0 Gardados para despois

Dionisio Pereira: “O sufrimento dos rifeños na súa guerra de liberación nacional foi totalmente esquecido”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"Se ben os cronistas galegos elaboraron un discurso de seu, tomando distancias so supremacismo hispano, aquel ficou a medio camiño na construción dun imaxinario anticolonial que posibilitase o encontro galaico-rifeño cimentado na magoada experiencia humana compartida e no mutuo (re)coñecemento das propias culturas en perigo de asimilación". Así remata o historiador Dionisio Pereira o seu último libro, Galegos nas guerras do Rif. Paisaxe bélica e imaxinario anticolonial (1860-1927), que vén de ser editado na serie de monografías da revista Murguía.

Levas xa uns anos vivindo en Marrocos. Supoño que foi ao vivir aí cando empezaches co tema dos galegos na guerra do Rif…

Si, decidín compartir coa miña compañeira a súa estancia alí. Antes xa coñeciamos o país porque viaxaramos varias veces por Marrocos. Pero cando comezamos a vivir no Rif decateime de que era un Marrocos moi distinto. Souben tamén das crónicas de Ben-Cho-Shey e comecei a tentar ver aquela dura e ao mesmo tempo fermosa paisaxe rifeña cos ollos dos galegos que estiveron alí durante a guerra. Nunhas condicións, claro, moi distintas ás miñas, mais esa foi a orixe do libro.

Comezas analizando tres obras de ficción da narrativa española: ‘El Blocao’ de José Díaz Fernández, ‘Imán’ de Ramón J. Sender e ‘La Forja de un Rebelde’ de Arturo Barea. Novelas antibelicistas, pero non anticoloniais.

Son tres obras, si, a primeira son relatos e a segunda e a terceira novelas. ‘La Forja de un Rebelde’ e ‘Imán’ son grandes novelas, escritas cun talante progresista, na liña do cambio social que agromara na Segunda República. Mais, ao facerlles unha lectura crítica, decátaste de dúas grandes eivas. Por unha banda, a consideración periférica, -en segundo plano-, da poboación rifeña, que foi protagonista da revolta social contra a asimilación por parte do colonialismo mais que aparece só como unha torba sombra nunha contorna hostil.

"A poboación rifeña foi protagonista da revolta social contra a asimilación por parte do colonialismo mais aparece só como unha sombra nunha contorna hostil"

Por outra banda, a ausencia das identidades complexas que conviven e son invisibilizadas ou reprimidas nun exército español no que se impoñía un idioma, unha relixión... Os españois aparecen só como o “soldado español”. Pois o que eu fago neste libro é analizar o discurso dos soldados-escritores galegos e ver se nos seus escritos perviven estas eivas.

Non hai cifras fiables, mais parece que foron moitos os soldados galegos no Rif…

Non hai cifras de nada, tampouco de soldados españois. Foron catro guerras. 70 anos de conflito. Hai cálculos que din que pasaron por alí uns 350 ou 400.000 soldados españois. Pero son cifras só indicativas, non contrastadas. Hai autores que tentaron calcular tamén a cifra de mortos.

A respecto diso, hai que ter en conta que morreu unha parte moi importante da poboación rifeña: unha oitava parte, segundo un cálculo realizado para as baixas de entre 1911 e 1927. Volvendo ao lado español, fálase de que puideron morrer uns oito mil ou dez mil galegos, que me parece excesivo, pero pode ser indicativo de que presenza galega no Rif era masiva. Houbo moitos galegos nas guerras e despois, no Protectorado.

"Morreu unha parte moi importante da poboación rifeña: unha oitava parte, segundo un cálculo"

É moi importante a memoria oral. Tiveches oportunidade de falar disto con moita xente en Marrocos?

Hai un apartado do libro no que reivindico o protagonismo do pobo rifeño fronte á visión periférica na que o deixou a literatura española. Pero case poderiamos dicir o mesmo da historiografía. Os rifeños, que se rebelaron contra o poder colonial, son os que sufriron máis. No libro falo, por exemplo, das violacións masivas que sufriron as mulleres rifeñas ou da guerra química.

