María Alonso: "A emigración é unha revolta en si, e a persoa emigrante, un suxeito político"

Dominio Público Praza Pública

Un dos efectos do fracaso das políticas económicas e educativas do país é o precariado transmigrante. Unha xeración que emigrou non á busca de aventuras, senón porque lle negaron a posibilidade de traballar no seu lugar de orixe. Mais que tampouco atopa, fóra, unha mínima estabilidade laboral que lle permita deixar de ser lumpenproletariado nómade. De cidade en cidade. De subemprego en subemprego. María Alonso reivindica no seu libro Transmigrantes. Fillas da precariedade (Axóuxere) este colectivo como suxeito político en loita, activo, e non adurmiñado nin submiso, como tantas veces entende o tópico sobre o emigrante. Mozos e mozas que desenvolven, ademais, identidades híbridas nas que non é a distancia da terra, senón a precariedade, o motor da angustia vital. Do saberse estafados. Con medo a non poder volver.

As persoas transmigrantes sodes, aseguras no inicio do libro, un colectivo “silenciado”. En que sentido?

Hai unha importante presenza nos medios de comunicación de historias de éxito de galegas e galegos no estranxeiro, mesmo a través de programas de televisión que idealizan dun xeito case obsceno este fenómeno. A emigración do final feliz si está documentada, mais hai outra que non o está. Con esta versión edulcorada da nova emigración galega parécese querer suxerir que a xente emigra porque quere, non porque non ten outra opción, e que o éxito está a esperar por nós no estranxeiro. Pero hai unha cara B que non se ve reflectida en moitas ocasións: as historias de fracaso daquelas persoas que aspiraban a ter unha vida mellor e que atopan no estranxeiro a mesma precariedade que pensaron que estaban deixando atrás.

“Parécese querer suxerir que a xente emigra porque quere, non porque non ten outra opción”

Para min a transmigración é equivalente a precariedade, e desta precariedade poucas veces se fala. A cara menos amable da nova realidade migratoria, que é a migración das que teñen que firmar tres contratos zero-hour como limpadoras para poder chegar a fin de mes e, como iso non abonda, deciden probar sorte nalgún outro país e buscan outros tantos minijobs para tirar para adiante, e finalmente, mesmo pode que decidan deixalo e regresar á casa. A necesidade de recoller esta cara B foi o motivo que me levou a escribir o libro. En realidade, o que fago é intentar comprender o mundo que me rodea, mais tamén o concibo como contradiscurso a esta visión idealizada da nova emigración galega.

"A cara menos amable da nova migración é a das que teñen que firmar tres contratos 'zero-hour' como limpadoras para poder chegar a fin de mes”

En que se diferencia o actual do emigrante galego da xeración dos nosos pais e dos nosos avós?

Os condicionantes históricos son obviamente diferentes. Ademais, agora todas e todos temos un coñecemento moito máis global do mundo, o que facilita a toma da decisión de emigrar. Os medios de transporte tamén melloraron as condicións nas que unha viaxa, mesmo as novas tecnoloxías permítennos estar ‘aquí’ e ‘alí’ á vez e axudan a paliar a saudade. Estas diferencias son indiscutíbeis, pero tamén hai unha serie de paralelismos.

A nova emigración galega, coma a do século pasado, caracterízase pola alta cualificación das e dos emigrados. A xeración das nosas nais e avoas pode que non tivesen títulos académicos, ou doutoramentos, pero os datos e estatísticas indican que tiñan un nivel de profesionalización moito maior do que eu pensaba, o que axudou a que se integrasen no tecido laboral dos países de acollida. É preciso afastarse do tópico da e do emigrante galego analfabeto do século pasado que tanto complexo de inferioridade ten creado.

“É preciso afastarse do tópico da e do emigrante galego analfabeto do século pasado que tanto complexo de inferioridade ten creado”

En Terra de adeuses, que é o segundo capítulo do libro, ofrezo unha contextualización histórica á nova diáspora galega tendo en conta os movementos do pasado. Falo dos factores pull e push que motivan a toma de decisión de emigrar, e trato a segunda década dos noventa, caracterizada polo boom inmobiliario e que favoreceu a chegada de inmigrantes a Galiza, convertendo ao país no que define como un diaspora space.

