"A desaparición das artes escénicas da prensa converteu a revista 'erregueté' nun refuxio”

Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso © Nando Iglesias

A Revista Galega de Teatro (RGT) vén de abrir unha nova etapa. Tras máis de tres décadas de traxectoria, a histórica cabeceira mudou o seu deseño, o seu equipo e mesmo o seu nome, converténdose dende o seu último número na revista erregueté. Praza Pública conversa coa súa nova directora, Vanesa Sotelo, e o seu novo subdirector, Manuel Xestoso, para coñecer as claves desta nova época.

A Revista Galega de Teatro mudou a súa dirección, o seu deseño e o seu nome. Como se fraguou este conxunto de cambios?

Vanesa Sotelo (VS): A revista conta con máis de 33 anos de historia e precisaba un impulso novo, un cambio de imaxe. O que nos chegaba dende o lectorado era que a nivel de contidos, a revista estaba vinculada á actualidade, pero que a nivel de imaxe si que andaba desfasada. Ademais, tamén precisabamos a incorporación de persoas que forman parte desa nova xeración que está a crear, que está a producir. Era moi interesante incorporalos á revista, sobre todo despois de superar unha etapa crítica que se sufriu por problemas económicos e por redución de apoios. Tocaba renovarse ou morrer... Vaia, morrer non... Morrer non ía morrer, porque se ía seguir facendo... Pero si corría o risco de acomodarse. Ademais, cumpría aproveitar un momento en que estamos a ter publicidade ou que contamos coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que nos está apoiar na impresión da revista. Entón chegou o momento clave de asumir o cambio de imaxe e tamén de realizar unha reestruturación do seu equipo.

"A revista non ía morrer pero si corría o risco de acomodarse"

Como é esa estruturación?

VS: Contamos cun consello editorial e cun consello de redacción. O primeiro encárgase de asegurar as liñas da revista, a infraestrutura económica, a súa continuidade. Tamén de velar pola conservación dos obxectivos e cometidos cos que naceu. Pola súa banda, o consello de redacción é un corpo máis dinámico, que se reúne de forma máis habitual e que se encarga do día a día.

"No mundo do teatro producíronse achegas dunha nova xeración; ese feito debía reflectirse na propia revista"

As incorporacións ao consello de redacción responden a un cambio xeracional?

Manuel Xestoso (MX): Imos ver... Nos últimos tempos, no mundo do teatro producíronse achegas dunha nova xeración. Ese feito debía reflectirse na propia revista. En realidade, o cambio de deseño pretende principalmente visibilizar ese cambio. Quen son as persoas que se incorporan? Pois Esther Carrodeguas, Roi Vidal, Fran Peleteiro e Gemma Bahamonde. Ademais, tamén está Roberto Pascual, que se encarga da secretaría.

VS: Ademais das incorporacións, hai determinadas persoas que continúan no consello de redacción: Inma López Silva ou Afonso Becerra. 

Mudaron o papel, pero a páxina web segue como está. Non entra de momento a idea de renovala?

MX: Como ti ben sabes, este é un traballo non remunerado e leva o seu tempo. Si que temos pensado renovar todos os instrumentos, pero imos facelo pouco a pouco e ao tempo que vaian chegando novos apoios.

VS: A revista é ambiciosa, pero tamén realista. Aínda que a imaxe que nos gustaría ter é a de ser unha cabeceira profesionalizada, esa non é a realidade. Lamentablemente aínda non é profesional, xa que moi ao noso pesar seguirá a ser voluntarista. De momento, imos ir gañando terreo e sobre todo coidando as frontes que están abertas. Dende logo, a cuestión da web é fundamental, pero de momento non se pode asumir como nos gustaría. Agora, resulta moi importante coidar a nosa nova imaxe e coidar a presenza que xa temos na rede, sobre todo grazas ao Magazine da Crítica, que é unha ferramenta moi útil que nos permite estar pegados á actualidade. Ademais, serve para retroalimentar o papel.

