Zé Paredes: "Se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe"

Pola esquerda, Clara Gayo, Jacobo Sutil, Fefa Noia e Zé Paredes, na presentación das xornadas © CDG

A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, celebra do 8 ao 10 de decembro "a primeira iniciativa pública fraguada nos estaleiros da nosa incipiente asociación", as xornadas sobre dramaturxia galega Dramaturxente. "É chegado o momento de mapear o territorio da creación dramática no noso país, de tentar diagnósticos xenuínos e partillar rotas, trilladas ou por trillar, e de asumir, en fin, unha tarefa colectiva. A de botar ao mar a nave común das autoras e autores dramáticos da Galiza. E para iso, queremos apelar á vosa viva curiosidade e convidarvos para nos acompañar nesta primeira singradura do noso navío", explica este colectivo na súa web. As xornadas celébranse no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, contando coa intervención inaugural de Manuel Lourenzo. Falamos con Zé Paredes, membro da asociación.

A primeira reunión fora na Mostra Cangas, non si?

Si, non na última, senón na anterior. Despois reunímonos na Mostra de Ribadavia e, finalmente, constituímonos como asociación no FITO, en Ourense. A idea xa viña de atrás. Había moita xente que reclamaba que organizaramos algo que puidese servir para facer de interlocutores coa administración e para integrarnos no sistema teatral galego, porque nin nos vían nin nos viamos entre nós. A idea era tamén reclamar un espazo na literatura dramática, porque a dramaturxia é a gran esquecida do sistema literario.

"A dramaturxia é a gran esquecida do sistema literario"

Cantos sodes?

Agora mesmo, unha trintena de persoas. Máis ou menos a metade homes e a metade mulleres.

En relación co obxectivo da visibilización, tedes o catálogo on-line de dramaturgos e dramaturgas. E iades publicar textos na web…

O catálogo xa está na nosa web, e hai autores que teñen na web obras ou partes de obras, para que se poidan ler. O noso proxecto máis mimado é ese: crear unha plataforma de busca e lectura de teatro on-line. A web foi feita desde a propia asociación -fíxoa Carlos Santiago-, para poder ter unha plataforma editorial on-line creada por nós, para nós e para o sistema teatral.

Porque é bastante difícil publicar teatro no formato tradicional de libro.

Son moi poucas as editoras que se arriscan a publicar teatro. E é a pescada que morde o rabo: non se publica teatro porque non se le, e non se le porque non se publica. As poucas editoras que publicaban teatro tiveron, moitas veces, unha existencia efémera. E non só non se publica teatro galego que se estea escribindo agora: tampouco hai case tradución. Non temos traducido a galego nin a Valle-Inclán, e nese sentido o 2017 será un ano moi importante para o teatro galego, (ao cumprirse o prazo para que a obra deste autor pase ao dominio público).

Non hai case onde buscar teatro: antes estaban os Cadernos da Escola Dramática Galega, os Cadernos de Laiovento, a revista Casahamlet… Agora queda o pouco que sacan as editoras e tamén a RGT, que acaba de mudar o nome para erregueté, e que está moi ben, -eu agradezo moito o traballo que fan os compañeiros e compañeiras-, pero tampouco pode sacar máis que uns poucos textos ao ano. E o que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe. Por iso, tiñamos dúas opcións. Ou o faciamos nós, e por iso creamos a plataforma on-line, ou buscabamos a maneira de presionar para que se impliquen máis as editoras e a administración.

"O que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe"

Unha das reivindicacións dos dramaturgos galegos é que as compañías do país monten os seus textos, pois tenden a preferir textos doutros lugares do Estado ou doutros países. Lembro que o tema saíra no FITO. As dramaturgas dicían que as compañías non as tiñan en conta. As compañías dicían que as dramaturgas non facían moito por darlles a coñecer os seus textos. Que ocorre con iso?

Eu creo que son varios factores. Por unha banda, eu penso que o teatro galego non pode sobrevivir sen apoio institucional. O custo real dunha butaca é moi superior ao que paga o espectador pola entrada. O noso mercado é moi reducido. Non temos máis que a rede de teatros e auditorios, as redes das deputacións, algún concello que programa teatro de xeito regular e outros que programan só de cando en vez. Ao ter un número de clientes tan escaso, somos dependentes das axudas, e nese contexto o risco de escoller un autor galego é grande, polo que as compañías prefiren traballar con autores que xa funcionaron co público.

