Francisco Coimbra: "Calquera que cuestione a orde estabelecida recibirá o apelativo de terrorista, coma Malcolm X ou Mandela"

Dominio Público Praza Pública

Un día, de xeito espontáneo, os cincocentos habitantes de Kernow comezan a recuperar a súa lingua. Mais o Estado británico non está disposto a toleralo. Son acusados de subversivos, tratados de terroristas e fortemente reprimidos. Diso vai 'Crónica córnica', a novela do portugués Francisco Coimbra que foi finalista do Xerais. O que acontece podería pasar en Cornualle, ou calquera outro país do mundo. Onde quen ten o poder non quere escoitar.

Os 537.400 habitantes de Kernow comezan a falar córnico, a súa lingua morta que non o estaba tanto, e o Estado británico interprétao como un desafía. Desta historia parte do libro. Por que? Por que escolliches Cornualle?
           
Certamente podería escoller outra comunidade. O libro ten unha cita de José Saramago como íncipid indicando que quizais outras palabras se teñan dito alén do espello, o que significa que Cornualle, e a crónica toda, funciona coma unha alegoría de calquera outra nación sen estado que estea dentro do contexto europeo. Decidín Cornualle porque coido que outros países e/ou linguas aparecerían dunha forma moito máis marcada polas propias historias no mundo real. No entanto, Cornualle era un lugar pequeno, non tan marcado no político e, asemade, constituía un espazo literario autónomo universalmente coñecido, conforme escribiu Méndez Ferrín uns días atrás na recensión que fixo da miña novela.

“Funciona coma unha alegoría de calquera outra nación sen estado que estea dentro do contexto europeo”

O resto da obra é coma unha hiperbólica (e por veces cómica, esperpéntica…) crítica da manipulación por parte do Estado e dos medios de comunicación da realidade dos pobos que, dalgún xeito, fan valer os seus dereitos lingüísticos. Ademais da defensa da diversidade lingüística e cultural, o obxectivo era este, sinalar esas actitudes xacobinas, intolerantes e, sobre todo, supremacistas, nas que caen moitos Estados aínda hoxe?

Coido que si. A novela fala da comunicación como feito social. Para que a comunicación aconteza é necesario a vontade do falante e dos ouvintes de se entenderen, cómpre un mínimo de humildade para escoitar e interpretar o que o noso interlocutor nos di. E no mundo en que vivimos paréceme que esa vontade nos falta en moitas ocasións. Vivimos unha violencia xorda e cotiá. Así, na crónica, a barreira non estaba tanto no feito dos insurrectos falaren en córnico senón na arrogancia que pechaba os ouvidos dos poderosos.

"Vivimos unha violencia xorda e cotiá"

Son un xeneral, o comisario… os que montan a estratexia represiva contra o pobo. Como se a raíña tivese un papel secundario. Ao principio, non todos os lores senten o que está a ocorrer como unha ameaza. Que representan o xeneral, o comisario…?

Os grupos reais non faltan e aparecen en ondadas; cando unha comunidade, grupo ou colectivo avanza cara a conquistar un dereito, eles reaccionan pois consideran ameazado o seu privilexio. Dentro da violencia sistémica á que facía referencia antes, os elementos e axentes ordénanse e especialízanse; o sistema ten os seus executores -forzas da orde habitualmente-, os seus ideólogos, os seus fiscalizadores e tamén os seus beneficiarios. Vede que a raíña e a coroa ocupan unha posición pasiva nun primeiro momento, cando fican agardando que os diferentes persoeiros tomen as decisións e fagan o que se espera deles pero as dúas asumen un papel máis activo cando iso devén necesario. En definitiva o comisario é un sabuxo do establishment que actúa impelido polo interese e os beneficios persoais que tamén lle proporciona satisfacer os mandatos dos seus superiores.

