0 Gardados para despois

Publícase 'De catro a catro' no formato de caderno contable no que Manuel Antonio escribiu

Redacción | @prazapublica

De catro a catro, subtitulado Follas sin data d'un diario d'abordo foi o único poemario publicado por Manuel Antonio en vida. Os seus 19 poemas foron escritos polo rianxeiro nos anos 1926 e 1927 mentres estivo embarcado no pailebote Constantino Candeira, que navegaba polas augas do Mediterráneo. De catro a catro é un dos libros de poesía galega máis relevantes de todos os tempos e está considerado coma unha das cimas universais da poesía vangardista, e nel percíbense as influencias de Vicente Huidobro ou Pierre Reverdy.

Unha das moitas particularidades da obra é que foi escrita orixinalmente nun caderno contable que Manuel Antonio levaba con el. Vén de publicarse estes días unha edición facsimilar moi especial do poemario, que respecta mesmo ese formato orixinal de caderno de contas con tapa dura. O deseño da capa é a reprodución exacta do caderno orixinal, protexida nesta edición facsimilar por unha sobrecuberta.

A publicación, que inclúe a transcrición do texto coa identificación das súas variantes sobre a edición que Ánxel Casal publicou en Edicións Nós en 1928, e a reprodución de varias fotografías e ilustracións moi pouco divulgadas ata hoxe, é responsabilidade de Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago, en colaboración coa USC. O catedrático de Filoloxía da USC Anxo Tarrío Varela é o responsable da transcrición do texto e do coidado da edición (neste enlace pode verse unha mostra). Alvarellos Editora subliña que se trata "dun dos manuscritos inéditos máis agardados da literatura galega".

A procura do "novo", o traballo intelectual por parte do lector, a ruptura da lóxica e a supresión da secuencia espazo-temporal son elementos definidos por Epstein e que Manuel Antonio soubo incorporar no seu traballo. De catro a catro mostra igualmente un proceso de traballo da linguaxe excepcional: a capacidade por incorporar o léxico mariñeiro -mesmo dialectal- a un discurso onde, ao tempo, figuran anglicismos, xermanismos... a presenza dunha linguaxe técnica, inusual na arte poética, dan boa medida do afán de preocupación formal por parte de Manuel Antonio. A obra será presentada en público nun acto que o Consorcio de Santiago organizará a comezos do 2017.

 

Vídeo-mostra do interior do libro

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.