Mais ocorre que no Rif non existe historiografía destes acontecementos ata os anos 90, que empezan a aparecer estudos en árabe e en francés. Mais fronte a esa falta de textos hai unha tradición oral moi potente, e eu introduzo no libro varios testemuños nese sentido. A min dáme mesmo envexa que a xente do común teña tanta consciencia da súa historia. Tamén os Izran, que son cantos, sobre todo, de mulleres, que falan da súa intimidade, gardan a memoria do que os rifeños sufriron nese período.

Foi, ademais, unha guerra extremadamente violenta na que os soldados españois fixeron auténticas animaladas.

Si, Balfour explica en ‘Abrazo mortal. De la guerra colonial a la Guerra Civil en España y Marruecos’ que a Guerra Civil non se entendería sen as guerras de África e sen o corpo africanista dentro do exército español. 70 anos de contenda na que se foi creando a metodoloxía que despois se aplicou na Guerra Civil. Auténticas barbaridades, como certo tipo de mutilacións… Foi terrible, si.

Falando de S. Balfour, comentas que a partir de só dúas fontes xa conclúe que o soldado galego era submiso e resignado. O cal se contradi co feito das desercións masivas, por exemplo.

O libro de Balfour é unha grande obra que para min foi moi esclarecedora. Iso é o primeiro. Mais é verdade que reproduce os estereotipos dominantes no Estado español sobre os galegos: dóciles, apolíticos, unha sociedade sen forza na que case non hai conflitividade e loita… E hai unha parte da sociedade que podía ser así, pero tamén hai un movemento de base refractario ás quintas, que chega a que haxa un 40% de prófugos e desertores na guerra do Rif.

"Chegou a haber un 40% de prófugos e desertores galegos na guerra do Rif"

Non podemos dicir que fosen contrarios ao exército español como elemento de nacionalización española, non quero dicir que fose en todos os casos un rexeitamento politizado pero, por diversos motivos, non querían ir á guerra. E iso é un indicador de desafección de boa parte da poboación galega cara a unha institución española como o exército.

"Houbo diversas mobilizacións cidadás contra a guerra, nunha sociedade cunha burguesía liberal cunha conciencia crítica sobre a guerra e cun galeguismo cada vez máis político"

No libro o que fago é analizar o discurso de varios soldados galegos, que xa antes de ir á guerra eran críticos con ela. Valentín Paz Andrade, Ben-Cho-Shey e Manuel Mesejo Campos eran antimilitaristas, e non é casualidade. Houbo diversas mobilizacións cidadás contra a guerra, nunha sociedade cunha burguesía liberal cunha conciencia crítica sobre a guerra e cun galeguismo cada vez máis político, que dá lugar a unha nacionalización galega que se contrapón á española.

Ademais, a resistencia ás levas en Galiza fora forte xa desde moito tempo atrás na historia…

Si, antes de que se implantase o servizo militar obrigatorio as levas xa eran complicadas. Sobre o século XIX, hai estudos que indican que en Cataluña o que facían moitas veces era pagar por non ir á guerra ou pagarlle a outra persoa para que fose no sitio da persoa chamada. Pero en Galiza optaron máis ben pola inmigración ilegal para non ir á guerra.

Rafael Dieste e Otero Espasandín son dous exemplos de galegos que foron enviados a esa guerra. E, tal como salientas no libro, case non falaron do tema despois. Seguramente porque supuxera unha contradición brutal cos seus principios.

Niso hai unha cuestión obxectiva, que é que Dieste e Espasandín, que ademais tiveron que estar nun lugar tremendamente árido, durísimo para vivir aínda hoxe, case non teñen produción literaria na que reflictan a súa experiencia alí. Iso xa chama a atención. A partir dese feito eu formulo unha hipótese que podo deducir das cartas de Dieste con Manuel Antonio.

O que ocorre é que houbo xente cuns valores universais liberadores que se viu obrigada a participar naquela guerra brutal, sometida a unha disciplina irracional e a unhas dinámicas embrutecedoras. A este respecto, é significativo por exemplo que Ben-Cho-Shey, que era unha persoa antibelicista que enxergou un certo discurso anticolonial, chegase a xustificar que lapidasen a dous rifeños acusados de dar información ao inimigo.