No caso galego, este espazo de diáspora viuse condicionado non soamente pola chegada de comunidades latinoamericanas, africanas e de Europa do leste, entre outras, senón tamén pola presenza de retornados e retornadas, é dicir galegas e galegos de primeira ou segunda xeración no estranxeiro que aproveitaron aquela época de conxuntura económica para regresar ao país. A nova emigración galega afecta a todos estes colectivos, tanto ás galegas e galegos que nacemos en Galiza, como á xente que chegou durante os anos de bonanza económica, como ás retornadas e retornados que agora están a facer novamente as maletas.

Non se trata, sinalas en varias partes do libro, de establecer unha competición entre emigrantes para ver cal sofre a situación máis dramática, como se só os que están peor tivesen dereito á protesta. Por que dis isto?

O que está a ocorrer ás portas da Fortaleza Europea é tan dramático e intolerábel que, ás veces, o partir dunha situación de privilexio como pode ser o feito de pertencer a un país da UE parece invalidar calquera dereito á queixa contra unha realidade laboral que é sen dúbida inxusta. E este é o verdadeiro triunfo do sistema: o de crear conflito mesmo entre grupos subalternos. Por suposto que o colectivo do precariado transmigrante intraeuropeo ten dereito á protesta, como o ten calquera outro colectivo que así o considere.

"Por suposto que o colectivo do precariado transmigrante intraeuropeo ten dereito á protesta"

Posibelmente sexa a invisibilización e o descoñecemento da situación de precariedade do novo emigrante galego o que faga que dende o país de orixe se cuestione este dereito á protesta. Porén, no país de acollida -o Reino Unido no meu caso en particular-, a visibilización forzosa deste colectivo ten un efecto diferente; e isto, obviamente, non é casual. Durante a campaña para as eleccións xerais do 2015 no Reino Unido, así como para o referendo sobre o Brexit de 2016, a suposta problemática sobre a inmigración utilizouse dun xeito descarado para acalar a crise de refuxiados e refuxiadas.

“A suposta problemática sobre a inmigración utilizouse dun xeito descarado para acalar a crise de refuxiados e refuxiadas”

Nos debates políticos daqueles anos non se falaba de barcos afundidos no Mediterráneo nin de camións que ocultaban cadáveres no seu percorrido da fronteira turca até o norte de Europa. Nos noticiarios tratábanse novas sobre a guerra en Siria e no Kurdistán coma se fosen estes conflitos alleos, porén o debate deses anos de crise de refuxiados centrouse na migración intraeuropea. Falábase de españois e de romaneses cando se discutía a necesidade de controlar a inmigración ás illas británicas, e xa non tanto daquelas persoas que foxen das guerras. Hai que ter en conta que o Reino Unido é un lugar periférico, unha illa, e non é sinxelo chegar ao país de xeito ilegal. Probabelmente sexa por esta razón que o precariado transmigrante intraeuropeo converteuse nos últimos anos en obxectivo para os sectores conservadores.

"O precariado transmigrante intraeuropeo converteuse nos últimos anos en obxectivo para os sectores conservadores"

A iso engádese, afirmas no libro, a manipulación da linguaxe que converte a emigración en “mobilidade exterior”, a precariedade en “flexibilización do mercado laboral” ou o propio feito da emigración nunha aventura Erasmus.

No comezo do terceiro capítulo do libro, que leva por título A Fortaleza Europea, utilizo unha cita de Chomsky na que di que a propaganda é á democracia o que unha maza a un Estado totalitario. Esta cita sérveme para explicar como a moda da posverdade afecta tamén ao colectivo do precariado transmigrante. Este discurso da ‘mobilidade exterior’, das ‘aventureiras e aventureiros’, da ‘flexibilización do mercado laboral’ e da ‘desaceleración transitoria’ utilízase para manipularnos a todas e todos porque, como di Chomsky, manipular a linguaxe é o mesmo que manipular as persoas.

A manipulación da linguaxe é unha especie de lobectomía lingüística que nos están a facer sen que nos decatemos. Mais o certo é que esta dobre fala tamén forma parte deste proxecto de invisibización da situación de precariedade do colectivo transmigrante. Ao deixar de ser emigrantes exiliadas que padecemos de precariedade a causa da crise, convertémonos en privilexiadas europeas que non teñen dereito á queixa.