"Os grupos reais non faltan e aparecen en ondadas; cando unha comunidade, grupo ou colectivo avanza cara a conquistar un dereito, eles reaccionan pois consideran ameazado o seu privilexio"

Mr. Viswanathan é enviado polo Goberno para loitar contra o que se interpreta como sedición. Ao principio, el mesmo non entende nada. Pero vai aprendendo a virar o seu enfoque do asunto. De que xeito vai mudando este personaxe e por que?

Mr Viswanathan é un persoeiro do que pouco sabemos, é un observador e un mediador que só pasa á acción cara o final da novela. Salientaría simplemente a súa condición de estranxeiro e mais a historia nómade da súa familia, que habitou en diferentes lugares do Imperio británico até chegar ao corazón do mesmo, a Londres. Esa traxectoria persoal afástao da forma de enxergar dos seus colegas nos servizos de intelixencia. Tamén o misterioso persoeiro da xardineira vai condicionando a evolución do pensamento do axente secreto. Así e todo, non creo que el chegue a asumir unha posición declaradamente sediciosa.

As primeiras que recuperan o idioma son mulleres: a carteira, a xardineira… E por ningún motivo especial. Despois, o resto do pobo vai saíndo tamén do silencio. Como se produce ese proceso?

Malia ser o narrador desa crónica, debo confesar que non sei con toda certeza nin con todos os detalles como aconteceu o proceso de recuperación lingüística. Unha comunidade de máis de cincocentos mil membros pasou de (case) ter esquecido a súa lingua ancestral a recuperala e normalizala en todos os eidos. Sen dúbida as mulleres das diferentes profesións tiveron un papel moi relevante nese proceso pero tamén os pescadores, os libreiros e mesmo os alcaldes e os pallasos interviñeron. E a crónica explica que até a comunidade xorda participou. Nalgún punto da narración alguén di que non houbo unha única causa, unha única orixe ou un proceso unitario na recuperación do córnico senón que foi o resultado da confluencia das vontades desde cincocentos mil e tantos neofalantes.

O comisario entende que falar outra lingua que non sexa o inglés, tan importante, é estar contra a raíña, a monarquía, a lei, a liberdade de mercado, a propiedade privada e, en xeral, o sistema. En que Estados reais estaba pensando ao construír este personaxe? -O nacionalismo español, por exemplo, vese retratado-.

O nacionalismo español pode moi ben verse retratado e non só el. O modelo de estado nación unitario fíxose hexemónico en todo o mundo e anula outras posibilidades de organización comunal. Parece que a idea de unidade: unha lingua, unha identidade, unha cultura, un pobo -e até unha etnia ou unha relixión- son elementos rancios dun certo nacionalismo que, deica hoxe aparece en diferentes países do mundo -podemos observar algúns procesos electorais acontecidos nos últimos meses-. O medo ao diferente e a esixencia dunha necesaria pasteurización. Fronte a esa concepción debemos pensar outras formas de organización comunal liberadoras coma os estados plurinacionais ou a confederacións de pobos e países. O concepto de matria, que Castelao xa enunciaba en Sempre en Galiza, tamén pagaría a pena consideralo nesta reflexión.

"Debemos pensar outras formas de organización comunal liberadoras coma os estados plurinacionais ou a confederacións de pobos e países"
 

No libro, a prensa fai de voceira do Goberno e ninguén se preocupa de falar coa xente de Kernow para tentar comprender o seu punto de vista. Así, constrúese un relato totalmente falso da realidade, paralelo a ela, apoiado en boa medida no medo ao terrorismo. En que casos reais podería inspirarse este comportamento da prensa?

A democracia teoricamente garante a liberdade de prensa e o dereito á información. Nembargantes, sabemos que non é así, os medios de comunicación serven na maioría das veces como medios de incomunicación que desinforman para defenderen os intereses económicos e estratéxicos das oligarquías que os controlan. Un dos obxectivos deles é infundir temor, deixar o espectador ou lector en estado de choque. Os medios infunden medo.

