"Hai tempo que o lector en galego xa non é o 'lector militante', e esa é unha moi boa nova"

Víctor Freixanes abandona a dirección, que pasa a ser responsabilidade de Francisco Castro © Editorial Galaxia

Este luns Galaxia nomeou a Francisco Castro novo director xeral da editora, en substitución de Víctor Freixanes, que ocupou esa responsabilidade nos últimos 14 anos e que continuará na empresa como conselleiro, director da revista GRIAL (compartida con Henrique Monteagudo) e presidente da Fundación Otero Pedrayo.

Castro, licenciado en Filosofía, é autor de títulos como Spam, O segredo de Marco Polo, Tes ata as 10 ou Amor é unha palabra como outra calquera, que lle valeron recoñecementos coma o Lueiro Rey, o Modesto Figueiredo de narracións breves, o Blanco Amor ou o Manuel García Barros. Comezou a traballar en Galaxia en 2008, como responsable das estratexias de comunicación e creación de novos proxectos, exposicións e actividades culturais, centrándose nos últimos anos na edición para o lectorado máis novo.

O relevo xeracional que supón a entrada de Francisco Castro (Vigo, 1966) busca afondar consolidar a aposta da editorial polos novos formatos e a procura de novos lectores e lectoras para a literatura e o ensaio galegos. O propio Consello de Administración sinalou que o nomeamento "pretende continuar co espírito co que naceu o proxecto en 1950 e, ao mesmo tempo, abrir unha etapa de renovación marcada polos novos tempos e desafíos editoriais".

"Galaxia non é simplemente unha editorial e unha empresa: é tamén unha institución e un dos símbolos importantes do noso país"

Como recibiches a noticia? Máis alegría e orgullo ou tamén unha pinga de sensación de responsabilidade ante o nomeamento, tendo en conta que Galaxia é unha empresa, pero é tamén unha institución da cultura galega?

Recibín a noticia, primeiro, cunha enorme alegría, porque é unha honra que pensasen en min para que me puxese á fronte deste proxecto. Con orgullo, tamén. Galaxia non é simplemente unha editorial e unha empresa: é tamén unha institución e un dos símbolos importantes do noso país. Para calquera editor profesional, e máis no meu caso como editor formado na casa, isto é unha gran responsabilidade.

"É certo que o mundo da cultura o está a pasar mal. Pero vivo este momento como unha oportunidade: estamos nun momento de mudanza e estamos nun horizonte dixital que cada vez ofrece máis posibilidades"

O mundo editorial leva tempo en transformación: novos formatos e soportes e tamén unha certa reformulación do seu modelo de negocio. Cales son os retos inmediatos que ten Galaxia?

O reto é dobre. Por unha banda é certo que o mundo da cultura o está a pasar mal, pois a cultura é un dos grandes damnificados pola crise. Pero ao mesmo tempo eu vivo este momento como unha oportunidade: estamos nun momento de mudanza e estamos nun horizonte dixital que cada vez ofrece máis posibilidades. Por unha banda, hai que afianzar a saúde económica da empresa, pero ao mesmo tempo hai que abordar os novos formatos, novas liñas de colección. Por unha banda hai que coidar ao actual lectorado en galego, para que siga fiel a nós, pero ao tempo hai que insistir moito no traballo que levamos anos facendo co lectorado infantil e xuvenil. Imos ter futuro se hai lectores e lectoras dende pequenos e pequenas.

"A facturación do libro dixital non chega ao 2% do total. Hai moito ruído, pero aínda non hai un mercado claro. E mentres iso non suceda dubido moito que as editoriais galegas construamos iso como algo estratéxico"

Os soportes van mudando e tamén os hábitos de lectores e lectoras. Cal é o espazo do papel e cal o dos formatos dixitais?

É importante aquí botar man da realidade financeira: unha cousa é como soñamos o futuro e outra é como se comporta o presente. No sector cultural de calquera país e de maneira máis acusada en Galicia a facturación do libro dixital non chega ao 2% da facturación total. Hai moito ruído, pero aínda non hai un mercado claro. E mentres iso non suceda dubido moito que as editoriais galegas construamos iso como algo estratéxico. Dito isto, é un mundo no que xa estamos: temos máis de 200 títulos en formato electrónico e a esperanza é que nun prazo razoable esteamos editando ao mesmo tempo en papel e en formato electrónico.

"Igual que dicimos que haberá futuro para o galego como lingua se os que non son galegofalantes de nacemento deciden incorporarse, nós temos que tentar chegar a moitos máis lectores e lectoras que os que xa len na actualidade en galego"

Como pode chegar Galaxia a novos lectores e lectoras, tanto á mocidade á que xa fixeches referencia coma a aquel público adulto que non é lector ou comprador de libro galego?

Hai moito tempo que o lector en galego xa non é o lector militante, e esa é unha moi boa nova. Quizais nos anos 80 podíase dicir que unha boa parte de lectores e lectoras en lingua galega lían por militancia, por fortuna hoxe xa non é así. Cada vez máis lese pola calidade obxectiva da literatura galega. Igual que dicimos que haberá futuro para o galego como lingua se os e as que non son galegofalantes de nacemento deciden incorporarse, nós temos que tentar chegar a moitos máis lectores e lectoras que os que xa len na actualidade en galego. Temos que conseguir convencer á sociedade de que a literatura galega é dunha altísima calidade. De que é importante ler boa literatura e que, ademais, resulta que está en galego.

 

Francisco Castro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.