0 Gardados para despois

O barrio de Sar recupera a súa memoria a través de fotografías

Redacción | @prazapublica

O Espazo Veciñal de Sar leva dous meses traballando na recollida e dixitalización de fotografías antigas desta zona de Compostela. De momento, fíxose con máis de 400 imaxes cedidas pola veciñanza, relacionadas coa vida cotiá do barrio no último século e coa propia evolución urbanística da contorna. O obxectivo final é a organización dunha exposición fotográfica con todas elas, así coma outro tipo de publicacións.

Esta semana a entidade veciñal comezará unha nova campaña de recolla, que manterá o funcionamento da anterior, procurando a máxima comodidade e seguridades para as persoas que queiran ceder as súas imaxes para este repositorio colectivo. Os bares do barrio volverán ser o lugar de recollida deste material. Alí, o equipo do Espazo Veciñal  de Sar levará un escáner e un ordenador e nuns instantes dixitalizará as fotografías, devolvéndollas de inmediatos aos seus propietarios e propietarias.

O calendario fixado para as vindeiras semanas é o seguinte, sempre en horario de 20 a 21.30: Luns 12 de decembro no bar Teré (Angrois). Martes 13 de decembro no bar O Carro (rúa Sandino). Martes 13 de decembro no bar Rincón do Gaiás (Travesía da Ponte de Sar). Xoves 15 de decembro no bar Da-Ca (Belvís). Luns 19 de decembro no bar Recobio (Cruceiro de Sar). Xoves 22 de decembro no Restautante Quitapenas (rúa de Sar). Venres 23 de decembro no bar Domínguez (rúa de Sar). Tamén ofrecen un e-mail de contacto (espazosar@gmail.com) para as persoas que non poidan achegarse a estes lugares nas datas fixadas.

O Espazo Veciñal de Sar creouse co obxectivo de revitalizar este barrio compostelán. Nos últimos meses levou a cabo distintas actividades, coma a realización dun Ciclo de Cinema de Verán ou a organización dun obradoiro de masaxe infantil para nais e pais con crianzas de 0-6 meses no Centro Sociocultural.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.