"Os medios de comunicación serven na maioría das veces como medios de incomunicación"

Así, por exemplo, calquera que cuestione a orde estabelecida, recibirá o apelativo de terrorista coma Malcolm X, Frantz Fanon, Amilcar Cabral ou o propio Mandela nos anos sesenta, setenta e oitenta do século pasado. Todos eles foron considerados terroristas por denunciar os efectos perniciosos do colonialismo. Certamente, a novela tamén reflicte iso e a hemeroteca non perdoa. De calquera forma, non nego que existe un xornalismo feito en medios que non dependen (tanto) do poder económico ou que defenden a súa independencia para abordar os diferentes asuntos. Na novela a prensa é un personaxe máis que actúa en forma de titulares, portadas de xornais, opinadores profesionais, presentadores de programas, entrevistas, reporteiros etc.

Nese sentido, a novela fai pensar tamén nas distopías clásicas -Orwell, etc-, aínda que se sitúe máis ben no presente. Na contraportada da novela cítase a Saramago… Que relación pode ter con estes autores?

O feito da miña novela ser comparada con algunhas obras de Orwell, ou con outros escritores que imaxinaron realidades utópicas e distópicas, é un grande eloxio pero non creo que poida gabarme diso. A crónica parte dun evento moi específico e excepcional que desencadea un conxunto de consecuencias. As referencias a Saramago son constantes, e conscientes, ao longo do libro sen que, na miña opinión, sexa feita unha simple relectura dos mesmos. Con Saramago compartillo a confianza, a fiúza que o narrador ten nos seus persoeiros que se unen para se tornaren un colectivo.

"Vivimos tempos distópicos en un mundo que asume a desigualdade -cultural, política, económica, lingüística- como alicerce de todo o sistema"

Vivimos tempos distópicos en un mundo que asume a desigualdade -cultural, política, económica, lingüística- como alicerce de todo o sistema. Nese contexto, é lóxico que as persoas se xunten, discutan e decidan erguerse e loitar xuntas, son mareas cidadáns coma as que vimos no movemento 15M, nas revoltas dos traballadores ou dos indíxenas da América Latina, ou no movemento Nuit debout máis recentemente. O roman philosofique ou novela filosófica, como xénero literario, imaxina un horizonte no cal algo que no noso actual parece imposible nesa ficción é real e presente. Neste sentido, a Crónica Córnica inscríbese dentro da mencionada tradición.

Despois, a “rebelión” esténdese aos outros pobos británicos con linguas celtas. Tamén hai galegos polo medio. E algo se conta na novela da historia, e da mitoloxía, das linguas celtas. Mais tampouco parece que a documentación importase tanto, -importa máis a ficción-. Mais, como foi ese proceso de documentación?

A narración fixo necesario fornecer ás lectoras e lectores algunhas coordenadas básicas do contexto lingüístico, cultural, histórico, étnico e literario que se describía. Así, hai partes na novela que adoptan un discurso máis enciclopédico, coma se o narrador e o lector fosen consultar xuntos unha fonte de documentación, un artigo científico, un ensaio ou mesmo a Wikipedia; facendo así un inciso na narración.

Hai tamén outros momentos en que a obra funciona coma unha pequena guía de conversa galego/córnico e frases básicas (por exemplo, “bo día” ou “moitas grazas”) aparecen espelladas nos dous idiomas a continuación unha da outra. O meu obxectivo era incorporar esa diversidade de discursos para traer a discusión sobre lingua, identidade, sociedade e poder para a narración saíndo dos moldes do ensaio onde, habitualmente, se dá ese debate. En todo caso, se alguén quer facer unha primeira aproximación ás linguas célticas, recomendaríalle a lectura do capítulo que a elas dedica a profesora da Universidade de Rennes, Roazhon en bretón, Henriette Walter no seu libro L’aventure des langues en occident -hai tradución ao castelán-.