"Ao deixar de ser emigrantes exiliadas que padecemos de precariedade a causa da crise, convertémonos en privilexiadas europeas que non teñen dereito á queixa"

Este terceiro capítulo xira arredor desta reflexión. Achégome aos comezos da Unión Europea como proxecto económico, non como proxecto humano, e analizo as dinámicas que favoreceron nos últimos anos o sometemento dunha periferia (a do sur e da clase traballadora) a favor dun poder hexemónico (o do norte e das multinacionais). O meu fío argumental é que a posibilidade de libre movemento de persoas, que seguiu á decisión de libre movemento de cartos dentro da UE, concibiuse para acadar uns obxectivos de mercado e non, como os mestres da falsidade lingüística queren facernos ver, para facilitarnos a vida ás e aos europeos que queren viaxar.

"A posibilidade de libre movemento de persoas, que seguiu á decisión de libre movemento de cartos dentro da UE, concibiuse para acadar uns obxectivos de mercado"

Despois de achegarme a traballos de investigación como os de Schmidt (2006), Cafruny e Ryner (2003) ou Geddes (2008), entre outros, a miña conclusión é que Europa precisa inmigración, pero que se as que nos movemos somos as membros desa periferia sometida, non será entón preciso abrir as fronteiras a quen queira entrar dende fóra da Fortaleza Europea. Esta liña de argumento sérveme para tratar outras cuestións máis complexas, como son as condicións laborais do precariado transmigrante, dun xeito moi específico. O cambio para o colectivo no Reino Unido chega agora, cando a fronteira deste país deixe de ser unha zona de paso para converterse nunha zona de control.

A transterritorialización, comentas, favorece o desenvolvemento dunha identidade híbrida e transcultural. De que xeito se reconfigura a identidade da persoa emigrada desde a experiencia do rexeitamento por parte do mercado laboral do seu país de orixe?

Iso é exactamente o que me pregunto no libro. Cando xa estaba a escribilo, enviei unha mensaxe aos meus contactos nas redes sociais que sabía que estaban a traballar no estranxeiro preguntándolles que sentimentos lles producía a expresión “traballar en Galiza”, e estas son as respostas coas que comezo o segundo capítulo: paro, explotación, amargura, frustración, inestabilidade, falta de oportunidades, escaseza, desilusión, precariedade, utopía, tristeza, decadencia, emigración, apatía, enchufismo, estafa. O sentimento, como se pode ver, non é moi positivo. O certo é que non sei que consecuencias terá de cara ao futuro esta experiencia xeracional do colectivo transmigrante, que se sente rexeitado tanto polo país de orixe como polo de acollida.

Unha das miñas principais preocupacións está relacionada co xeito no que as experiencias de frustración persoal e o sentimento de rexeitamento e abandono condicionarán o proceso de construción dunha identidade híbrida dende o exterior. Isto vén dado polo feito de que concibo o concepto de ‘identidade híbrida’ no sentido que lle outorga Homi Bhabha, non como un proceso neutral de interacción cultural, senón como un proceso no que entran en xogo dinámicas de desequilibrios e desigualdades, xa que a identidade de comunidades é o resultado de dous elementos en conflito onde un ocupa unha situación de poder e outro de resistencia.

“Coido que esta nova xeración de galegas e galegos na diáspora ten unha visión menos emotiva sobre o tema da emigración”

Coido que esta nova xeración de galegas e galegos na diáspora ten unha visión menos emotiva sobre o tema da emigración. Considero o precariado transmigrante como suxeitos político que adopta unha posición extremadamente crítica cara aos condicionantes que deron pé á súa transterritorialización. Pregúntome no libro se este sentimento de rexeitamento influirá no xeito no que esta e futuras xeracións se relacionen co país de orixe. Pregúntome se fenómenos transculturais identitarios como o galego-uruguaio ou xermano-galego do século pasado seguirán vixentes a través desta nova xeración diaspórica, e pregúntome tamén cal é a nosa responsabilidade como portadoras de bagaxe cultural.

