Unha concentración protestará este luns contra o peche de Sargadelos Ferrol

A galería acollía un gran número de actos culturais © Galería Sargadelos Ferrol

O pasado mércores, o equipo responsable da xestión da Galería Sargadelos en Ferrol anunciaba a través dun comunicado o peche do local, que mantivo unha intensa actividade na cidade durante os últimos 26 anos. Aludían ao incumprimento por para de Fábrica de Cerámicas do Castro S.L. e de Fábrica de Cerámica de Sargadelos S.L do contrato asinado con eles en 2012 pola "non aplicación das condicións comerciais pactadas", o "incumprimento da súa obriga de respectar a zona de exclusividade", "competencia desleal", eivas "no subministro dos pedidos efectuados" e, ademais, o "desprezo absoluto pola actividade cultural da Galería, un dos principais motivos para Isaac Díaz Pardo na potenciación de produtos Sargadelos", acusando as dúas empresas de deixar o legado de Díaz Pardo "totalmente diluído" e "sen futuro para Sargadelos".

De inmediato comezaron a sucederse na cidade as mostras de ánimo e recoñecemento para os xestores da galería, subliñando a importancia que o local ten para a vida cultural ferrolá, como espazo de difusión e dinamizador de iniciativas locais. Colectivos artísticos, profesionais da cultura e cidadáns a título individual están a preparar un manifesto e, igualmente, entidades coma o Ateneo ou Toxos e Froles manifestaron o seu apoio aos traballadores e traballadoras e pediron a continuidade do contedor cultural. Así mesmo, o alcalde Jorge Suárez púxose "a disposición" do persoal e dos actuais xestores do espazo para colaborar dende o Goberno local para a procura dunha solución.

Este luns convocouse unha concentración (ás 19.30 horas, diante da propia sede da galería: Rúa Rubalcava, 32) para protestar contra o peche e pedir a súa continuidade. O acto, en réxime de autoconvocatoria, está impulsado pola Asociación Veciñal O Rosario Inferniño e xa recibiu o apoio de numerosas entidades sociais e culturais. A asociación esíxelle aos responsables da empresa "reflexión" e "rectificación" e pídelles a Concello e Xunta de Galicia que interveñan para evitar o peche. 

A entidade veciñal subliña que "o movemento asociativo e cultural estivo ao abeiro de Sargadelos, facendo uso de súas instalacións co obxecto de reivindicar a nosa cultura e nosas reivindicacións sociais" e engade que "o legado cultural do galeguista Isaac Díaz Pardo nesta galería representa algo máis cunha simple empresa comercial".

 

A galería acollía un gran número de actos culturais © Galería Sargadelos Ferrol
Situada no centro da cidade, era un dos indiscutibles centros da cultura local © Galería Sargadelos Ferrol
Pezas de Sargadelos na antiga galería de Ferrol © Galería Sargadelos Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.