Ao mesmo tempo, o libro non se basea en razoamentos esencialistas e teleolóxicos. É a vontade da comunidade, de ser pobo, o motor de todo. Querías subliñar esta idea? Como se liga coa relevancia de escoller, construír, unha identidade cultural, da que tamén fala o narrador?

Exactamente, a crónica non parte dun elemento existencial ou teolóxico e, segundo o meu punto de vista, iso fai que a narración sexa máis críbel. Pártese da decisión colectiva tomada, non sabemos se tacitamente, de constituír unha como comunidade. Esas cincocentas mil persoas usan a memoria e a historia para fundar uns alicerces que permitan construír un futuro común. Nese sentido, a causa nacional e a causa social camiñan de mans dadas.

"A causa nacional e a causa social camiñan de mans dadas"

A nosa mudanza, explica un pallaso, repousa en deixar de “pensarnos como periferia, como subalternos, como cativos que deben ser gobernados, educados, civilizados”... Que é a esencia de todo pensamento de “independencia e liberdade”. Os habitantes de Cornualle non tiñan, en principio, un afán “subversivo”. Mais isto vóltase así, precisamente, pola teima do Estado en non escoitar. E porque cando un Estado pensa unha parte do seu territorio como periferia á que civilizar, calquera reivindicación lingüística ou cultural tórnase subversiva. É, dalgunha maneira, esa a idea de fondo do libro?

Esa non é a idea motora do texto, a tese da novela, senón o xogo de causa e efecto, a relación entre dúas forzas que se repelen que xustifican a acción e organizan os eventos. 

Todo a historia é hiperbólica, todo está levado ao extremo. Na realidade non é así. Mais, escolles precisamente unha suposta “democracia” como executora dunha brutal represión -suspensión de dereitos e liberdades, asasinatos e detencións arbitrarias…-, precisamente por ser unha democracia europea? Non pode haber un perigo de que, precisamente por ser levado todo tanto ao esperpento, a historia resulte menos crible?

Coido que non, vivimos nun mundo tan absurdo canto o que eu describo -ou aínda máis-. Por exemplo, a historia do signo que se narra no Capítulo X acontecía cen anos atrás en varias nacións de Europa -coma Gales, Bretaña ou Occitania- e algunhas das medidas recollidas na Join Act que le o voceiro do goberno foron extraídas de documentos reais das guerras que a ONU emprendeu no comezo do século XXI. Principiei a escribir a crónica en abril de 2011, estando no Brasil, e poucas semanas despois descubrín que as prazas de moitas cidades do estado español estaban cheas de xente que berraba “non somos mercancía nas mans de banqueiros e políticos”.

Iso si era excepcional e impensábel! Nos anos seguintes case tiven que correr atrás dos acontecementos do mundo real: o aumento da violencia estatal, as mareas cidadáns, o proceso de independencia da Cataluña, ou, en clave europea, o referendo da Escocia, o corralito de Chipre e até mesmo o Brexit. Tamén nestes mesmos anos, o Reino Unido recoñeceu Cornualle, Kernow, na súa condición de minoría nacional. Por iso, debería dicir case o contrario, ás veces, tiven que edulcorar, descafeinar algunha referencia extraída do mundo real e actual para a crónica non parecese demasiado fantasiosa e perdese a coherencia da narración. En todo caso, xulgo que o libro está profundamente impregnado de realidade.

"Tamén nestes mesmos anos, o Reino Unido recoñeceu Cornualle, Kernow, na súa condición de minoría nacional"


"De nada servirá", dise ao final, "pechar as fronteiras, bloquear os países por terra, mar e aire; os bárbaros entrarán nas nosas casas sen remisión porque os bárbaros somos nós". Serve un pouco como conclusión do libro?

Alédame moito que me fagas esa pregunta pois o parágrafo onde aparece esa frase condensa o pensamento e a reflexión que dan alma a toda a crónica. Dese xeito, non é a conclusión senón a tese do libro.