Mais o máis relevante, apuntas, non é a cuestión da identidade. É que a transmigración é unha das expresións da loita de clases. Empresarios que aproveitan a crise económica para empeorar máis aínda as condicións laborais. Traballadores que son lumpenproletariado nómade (de cidade en cidade e de país en país), que chega a pasar fame e que vive en pisos pateira. De que xeito é, tamén, expresión do fracaso de políticas económicas e educativas?

Para padecer a precariedade laboral non é preciso emigrar. Iso ben o sabemos as que levamos máis de dúas décadas buscando un traballo digno tanto fóra como dentro do país. Idealízase o feito de que haxa galegas e galegos de éxito traballando en multinacionais no estranxeiro, ou académicas nas institucións máis prestixiosas do mundo, ou enxeñeiras implicadas en proxectos alén dos mares, cando en realidade esta marcha de talento tería que considerarse coma unha traxedia para o país. Igual de tráxico é que haxa xente malgastando a súa formación e capacidade laboral servindo peixe frito nun fish&chips ou limpando habitacións de hoteis ou fregando pratos nalgún pub.

“É tráxico é que haxa xente malgastando a súa formación e capacidade laboral servindo peixe frito nun fish&chips

Digo que é tráxico non porque teña nada de malo ou fregar, senón porque nesta xeración de licenciadas, enxeñeiras, doutoras, etc. gastáronse moitos cartos e esforzos na súa formación. Ao vencellar a emigración ao éxito a través da invisibilización da precarización do colectivo transmigrante, inevitabelmente estase a conectar o marchar con progresar; porén ao malgastar o tempo vital e a formación destes e destas novas emigrantes, máis ben estase a involucionar.

“Considero que é a precariedade do colectivo a causante desta sorte de angustia vital que padecemos, e xa non tanto a distancia coa nosa terra”

En pego un bo repaso ás políticas europeas en materia laboral, así como á manipulación lingüística da que falamos antes e que está directamente conectada coa necesidade de favorecer un sistema asimétrico. Considero que é a precariedade do colectivo a causante desta sorte de angustia vital que padecemos, e xa non tanto a distancia coa nosa terra.

Isto xa o indicou Frantz Fanon, cando a mediados do século pasado afirmou que o vector ‘clase’ ía substituír a ‘raza’ para perpetuar unha sociedade de opresores e oprimidos que tan ben está a funcionar ao poder hexemónico. Esta nova realidade implica a necesidade de postular un paradigma alternativo arredor da emigración galega. A teoría poscolonial sérveme, neste caso, para facer esta achega e para analizar a complexidade dun tema que pode parecer anecdótico ou costumista para alguén que non está directamente afectado, pero que prexudica a moitísima máis xente da que poida parecer.

En relación co anterior, comentas que hai un certo clasismo no feito de falar de “titulitis”, de xeito despectivo. Porque, cres que tes dereito a chegar ao salario mínimo por ter un título? Razoamento utilizado por persoas que non o aplican aos seus propios fillos. Só aos fillos dos obreiros, que estudaron con bolsas.

Tes toda a razón. O da ‘titulitis’ non se aplica ás clases altas, soamente ás fillas e fillos dos obreiros. O mesmo acontece con outros apelativos como o da ‘xeración nin-nin’. En Transmigrantes achégome a estes apelativos ao ofrecer a contextualización histórica á diáspora galega que sinalei antes. Falo de Galiza como comunidade diaspórica, pero tamén como lugar de destino durante a época do boom inmobiliario, vencellada a negocios como o da construción ou o sector servizos, para intentar comprender o que aconteceu con aquela xeración que medrou durante este espellismo económico e que agora leva padecendo dez anos de crise.

Nunha sociedade tan asimétrica coma a nosa, somos as que quedamos fóra do sistema laboral as que temos que soportar estas etiquetas como a de ‘xeración nin-nin’ para aquelas e aqueles que durante o boom deixaron os estudos para pórse a traballar e agora levan anos desempregados, ou o da ‘xeración da titulitis’ para as que vemos na formación académica e nas bolsas un xeito de supervivencia.

“O da crítica á ‘titulitis’ non se aplica ás clases altas, soamente ás fillas e fillos dos obreiros”

Coido que hoxe en día todas e todos temos asumido que un título académico non é garante de nada. Para a xente desta xeración que agora ten entre trinta e corenta anos aproximadamente, e que quedou fóra do sistema laboral, xa non é só que sexa máis difícil atopar un traballo, senón que moi probabelmente non chegue a ter a oportunidade, que si tiveron as nosas nais e pais, de ter acceso a dereitos sociais garantidos. Mesmo as e os que atoparon traballo durante estes anos, sexa no país ou na diáspora, padecen tamén desta precariedade ao se trataren estes novos contratos, en moitas ocasións, de temporais ou zero-hour.