A profesionalización de erregueté é unha meta ou descártase por imposible?

MX: É difícil, pero é un obxectivo. Estamos nun momento en que as contas non saen. E como dixemos antes, pasamos unha época sen ningún tipo de axuda. Agora si que comezamos a ter de novo apoios importantes, como o da Deputación de Pontevedra ou da propia Agadic que, por exemplo, para este último número nos deu unha axuda moi importante para a tradución do Premi Born.

"A Revista ten claro un obxectivo de sempre: ser unha actriz colaboradora para a difusión de todo o traballo que se fai no mundo teatral"

O novo deseño da revista foi presentado na Sala Ártika de Vigo nun acto que congregou a moita xente do mundo das artes escénicas. Que relación existe entre a revista e a profesión na actualidade?

VS: Existe relación e quedou demostrada este ano cando a RGT recibiu o Premio de Honra Marisa Soto da AAAG. Ese foi un momento que a revista recibiu con moito cariño e agradecemento. A Revista sempre foi en paralelo e acompañando ao mundo teatral. Certo é que, por circunstancias de produción, pola necesidade de solicitar colaboracións, a Revista non sempre puido estar en todos os momentos claves. Ás veces, faltaba... Pero ese galardón serviu para dicir que a Revista sempre estivo coa profesión, porque a verdade é que nunca estivo á marxe... E con respecto á presenza na Sala Ártika, hai que dicir que unha parte importante da xente que acudiu formaba parte de novas compañías ou eran estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo (ESAD), iso resulta moi importante. Eu creo que a relación da Revista coa profesión sempre foi, porque sen profesión, Revista non tería sentido. E nesta nova etapa, a Revista ten claro un obxectivo de sempre: quere ser unha actriz colaboradora para a difusión de todo o traballo que se fai no mundo teatral.

"O xornalismo cultural e a crítica desapareceron case por completo dos medios. Iso hai que telo presente"

E que relación mantén agora mesmo a profesión e a crítica?

MX: Dende o punto de vista, tanto da crítica como do xornalismo cultural... A ver, como ben sabes, o xornalismo cultural e a crítica desapareceron case por completo dos medios. Iso hai que telo presente. Despois, a relación da profesión coa crítica sempre é conflitiva, case nunca é fácil; pero o feito de que desaparecese por completo a crítica dos medios fixo que a profesión abrise os ollos e entendese mellor o seu papel. E coido que nestes anos houbo un achegamento á Revista, xa que se revalorizou o papel da prensa no teatro.

VS: O feito desa desaparición das artes escénicas da prensa xeralista converteu a Revista nun reduto galo, nun gran refuxio.

MX: Ás veces, é unha cuestión de visualización. O Magazine da Crítica serviu para presentarnos diante da profesión dunha determinada maneira. Vale, que ás veces hai queixas cando fas unha crítica que non é positiva, pero ao final todos queremos que se atenda ao traballo que facemos.

VS: Nese sentido, hai que dicir que a revista sempre mantivo tres ou catro críticas por número. É dicir, unhas doce críticas ao ano. Falamos dunha cifra moi pequena, pero grazas ao Magazine de Crítica, publícanse moitísimas máis e, ademais, achégase unha inmediatez moi interesante: as compañías poden confrontar as opinións sobre o seu traballo. Creo que o Magazine facilitou moito a concienciar sobre o rol que a Revista cumpre en relación á profesión.

MX: Precisamente, o Magazine xurdiu como unha resposta á desaparición total da crítica nos medios. Durante uns anos, non existiu. Parece que agora se vai recuperando, que aparecen espazos de crítica, pero pensa no ano 2012. A partir dese ano, desapareceu todo por completo. Agora comeza haber espazos: Camilo Franco escribe en El Progreso, eu fago cousas en Sermos Galiza, recuperouse O Galiñeiro en Praza.gal...

