao cabo, na casa, e a veciñanza quixo achegarse para vela de primeira man.

Neste escenario, Vilar e boa parte do elenco compartiron conversas e fotografías con quen quixeron achegarse. Monti Castiñeiras, María Lado, Arantza Villar, Artur Trillo e mais Dani Trillo foron as estrelas de dúas xornadas nas que o cinema estivo acompañado pola gastronomía dos chefs Iván Domínguez, Miguel Silvarredonda e Tino Otero, responsable dunha "degustación do mar da Costa da Morte".

"Como sucedeu con A Esmorga, Sicixia desafía o público galego para tentar converterse nun novo fenómeno de asistencia ás salas"

Ás portas do gran reto, o das salas comerciais, no equipo de Sicixia reina o optimismo. "Como sucedeu con A esmorga hai agora dous anos -din- os espectadores responderon de maneira masiva á chegada á carteleira daquela produción". O novo de Vilar "desafía o público galego para tentar converterse nun novo fenómeno de asistencia ás salas", desta volta tamén cun compoñente educativo e social. Non en van, resaltan, o Instituto do Cine e das Artes Audiovisuais (ICAA) cualificou Sicixia como "especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero".

Tras a presentación na Costa da Morte, o equipo de Sicixia e parte das actrices e actores percorren o país coa película nos vindeiros días. Así, tras pasar pola Courña o pasado sábado e estar en dúas salas santiaguesas este domingo -As Cancelas e Compostela-, o vindeiro martes acudirán ás 20:00 aos Multicines Norte, en Vigo, onde tras a proxección se realizará un coloquio co director, e o mércores estarán ás oito da tarde nos Númax de Santiago. A lista completa dos cines que proxectan Sicixia pode ser consultada na web da película.

Tráiler de 'Sicixia'

CC BY-SA

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.