"Ao ter un número de clientes tan escaso, somos dependentes das axudas"

Despois hai outra cousa, e isto xa é unha opinión moi persoal miña. No teatro galego é moi común mirar ao centro do Estado, buscar modelos no centro do Estado, que é outro contexto, distinto do galego. Mais aquí é difícil de soster que as compañías non coñecen os autores. Que director non coñece a Clara Gayo, por exemplo? O que ocorre é que, como dramaturgos, non conseguimos xerar o interese debido. Non se montan nin os textos de Roberto Vidal Bolaño. E insisto no importante que vai ser o 2017, pero creo que de momento non temos nada máis que ‘A cabeza do dragón’, que vai montar Excéntricas. Tamén a ESAD podería facer máis para que se coñeza o teatro galego que se está escribindo agora. Non están funcionando as canles de comunicación, e creo que é culpa dos dous lados. Nós non conseguimos xerar interese, nin as compañías fan tampouco moito por coñecer os nosos textos.

"O que ocorre é que, como dramaturgos, non conseguimos xerar o interese debido"

Tamén hai compañías que montan textos escritos por elas. Falo das que teñen director que é tamén autor. Ou das que fan teatro posdramático, traballando con textos colectivos, escritos no proceso de montaxe…

Si hai compañías que teñen de cabeza aos autores dos textos, como é o caso de Cándido Pazó. Tamén Santiago Cortegoso ten unha compañía coa que monta os seus textos. O mesmo facía Roberto Vidal Bolaño. Ou Casahamlet, que monta os textos de Manuel Lourenzo. Outras veces, hai autores que conseguen xuntar un equipo de xente para montar unha obra, como fixo Clara Gayo con ‘Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredes’. Pero a distribución deste tipo de espectáculos queda despois moi limitada, e Clara é un bo exemplo. Deste tan belo texto tivo unha función no Teatro Ensalle e pouco máis. E o que pasa é que se os produtores non confían en nós, os programadores tampouco o fan.

En relación co posdrama, e isto tamén é a miña opinión, eu creo que aínda non ten o espazo gañado no teatro galego. En Portugal, que de onde procedo, o posdrama tivo o seu espazo, pero foi efémero. Hai como unha pelexa -estética- entre o drama e o posdrama, na que un e o outro van gañando, ou perdendo, espazo. O mesmo pasou en Alemania. O posdrama tivo un punto álxido nos 70 e comezou a perder nos 80… Eu creo que o espazo para o posdrama en Galicia está por gañar. Pero aínda así, sexa como sexa, se ollas os carteis de teatro, aquí tende a prevalecer o nome do director. No teatro inglés prevalece o autor. Aquí parece que o que importa é o produtor e os actores e actrices. E nun equipo de teatro, se non hai equilibrio, é difícil que a montaxe funcione. Os carteis deberían reflectir ese equilibrio.

"Eu creo que o espazo para o posdrama en Galicia está por gañar"

O manifesto da vosa asociación fala de “posta en escena de baixa calidade”. Por que?

O texto escribiuno Roi Vidal e eu creo que se refire a que se fan producións de ínfima capacidade. Porque se as producións grandes son de textos de Martin McDonagh ou de Miguel del Arco, ademais de que pode pasar que ao final o autor máis representado en Galicia sexa un irlandés, o que pasa é que aos autores galegos quédanlles as producións máis pequenas, feitas case sen recursos. E volvo ao exemplo de Clara Gayo. Un texto como ‘Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredes’ tiña que estar no CDG.

"Pode pasar que ao final o autor máis representado en Galicia sexa un irlandés"

Estou de acordo. Vino a pareceume moi bo. Fora no local dunha asociación veciñal, creo. Tamén estivo na Zona C.

Tiveches sorte de velo, porque non houbo moitas oportunidades. A cuestión é que non se arrisca cos textos escritos para aquí e desde aquí. E pensa en Chévere, por exemplo: o éxito, con eles, está garantido. Eu mesmo estreei outro texto de Clara, ‘Agorafobia. Parálise sobre o medo’, co grupo de teatro do C.S. O Pichel. Puidemos traballar moi ben co texto, pero claro, cunha produción ínfima: sen recursos, sen cartos para escenografía, vestiario, etc… Iso é o que pasa.

Nese mesmo manifesto dise que desde as Irmandades da Fala ou desde Abrente nunca houbera tantas e tan boas voces na dramaturxia galega.

Faise esa comparación para remarcar que o teatro sempre foi parte da tradición literaria galega, que non é algo que se acabe de inventar. As Irmandades da Fala xeraron moitos textos. O que pasa, ademais, é que os autores de teatro galego nunca estiveron tan ben formados nin tiveron tantas oportunidades de ver teatro, galego e do outro.

"Os autores de teatro galego nunca estiveron tan ben formados nin tiveron tantas oportunidades de ver teatro, galego e do outro"

O teatro galego pode ir máis alá do devanceirismo, engade o manifesto.

É polo mesmo que falabamos. Tendemos a mirar para atrás na busca de orientación. E claro que formamos parte dunha tradición cultural moi antiga e moi importante, pero tamén temos que ollar para adiante, ao futuro.