"Na sociedade si hai un interese polo teatro; as salas que teñen unha programación máis ou menos constante e mais ou menos coherentes énchense"

Cales pensan que son os motivos da desaparición da crítica e do xornalismo cultural? É dicir, son os medios, é a crise ou é que a sociedade non ten interese, por exemplo, no teatro?

MX: Considero que na sociedade si hai un interese polo teatro. A proba está nas salas que teñen unha programación máis ou menos constante e mais ou menos coherentes. Esas salas énchense. Quizais non sexa un interese desmedido, pero ese interese non se reflicte na prensa. Logo, as cousas polas que desaparece o xornalismo cultural son probablemente moito máis complexas.

Falamos antes dos cambios de deseño de erregueté, falemos agora dos contidos. Que atopará un lector nun exemplar?

VS: A nivel de contidos non hai grandes cambios. O que si temos agora, á hora de contar con novas colaboracións, é cun consello de redacción diferente, cunha visión renovada. É dicir, a forma de mirar é outra, está enriquecida. Polo demais, seguimos a ter a parte de Temas, que se centra en profundidade nos temas de actualidade; Espazo Aberto, con entrevistas con creadores e creadoras cun claro peso na actualidade, ou as Crónicas de Festivais, que serve para lles dar visibilidade aos festivais, tanto aos galegos como os portugueses, porque a revista quere manter esa idea de ser ponte entre as artes escénicas de Galicia e Portugal. Tamén conservamos as críticas de espectáculos e as reseñas de libros. Logo, como novidade, recuperamos a relación da revista con outras artes, como é o caso das artes gráficas. E tamén temos esa sección, Ruxerruxe, da que se encarga neste número Esther Carrodeguas, que busca atender a realidade a través de imaxes e reflexións máis literarias. E, por último, tamén cómpre destacar que continuamos coa edición dun texto teatral en cada número.

MX: Unha das liñas fortes desta nova etapa é servir de ponte entre as xeracións que chegan e as que levan instaladas moito tempo. Entón, a incorporación de xente nova ao consello de redacción achega unha mirada máis fresca e con outras perspectiva. Iso non quere dicir que nos esquezamos do de sempre, dos que levan corenta anos traballando; pero si que nos parece necesario que haxa pontes entre esas xeracións para que o sistema teatral teña a coherencia que debe ter todo sistema establecido. De feito, o ideal é que esas xeracións traballasen xuntas. E ese é un traballo que debe desenvolver o Centro Dramático Galego que, agora como está en cadro, produce menos. Creo que é imprescindible que o CDG mesture máis os actores e as actrices emerxentes con intérpretes con traxectoria, directoras novas con actores e actrices veteranos, directores veteranos con actrices e actores novos. Iso ten que facelo a profesión. Nós, con humildade, intentamos axudar a crear esas pontes.

"Non é normal que a maior editora de textos dramáticos dun país sexa unha revista"

Este primeiro número da nova etapa de erregueté presta especial atención a dramaturxia do país. Precisamente nun ano en que se creou a Asociación DramaturGA e a poucos días de que se celebren as Xornadas Dramaturxentes en Santiago. Cómpre lembrar que esta revista sempre xogou un papel moi importante para os e as dramaturgas de Galicia, non?

VS: Falabamos antes da revista como un espazo de refuxio para a crítica ou o xornalismo cultural... E creo que cómpre falar tamén da revista como unha garantía para ter catro textos teatrais editados ao ano. Falamos de textos que, en moitas ocasións, eran inéditos e de autores e autoras novas. A revista sempre apostou por dar espazo a voces novas. No meu caso, hei de dicir que esta revista foi detonante e foi impulsora. Editaron o meu primeiro texto, Azotea.

MX: Non é normal que a maior editora de textos dramáticos dun país sexa unha revista. E non é tanto mérito noso coma falta de atención das editoras. Nós non podemos solucionar este problema, pero si podemos achegar algo. E creo que a revista fai un gran traballo non só no apoio a autores novos, senón para a tradución de dramaturxias estranxeiras.

Portada da revista © Nando Iglesias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.