"Os de Dieste e Espasandín seguramente foron silencios magoados. Preferirían non falar"

Por iso digo que os de Dieste e Espasandín seguramente foron silencios magoados. Preferirían non falar. Manuel Antonio dille, de feito, a Dieste nunha carta que debería ou desertar ou loitar ao lado de Abd el-Krim. Despois diso, Dieste deixa de escribirlle. Reacciona co silencio. Tivo que ser terrible para eles.

E máis polo que falabamos antes. Foi unha guerra especialmente violenta. Terían que ver e facer cousas terribles.

Si, ademais que cando se fala da guerra do Rif lémbrase o sufrimento dos soldados españois, pero non o do pobo rifeño. Claro que, cando collían un soldado español, non o tratarían con delicadeza. Mais hai estudos que explican como os prisioneiros españois sufriron a mesma sorte que os seus captores: os avións atacándoos…

"Aínda hoxe, se consultas en internet, de 10 páxinas web que poden saírche sobre a guerra do Rif, 9 falaranche do heroísmo e sufrimento dos soldados españois"

Aínda hoxe, se consultas en internet, de 10 páxinas web que poden saírche sobre a guerra do Rif, 9 falaranche do heroísmo e sufrimento dos soldados españois. O sufrimento dos rifeños na súa guerra de liberación nacional non existe, foi totalmente esquecido. E non foi só en África. Na guerra de Cuba o exército español aínda foi máis eficaz: eliminaron un sétimo da poboación. A historia do exército colonial español é moi brutal e pouco coñecida. A violencia do exército colonial español aínda está por estudar.

"A violencia do exército colonial español aínda está por estudar"

A incorporación do discurso anticolonial ao nacionalismo galego é posterior, claro, dos anos 60. Por iso comentas que a crítica á guerra por parte do nacionalismo, que se estaba formando, non ía por aí. Para Risco, por exemplo, era cousa de españois. O mesmo que para Acción Catalana. Non era así para os vascos Aberri, cun discurso xa antiimperialista e que se esforzaba por entender un pouco o mundo musulmán.

A posición do protonacionalismo galego é moi distante con respecto a este tema, que nin se trata ata despois do desastre de Annual. Porque, claro, foron 10.000 ou 12.000 soldados europeos mortos, e non en condicións gloriosas, porque morren fuxindo. Entón, xa non había máis remedio que dicir algo. Mais a cuestión é que, nese discurso protonacionalista, estaba moi interiorizado o imaxinario colonial español: a crenza na superioridade civilizatoria española…

"Nese discurso protonacionalista, estaba moi interiorizado o imaxinario colonial español: a crenza na superioridade civilizatoria española…"

Eran minoría os que tiñan un discurso anticolonial, que está en Ramón Vilar Ponte e no seu irmán e en poucos máis. O nacionalismo galego daquela era moi feble aínda. Mais é que en todos os nacionalismos periféricos da época é forte a pegada do discurso binario que opón sociedades avanzadas e atrasadas. Agás Aberri e unha minoría da esquerda catalá, que como diciamos si eran claramante anticoloniais.

"Mais é que en todos os nacionalismos periféricos da época é forte a pegada do discurso binario que opón sociedades avanzadas e atrasadas"

Como o era Manuel Antonio, que foi un adiantado niso e noutras cousas. Pero, polo demais, como dicías, o discurso anticolonial non se asume no nacionalismo galego ata os 60, polo que no tempo do que falamos non se ve nos rifeños un pobo que loita pola súa liberación nacional co que puidese identificarse a loita nacional galega.

"No tempo do que falamos non se ve nos rifeños un pobo que loita pola súa liberación nacional co que puidese identificarse a loita nacional galega"

E Castelao? Detectas no seu discurso antimilitarismo, pero tampouco con grandes fonduras anticoloniais.

Podería repetir o que acabo de dicir. O que si é verdade é que a guerra de África está bastante presente nos seus deseños, polo que é un tema que o preocupou. En Manuel Antonio, porén, na súa prosa, que é pouco coñecida, vemos unha preocupación moi grande sobre isto cun discurso moi claro. Para el, os rifeños non son o Outro, son o eu. É un precursor.