O manifesto propón a “reestruturación radical” do sistema teatral. Case nada. Mais é o problema de fondo, supoño.

É que a cuestión é se queremos que siga habendo teatro en galego ou non. A reestruturación é necesaria. As compañías vense obrigadas a facer producións de moi poucos actores. Hoxe, unha produción de oito actores xa se considera grande. Mais eu creo que é, moito, unha cuestión de prioridades políticas. De vontade política. A xente do teatro está cansa de traballar para o inglés. Traballamos con teatro amador, -eu mesmo fágoo-, e iso permítenos traballar ao noso gusto e experimentar, porque o teatro profesional pouco arrisca, pero a situación é moi difícil. A min gustaríame que os meus textos os montase outra persoa. Creo que a todos nos gusta ver a nosa dramaturxia vivida e pasada por outros.

"A xente do teatro está cansa de traballar para o inglés"

Mais dicía que a reestruturación vai depender moito da vontade política. Resulta bastante difícil explicar que a cultura é importante cando temos, por exemplo, unha consellería de Cultura que é, primeiro, de Educación, segundo, de Ordenación Universitaria e, terceiro, de Cultura. Se non é unha prioridade, como non van dicirnos que primeiro están a educación e a sanidade. Un político dificilmente poderá dicir que está moi preocupado pola lingua e a cultura. Se non se valora a cultura, pouco podemos facer. Tamén por iso organizamos as xornadas, como punto de partida para analizar a situación e ver que podemos facer.

Nas xornadas, unha das mesas será sobre a edición de teatro. Participarán Afonso Becerra, (ESAD), Juan Luís Blanco Valdés, (USC), Manuel Bragado, (Xerais), Paco Macías, (Positivas), Afonso Ribas (Laiovento) e Manuel Vieites (por Galaxia). Mais diso xa falamos. Outra mesa, contigo mesmo, Camilo Franco, Inma López Silva, Roi Vidal e Manuel Xestoso, falará sobre a crítica. Con que enfoque?

Aí hai varias cuestións, ademais dos blogs de crítica, como Teatro Crítico Universal. Os espazos nos que se falaba de teatro nos medios de comunicación foron desaparecendo. O de La Voz, por exemplo. Entón, a cuestión é que pasaría se houbese un xornalismo cultural máis activo, máis intenso, que significaría para o teatro e para os dramaturgos. Despois hai outra cuestión: nos últimos tempos foron xurdindo novas voces na crítica teatral, cada unha coa súa estética. Non é o mesmo o que fai Camilo Franco que o que fan Manuel Xestoso ou Inma López Silva. E iso tamén ten un impacto no teatro.

Por outra banda, hai outra cousa, que é que a crítica literaria case non presta atención á dramaturxia. Hai algunha cousa aquí e alí, -Ramón Nicolás falaba hai pouco no seu blog de Carlos Labraña, por exemplo-, pero nada máis. Se a crítica non se aproxima ao pouco teatro que se publica, mal vamos. E finalmente, a crítica ten importancia de cara á profesión ou de cara á sociedade? Que importancia lle debemos dar? Se a crítica está para o teatro, de que maneira está o teatro para a sociedade?

"Se a crítica está para o teatro, de que maneira está o teatro para a sociedade?"

Na mesa sobre dramaturxias escritas/ non escritas estarán Julio Fernández, Afonso Becerra, Cristina Domínguez, Cándido Pazó, Marta Pazos e Ana Vallés. Sobre posdrama, danza, performance...

É que están pasando moitas cousas e non todo é drama ou posdrama. Isto tamén é a miña opinión, pero é que eu penso que coller un texto de Shakespeare -e é un exemplo totalmente aleatorio- e querer enmendarlle a plana, é bastante difícil. Unha peza de Shakespeare dificilmente se pode transformar en posdrama. Shakespeare aguanta todo, pero se traballas con personaxes, non é posdrama. E se queres mudar a peza de Shakespeare, podes facelo, pero é outra cousa, non é Shakespeare.

Mais, sexa drama ou posdrama, volvemos ao de antes. Por que o autor ten que desaparecer do cartel? Porque, aínda que sexa posdrama, se hai unha dirección, un falar, un movemento… hai unha dramaturxia. Aínda que director e autor non se distingan e o texto se vaia construíndo no proceso. Penso por exemplo no teatro de Matarile. As súas obras teñen texto, teñen que ter un libreto. Por que non podemos ler os libretos? Por que non están a disposición do público? É un exemplo.

"Mais, sexa drama ou posdrama, volvemos ao de antes. Por que o autor ten que desaparecer do cartel?"