Toda a historia é contada por un narrador, un cronista, que relata o que acontece e introduce os diálogos no seu propio relato. Por que?

O cronista é unha especie de mediador que vai pasando a palabra para os diferentes persoeiros: humanos, animais, espellos, chaves, xornais, xoias, estatuas etc. E. dese modo, o cronista vai tecendo unha narración polifónica. Aparecen tamén as voces de lectoras e lectores que comentan os feitos ou os valoran dende diferentes posicións ideolóxicas. A miña idea foi en todo momento construír unha novela non para o público senón co público, ir tecendo a trama coa axuda dos lectores que serán, en última instancia, os que a interpreten.

Por último, só que nos fales un pouco de ti e da túa relación con Galicia, e de por que escribes un libro en galego e o mandas ao premio Xerais.

A miña relación con Galicia, coa súa xente e coa súa lingua, é persoal, afectiva e tamén académica -son profesor de lingüística e filoloxía románica-. A novela naceu en galego e en momento ningún pensei que puidese tomar forma noutra lingua, sen descartar por iso posíbeis traducións futuras, claro está. A chamada Galicia exterior é tan presente e real coma a Galicia xeográfica, o meu libro é fillo desa Galicia exterior, dese país vivido dende lonxe. Escribín o romance no exilio da miña xeración que foi obrigada a marchar, sacrificada mansamente no decorrer da crise e na pésima xestión que os gobernos do sur da Europa fixeron.

Nese contexto, dificilmente podía imaxinar eu -cando escribía nas horas vagas que o meu traballo e a miña vida persoal me deixaban- que esa narración chegase a organizarse na forma coherente que esixe unha novela, aínda menos que puidese publicala en calquera editorial, moito menos que esa editorial fose unha das grandes, como é Xerais, e que saíse publicada como Finalista do Premio Xerais 2016. Porén, foi iso o que aconteceu, vemos así que feitos estraños e hiperbólicos poden acontecer, como que unha comunidade se erga falando unha lingua esquecida ou que un estranxeiro escriba no exilio un libro sobre a mesma. Nese camiño foran, sen dúbida, moi importantes as voces que me alentaron no proceso e principalmente a dun grande amigo, Denis Vicente, que daquela era lector de galego na Universidade Estadual do Rio de Janeiro e agora é profesor de lingua e literatura no IES A Sagriña.

"Feitos estraños e hiperbólicos poden acontecer, como que unha comunidade se erga falando unha lingua esquecida ou que un estranxeiro escriba no exilio un libro sobre a mesma"

Algo máis que queiras dicir do libro?

Gustaríame comentar que o papel da creatividade lingüística que atravesa as páxinas da crónica. Unha polifonía de voces, discursos, rexistros, narradores e linguas. En ocasións procurei voces dialectais, rexistros orais ou proverbios e refráns; algunhas veces, asumín un discurso técnico e outras tratei de aproximar a narración ao xénero épico para evocar feitos antigos. No libro aparecen palabras, frases o fragmentos máis ou menos breves escritos en latín, córnico, galés, bretón, inglés, portugués, francés, anglonormando, italiano e irlandés; hai referencias a Shakespeare e a Dante.

"Desde o meu punto de vista, unha das misións da literatura debe ser a de activar as potencialidades da lingua"

Tamén criei un neoloxismo: examirar que sería ollar, observar e xulgar alguén ou algo ao mesmo tempo, mestura de mirar e examinar, unha acción que todos nós temos feito algunha vez. A diversidade de voces que a crónica capta non é un mero enfeite pois ten unha función dentro da narración: organiza os feitos e fai avanzar a acción. Desde o meu punto de vista, unha das misións da literatura debe ser a de activar as potencialidades da lingua. Os lectores e as lectoras xulgarán se a Crónica Córnica atinxiu  este albo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.