"Para Manuel Antonio os rifeños non son o Outro, son o eu. É un precursor"

E Paz Andrade? Impresionábao a paisaxe pero vía aos seus habitantes como bárbaros.

Paz Andrade é o que menos tempo estivo alí e marchou en canto puido coa axuda dun amigo. A nivel literario, os seus textos sobre a guerra do Rif poden ser os mellores. Aínda que os de Ben-Cho-Shey tamén son literariamente moi modernos. Mais o que si hai nos textos de Paz Andrade é un descubrimento de Galicia en todas partes, no que ve. Ten unha postura claramente antimilitarista tamén. E o xornal ‘Galicia’ foi o máis belixerante contra a guerra de África. Así lle foi. Iso hai que recoñecerllo.

"Mais o que si hai nos textos de Paz Andrade é un descubrimento de Galicia en todas partes, no que ve"

En Ben-Cho-Shey, segundo subliñas no libro, despunta certo discurso anticolonial, pero con contradicións. Di estar máis perto do mouro que do ibero. Pero distingue, digamos, entre o rifeño “bo”, que colabora cos españois, e o “salvaxe”. Tampouco ve un pobo que non quere ser asimilado.

É verdade, pero hai que contextualizar o que di, e temos que tentar poñernos no seu lugar. El é, dos tres, o que máis sufriu a guerra. A súa primeira crónica escribiuna rodeado de cadáveres. Tamén era o máis convencido galeguista dos tres -de entre el, Paz Andrade e Manuel Mesejo- xa antes de ir á guerra. El fundara a Irmandade ourensá. E enxergara unha certa identificación coa cuestión anticolonial.

"Ben-Cho-Shey escribiu súa primeira crónica rodeado de cadáveres"

Pero pensa na súa situación: estaba alí en primeira liña e podía ser apresado, torturado e asasinado polos combatentes rifeños. Toma partido por uns e non por outros neste contexto. O que si mostra é que tiña un grande compañeirismo, unha grande identificación cos compañeiros galegos e sobre todo ourensáns.

A conclusión é que Paz Andrade, Ben-Cho-Shey e Mesejo contribúen cos seus escritos á nacionalización galega pero, malia a súa postura antimilitarista, non superan os mecanismos de construción do Outro do colonialismo español. Non ven, nos seus escritos desa época, o pobo rifeño como suxeito dunha loita pola liberación nacional.

Si. E a Mesejo, que é o menos coñecido, non debemos esquecelo. Era un home de gran sensibilidade que tamén sufriu moito, que tamén participa dese descubrimento de Galicia e da identidade galega no Rif. E ademais arríscase moito cos seus escritos, porque os publica coa ditadura de Primo de Rivera comezada.

"En realidade, os tres arríscanse moito ao escribir estando no exército"

En realidade, os tres arríscanse moito ao escribir estando no exército. Por iso o dos seudónimos. A súa postura co colonialismo foi vacilante, pero tampouco había un substrato ideolóxico no que puidesen apoiarse, polo que comentamos antes do nacionalismo galego e o anticolonialismo. A súa prioridade alí era sobrevivir, e é comprensible. Nese tempo, os que tiveron unha visión anticolonial: os irmáns Vilar Ponte, Manuel Antonio… foi desde unha perspectiva persoal e non desde un aparato ideolóxico que lles servise de base.

E como se ve agora en Marrocos o tema da guerra do Rif? Resulta doado falar coa xente diso?

Un dos nosos amigos é Abdelhamid Raiss, o sobriño-neto de Abd el-Krim, o líder dos rifeños na guerra. Alí vennos aos galegos como españois, pero é que eles tamén están construíndo a súa historiografía sobre a guerra do Rif. Tamén temos relación coa asociación Memoria do Rif. Con respecto aos españois, podo dicirche que non noto que haxa rancor.

"Teñen unha visión lúcida, con memoria do sufrimento, pero iso non impide unha actitude fraternal"

Recoñecen a relación coa historia hispana, a mestura cultural que puido traer… Hai unha predisposición a unha relación fraternal que non teñen cos franceses, por exemplo. Con respecto á guerra colonial española, vena como algo que non debeu acontecer. Teñen unha visión lúcida, con memoria do sufrimento, pero iso non impide unha actitude fraternal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.