Ocorre que no teatro posdramático non é raro que os directores non se definan como dramaturgos, ou que digan que o texto é o de menos, ou polo menos que non ten sentido sen o resto da montaxe, que a montaxe non pode subordinarse ao texto.

Iso último que dis podo entendelo, pero noutros países a ninguén se lle ocorre dicir que o texto é o de menos. A performance é unha arte plástica, que traballa co corpo. Non é unha arte escénica. Na arte escénica hai tres elementos básicos: espazo, actores e público. E para que haxa comunicación entre os tres, ten que ser organizado por un director. E o código e comunicación entre estes elementos é a dramaturxia. Claro, isto é a miña opinión. Outros membros da asociación poderían dicirche outra cousa se lles preguntas.

"A performance é unha arte plástica, que traballa co corpo. Non é unha arte escénica"

Mais pensa por exemplo en Tadeuzs Kantor, en ‘A clase morta’. Só puiden estudalo ben, ver o rigor co que traballa Kantor, ao ler o texto. O texto está sempre aí. Cando eu fixen ‘Agorafobia’ de Clara Gayo, Clara segue estando aí aínda que o texto pasase pola miña visión. É un texto aberto que se podería montar de distintas maneiras. Pero se non hai unha boa dramaturxia, dificilmente a montaxe vai ser boa. É como un guión de cinema, nese sentido. Sen unha boa dramaturxia texto, é difícil que funcione.

Hai unha mesa sobre teatro para nenos e nenas, con Fran Godón, Paula Carballeira, Rosalía Fernández Rial, Carlos Labraña e Inacio Vilariño.

Hai unha produción cultural importante en galego para os nenos e nenas. Unha parte moi importante do mercado dos produtos culturais galegos é de produtos para nenos e nenas. E en dramaturxia para nenos están a facerse cousas modernísimas, ás veces máis que en dramaturxia para adultos. Mais hai outros factores, ademais da demanda editorial, como o do ensino. Hai que ver por que hai autores que non chegan á escena. Que se cadra están publicados, pero non chegan a representarse as súas obras.

Hai actividades para nenos, con investimentos de institucións como a consellería de educación. Mais ocorre que, por exemplo, o teatro de marionetas viu minguada a súa produción. É menos accesible. E logo, pasa tamén que a maior parte do teatro para nenos e nenas faise en galego, pero tamén hai outras producións que veñen de fóra e que se escollen por outros factores, entre os que non está a calidade literaria. E o tema da educación é especialmente importante, porque alén do punto de vista económico e artístico, estanse a formar os futuros espectadores. E unha vez máis, isto é tamén moito cuestión de vontade política, dos criterios cos que se toman as decisións nos concellos con respecto á programación cultural.

"E en dramaturxia para nenos están a facerse cousas modernísimas, ás veces máis que en dramaturxia para adultos"

Outra mesa xunta a Clara Gayo, María Armesto, Marta Pérez, María Xosé Queizán e Vanesa Sotelo para falar de mulleres e dramaturxia. De patriarcado e de perspectiva de xénero.

Sobre iso non son eu quen debe falar, claro, pero só dicir que na nosa asociación temos a sorte de ser metade homes e metade mulleres, pero ese equilibrio non se cumpre se miramos á dramaturxia ou á dirección das obras que chegan a montarse. Se pensas na xente que presenta candidaturas para estudar arte dramática, a enorme maioría, para as especialidades de dramaturxia e dirección, serán mulleres. Pero nos escenarios non é o que se ve. Nas compañías hai moitas menos directoras que directores. Perdemos hai pouco a Dorotea Bárcena, que foi das primeiras. Desde a creación da ESAD hai máis mulleres, de todas maneiras. Na escrita, tamén hai que pensar nas dramaturgas e na perspectiva de xénero…

"Nas compañías hai moitas menos directoras que directores"

A última mesa reúne a Antón Lopo, Antón Coucheiro, Javier Martín, AveLina Pérez, Xesús Ron e Carlos Santiago. Que é ‘Urdimes máis aló do drama’?

Esa mesa vai tratar o tema dos formatos híbridos, entre a danza e o teatro, ou entre o teatro e a performance, por exemplo. Que se está facendo nese sentido, que espazo ocupa…

Algo máis? Facedes as xornadas no Salón Teatro.

Pódese dicir que as xornadas van ser froito de dúas vontades que se xuntaron. Unha foi a nosa e outra a de Fefa Noia. Estivo pendente de nós desde que comezamos coa asociación. Interesouse e quixo saber. E non só nos cederon o Salón Teatro, é que sen o apoio administrativo e económico do CDG non poderiamos facer unhas xornadas coma estas, porque somos unha asociación que vive das cotas que pagan os nosos socios e socias. Nós non poderiamos pagar as xornadas cos nosos recursos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.