“Nunha sociedade tan asimétrica coma a nosa, somos as que quedamos fóra do sistema laboral as que temos que soportar estas etiquetas como a de ‘xeración nin-nin”

Pero o precariado transmigrante europeo ten un problema a maiores do que aínda non se fala: de que xeito quedarán reflectidos na nosa xubilación -porque o ‘dereito ao paro’ para a e o transmigrante non existe practicamente- estes anos de bagaxe laboral errante? Estamos agora a ver como mariñeiros que traballaron nunha especie de limbo favorecido pola UE teñen que loitar para que se lles recoñeza o seu dereito á xubilación. Algo moi similar acontecerá probabelmente con esta nova xeración se non se asimila nalgún sistema laboral de xeito estable nun futuro próximo.

Comentas que a xeración dos “nin-nin” podería ser chamada en realidade a dos “si-si”, que si estudaron, que si traballaron en condicións precarias, e que perderon a esperanza de mellorar.

A xeración ‘si-si’ é a xeración da ‘titulitis’ que si estudou pero que non se lle recoñece a súa valía profesional, e que si traballa pero a través de contratos precarios ou en prácticas que se perpetúan no tempo. A esta xeración refírome non como ‘xeración perdida’, senón como a xeración das oportunidades perdidas para o país que a expulsa. Na formación desta xente inverteuse unha cantidade inxente de cartos, e todas elas e eles cumpriron coa súa parte do trato, que era a de formase para o beneficio do país, pero agora ve que ten que marchar para exercer as súas profesións no estranxeiro ou que teñen que aceptar traballos para os que non é preciso formación.

“A xeración ‘si-si' é a xeración da ‘titulitis’ que si estudou pero que non se lle recoñece a súa valía profesional, e que si traballa pero a través de contratos precarios ou en prácticas que se perpetúan no tempo”

O libro está escrito desde unha perspectiva persoal, subxectiva, mais o que defendes apóialo en datos e en bibliografía. Falas de “fraude vital”, de “timo existencial”. Polo que ti ves, pásase dese sentimento de fraude á conciencia de ser clase subalterna con dereitos, independentemente da clase social de procedencia? Ou quédase só no nivel da experiencia do desclasamento?

O desclasamento non afecta a todas por igual. Afecta de xeito particular á ‘xeración si-si', é dicir, ás fillas e fillos dos obreiros. Na diáspora, ás veces tamén acontece este desclasamento coas que ocupan unha posición intermedia no país de orixe nesa xerarquía asimétrica da que falamos arriba e que, ao cruzar unha fronteira, baixa de posición na sociedade na que se asimila.

“Falo de ‘fraude vital’ e ‘timo existencial’ porque o precariado transmigrante está cheo de historias de frustración persoal e insatisfacción laboral”

Falo de ‘fraude vital’ e ‘timo existencial’ porque o precariado transmigrante está cheo de historias de frustración persoal e insatisfacción laboral, pero tamén é moi duro para as que quedan na casa, é dicir, para as nosas familias, que se senten impotentes por ver que non hai futuro. Refírome ás novas ‘viúvas dos vivos’ ao falar das nais de fillos ausentes, dos pais de fillas, da mocidade con irmáns e irmás holográficos que ven medrar desde o Skype, das avoas sen netos, etc. A soidade, tanto de quen marcha como de quen queda, é posibelmente o peor castigo desta fraude vital.

"A soidade, tanto de quen marcha como de quen queda, é posibelmente o peor castigo desta fraude vital"

Na Fortaleza Europea, comentas, a prioridade das políticas de emigración non son os dereitos humanos, senón o control das fronteiras, teoricamente abertas. En Gran Bretaña, os grandes partidos, -tamén o laborista-, apuntáronse ao discurso do estranxeiro como parásito que vén chuchar do sistema social inglés. En que sentido(s) é este discurso mentireiro?

Obviamente o Brexit ten mudado, e seguirá a mudar, a situación do precariado transmigrante intraeuropeo, galegas e galegos incluídos, de xeito radical. Até entón, a transmigración estaba normalizada. Era un colectivo, non invisibilizado no país de acollida -o Reino Unido, neste caso-, senón homoxéneo. As que emigramos de Galiza cara ao norte partiamos entón dunha situación de privilexio da que probabelmente non gozaron as nosas devanceiras, pero agora isto xa non é así.

“Agora somos aliens, suxeitos indesexábeis, obxectivo de discursos políticos xenófobos que nos fan sentir máis que nunca ‘inmigrantes”

Agora somos aliens, suxeitos indesexábeis, obxectivo de discursos políticos xenófobos que nos fan sentir máis que nunca ‘inmigrantes’. Somos un colectivo visibilizado á forza e no punto de mira no país de acollida. Pero quen está neste punto de mira é o precariado transmigrante. Non se cuestiona a presenza de directivos ou directivas non británicas nas grandes empresas, ou de académicos e académicas estranxeiras nas universidades; senón a de quen chega e sofre unha depreciación como capital humano polo simple feito de cruzar unha fronteira. Isto posibelmente supoña outro paralelismo coa emigración clásica galega.

“Non se cuestiona a presenza de directivos ou directivas non británicas nas grandes empresas, senón a de quen chega e sofre unha depreciación como capital humano por cruzar unha fronteira”

En Transmigrantes recollo unha cita coa que Sara Ahmed abre o seu libro The Cultural Politics of Emotion e na que o British National Front aseguraba que, e traduzo: “todos os días de todos os anos, hordas de inmigrantes ilegais e falsos refuxiados invaden o Reino Unido de calquera xeito que lles sexa posíbel ... Por que? Só buscan as comodidades e os subsidios gratuítos da cándida Gran Bretaña. Todo iso pagado por TI: o cidadán británico que paga os seus impostos”.

Este discurso, que se utilizou para crear conflito e incitar a poboación británica contra calquera colectivo que non fose británico, é totalmente falso e así o deixou de manifesto, por exemplo, o periódico The Guardian nun artigo de investigación que tamén recollo no libro. Mais temos que recoñecer que este tipo de afirmacións alarmistas e falsas tamén aconteceron no noso país durante o boom económico cando chegaron comunidades de alén dos mares a Galiza, e mesmo é algo que está a acontecer nestes momentos para suxerir que as persoas refuxiadas que chegan a Europa teñen casa e paga gratis. Este tipo de discurso é xustamente o que está a padecer o precariado transmigrante, galegas e galegos incluídos, no Reino Unido.

E aínda por enriba, o galego carga cos estereotipos -en boa medida creados polo galeguismo-, sobre o emigrante como ser pasivo, submiso… De que xeito o discurso neocolonial e “orientalista” entraron neste imaxinario sobre o emigrante como “outro”?

Castelao, en Atila en Galicia, dicía que “en Galiza non se pide nada, emígrase”. Esta idea da emigración como unha renuncia á revolta foi asumida, dende o meu punto de vista dun xeito bastante inxusto, polo galeguismo e, sobre todo, por aquelas e aqueles que gozan dunha situación de privilexio. Emigrar é unha das decisións máis duras que poida tomar unha persoa. Afástase unha do coñecido para no descoñecido, déixase á familia ou amigos pola soidade, cámbiase de país, de lingua, de clima. Non entendo como se pode considerar esta decisión como unha renuncia á revolta ou como unha asimilación de fracaso persoal, cando en realidade tería que considerarse xustamente como o contrario.

"Non entendo como se pode considerar a emigración como unha renuncia á revolta, cando en realidade tería que considerarse xustamente como o contrario"

Para min a emigración é unha revolta en si, e a e o emigrante é un suxeito político. Cheguei a esta conclusión a través da última publicación de Manuel Forcadela, na que analiza o concepto de ’saudade’ como construto cultural dunha colectividade que di non ao desarraigo. En Transmigrantes considero que a nova emigración galega lle dá a volta a todas as metáforas que rodean á diáspora clásica galega.

Coido que o precariado transmigrante cuestiona estes orientalismos creados arredor do emigrante como o ‘outro’ coa súa actitude crítica con respecto ás causas que condicionan a súa transterritorialización. Esta nova xeración de precariado transmigrante galego é unha xeración en loita. Poida que esta loita non se escoite, ou non se queira escoitar, no país de orixe, ao que soamente chegan novas edulcoradas deste fenómeno migratorio, pero o colectivo do precariado transmigrante -tanto galego como non galego- é un colectivo moi activo e consciente da necesidade de romper cos orientalismos que se nos outorgan por defecto.

"O precariado transmigrante cuestiona estes orientalismos creados arredor do emigrante como o outro"

De que maneira a saudade e o que Helena Miguélez chamou "sentimentalismo" poden ser, segundo dis, susceptibles de converterse no principio da revolta, da protesta, da reivindicación, da subversión?

As novas tecnoloxías teñen mudado as prácticas sociais de xeito radical ao permitir estar en contacto coa nosa familia, amigos e mesmo cultura de orixe case permanentemente. É por isto que a Galiza que unha deixa xa non é un obxecto imaxinario estático na memoria da ou do emigrante, como o era outrora, e pasa a converterse en algo dinámico. A pesares disto, o precariado transmigrante galego continúa a padecer desta angustia vital e da saudade da que padeceron as e os nosos devanceiros, polo que o que Transmigrantes suxire é que son a situación de precariedade e a falta de expectativas de mellora as causantes destes sentimentos.

"A nova e novo transmigrante, como suxeito político que é, reinterpreta todas as metáforas arredor da diáspora clásica galega dende unha perspectiva crítica"

A pesares disto, coido que a nova e novo transmigrante, como suxeito político que é, reinterpreta todas as metáforas arredor da diáspora clásica galega dende unha perspectiva crítica. Miguélez-Carballeira analiza, en Galiza, um povo sentimental?, o emprego retórico do sentimentalismo galego como unha manifestación dunha comunidade nostálxica que vive en harmonía coa natureza ou botándoa de menos cando está lonxe da súa terra. As ficcións culturais que están agora a aparecer dende a diáspora, e que son creadas por este colectivo do precariado transmigrante galego, están a ofrecer unha visión ben distinta deste sentimentalismo que, dalgún xeito, si que está presente na cara A desta nova diáspora, é dicir, na diáspora galega de éxito que se amosa nos medios de comunicación.

Nestes dous ou tres últimos anos están a aparecer proxectos moi interesantes que parecen facer uso desta retórica da sentimentalidade, pero como contradiscurso para amosar unha situación que aínda é descoñecida por moitas e moitos no país de orixe. E iso é así porque estou de acordo con Forcadela cando propón achegarse á saudade, ou á sentimentalidade por extensión, como discursos políticos dun colectivo e dunha era que din non ao desarraigo.

Que potencialidades ves en canto á unión ou polo menos intercambio entre o que quedou aquí e o que emigrou?

Hai un gran potencial que é agora cando está a tomar forma grazas a proxectos culturais e sociais que se levan a cabo tanto no país de orixe como nos países de acollida do colectivo do precariado transmigrante. As novas ficcións culturais que xorden dende a diáspora para darlle voz a estas historias de precariedade, en ocasións silenciadas no noso país, están a xogar un papel moi importante neste proxecto de visibilización. Transmigrantes, fillas da precariedade aspira a converterse tamén nun destes textos que, desde o exterior, intenta representar a cara B da nova emigración; pero non é nin o primeiro nin o último.

O documental No Cow on the Ice de Eloy Domínguez Serén sobre a súa experiencia como novo emigrante galego en Suecia, ou En tierra extraña de Icíar Bollaín sobre a nova diáspora española en Edimburgo son probabelmente dous dos mellores exemplos deste contradiscurso que se está a artellar dende a diáspora para intentar facer visible a situación de precariedade do colectivo transmigrante intraeuropeo. É necesario que en Galiza se coñezan estes traballos, porque deles se falará dentro de dez ou vinte anos, cando nos acheguemos, dende esa distancia histórica, a esta época convulsa pola que algunhas tivemos que pasar.

Transmigrantes considera que non é preciso esperar máis, e preséntase como facilitador deste intercambio ao ser un texto escrito en galego, dende a diáspora, mais para a lectora e lector do meu país de orixe, e xa non tanto para o do país de acollida.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.